O verán estivo ben. É hora de volver a adestrar

O verán estivo ben. É hora de volver a adestrar

Calor, vacacións, viaxes, praia, piscina… O verán é unha época do ano na que adoitamos aproveitar o noso tempo libre e deixar de lado o adestramento. Pero setembro acaba de comezar e o exercicio volve ás nosas vidas como parte da rutina.

Con todo, moitas persoas cometen o erro de volver aos adestramentos que mantiñan antes de abandonar a actividade física durante a tempada estival. Debemos ser conscientes do que supón a volta ao exercicio despois dun período de descanso. Precisamos adaptarnos, buscar novas metas… Por iso hoxe ímosche compartir unha serie de consellos para que poidas retomar o adestramento do mellor xeito posible:

O primeiro que debes ter en conta é facer adestramentos progresivos. Non lle esixas ao teu corpo máis do necesario. Para volver á rutina comeza con sesións curtas, conforme te habitúes a ese esforzo, poderás ir aumentado a duración e a intensidade.

Logo de estar un longo período de tempo sen actividade física temos unha maior propensión a sufrir lesións durante as sesións de exercicio. Por iso é moi importante que quentes antes de adestrar e que realices estiramentos cando remates, así poñeremos a punto as nosas articulacións e músculos.

Busca unha motivación. Marca obxectivos fáciles de realizar a curto prazo, deste xeito será máis doado ver os resultados das sesións de exercicio. Facer actividade física en parella, con amigos ou familiares tamén pode darche ese pequeno empurrón que precisas para comezar o adestramento.

Ademais, é conveniente manter unha serie de hábitos saudables que nos axudarán a sentirnos mellor e a afrontar o adestramento dun xeito óptimo:

  • Coida a túa alimentación: durante o verán deixámonos levar e é probable que cometamos excesos ou que non nos alimentemos correctamente. Combina o exercicio cunha dieta completa e equilibrada.
  • Hidrátate: é moi importante que nos manteñamos hidratados durante todo o día, pero é de especial relevancia facelo cando realicemos exercicio para repoñer sales minerais.
  • Descansa: O noso corpo precisa asimilar a actividade física que estamos a realizar. Non é necesario que adestres todos os días, con facer exercicio tres días á semana será suficiente para empezar.

Volver á rutina despois do verán é complicado, e tornar á actividade física aínda máis. Con todo, é importante realizar exercicio para manter o noso benestar. No noso Centro Integral de Saúde e Benestar García e Lestón somos conscientes diso, polo que che brindamos as chaves que precisas para volver a adestrar dun xeito adecuado e sen ricos.

Pilates Terapéutico. Moito máis que exercicio

Logo desta tempada de descanso que chega ao seu fin, a volta á rutina e ao novo ritmo de vida pode vir acompañada dalgunhas molestias ou dores nos nosos músculos ou articulacións. Para afastalas e que o noso corpo torne á normalidade o antes posible podemos exercitalo con distintas prácticas, e unha delas é o pilates terapéutico.

Este é un sistema de adestramento baseado en traballar a musculatura máis interna, pero o seu obxectivo vai máis aló de poñerte en forma fisicamente, pois tamén procura aliñar e coordinar por completo o teu corpo e mente. Deste xeito, o pilates terapéutico serve para tratar os desequilibrios producidos a nivel muscular e articular, como poden ser as dores de costas ou algunhas lesións, e mellorar as funcións do aparato locomotor.

Para conseguilo e contribuír ao teu benestar físico e psicolóxico, emprega seis conceptos claves:

  • A concentración é imprescindible para realizar os movementos na procura de conectar a mente e o corpo.
  • A precisión, para lograr os maiores beneficios e evitar desequilibrios corporais.
  • O core é necesario para manter un control da postura.
  • A respiración é necesaria co fin de obter unha execución rítmica e coordinar os desprazamentos.
  • A fluidez contribúe a realizar a práctica da forma e velocidade correctas.
  • O control é esencial para impedir que esta teña lugar de maneira descoordinada ou brusca.

Durante as clases desta metodoloxía o que máis prevalece é a individualidade, o que permite particularizar o tipo de exercicio en función da doenza e tamén segundo cada unha das persoas. Así, pode ser aplicado á gran maioría de colectivos de poboación da nosa sociedade.

E de seguro que a estas alturas xa tes interese por coñecer algúns dos seus beneficios. Entres os moitos que ten, estes son os máis recoñecidos:

  • Resulta de grande axuda para as persoas que permanecen durante moito tempo en réxime sedentario, pois mellora o control postural e evita as dores provocadas por certas posicións.
  • É unha boa terapia na rehabilitación fisioterapéutica para as patoloxías musculoesqueléticas como a artrite e a fibromialxia.
  • Ademais, é moi recomendable para os e as pacientes con escoliose e osteoporose, ao mellorar a condición ósea, e para aquelas persoas con dores lumbares, cervicais e dorsais.

Agora que xa tes claro en que consiste o pilates terapéutico e cales son os seus beneficios, queres poñerte mans á obra e probalos de primeira man? No noso Centro Integral de Saúde e Benestar García e Lestón dispoñemos de clases deste método, con grupos reducidos para fomentar o trato persoal con cada alumno/a, e onde o noso equipo profesional experto conseguirá que volver á rutina non se che faga custa arriba. Non agardes máis e anímate!

Mens sana in corpore sano. O deporte como terapia

Que é o que máis che apetece logo dun día de moito estrés no traballo? Que pensas que pode axudar a recuperar a ledicia nos momentos nos que xorde en nós certa tristura? Aínda que pode haber infinitas respostas a estas dúas cuestións, existe unha que é ben recoñecida e importante pola súa gran contribución nestes intres: o deporte.

É innegable que levar unha vida activa nos permite vivir máis e cunha maior calidade pero, ademais, nesta carreira o exercicio físico toma a forma dun par de ás que nos fan voar e lograr o benestar e o equilibrio, ao ser unha das mellores terapias cara á felicidade.

Ir correr polo teu barrio ou dar un paseo en bicicleta pode ser unha gran solución cando semella que o estrés xa atopou unha especie de fogar na túa cabeza e corpo. Nestes casos, o exercicio é un moi bo canalizador para este pois, durante a práctica deportiva o teu organismo xera endorfinas, as hormonas que proporcionan a sensación de benestar.

Igualmente, estes momentos supoñen unha desconexión na que as túas preocupacións se afastan da túa mente. Así, en moitas ocasións a actividade física axuda a xestionar dun mellor xeito emocións como a ira e permite sentirnos mellor connosco, gozamos unha maior motivación e sensación de autoeficacia. Os seus efectos na química cerebral actúan tanto durante como despois dela e, nos casos de ansiedade resulta ser moi beneficioso para calmar algúns dos seus síntomas incapacitantes.

En definitiva, o deporte favorece o benestar psicolóxico en xeral e constitúe un antidepresivo natural, ademais de provocar a liberación de neurotransmisores como a serotonina ou a dopamina, moléculas cerebrais implicadas nos procesos emocionais. O feito de levar un estilo de vida activa contribúe a mellorar a túa saúde mental e física, e axuda a que poidas superar certos obstáculos ou dificultades.

Incorporar a práctica de exercicio como unha parte fundamental do proceso terapéutico supón en moitos casos un avance moi positivo. Aínda así, esta sempre debe ser vista como un complemento a outro tipo de técnicas que pode contribuír á mellora de diferentes problemas psicolóxicos.

En García e Lestón ben sabemos que a saúde mental e a física se inflúen a unha á outra, polo que a mellor solución é abordar o teu problema dunha forma multidisciplinar. Nas nosas instalación contamos cun equipo profesional experto e especialista que traballa nas catro áreas (psicoloxía, fisioterapia, adestramento e nutrición) e che axudará a superar o estrés do mellor xeito e cun sorriso.

É a conta de calorías no que nos temos que centrar?

Algunha vez dixeches que as matemáticas non son o teu pero logo contas todas as calorías dos alimentos que consumes? Este é o primeiro dato que buscas cando les a etiqueta dalgún produto? Aínda que moitas persoas cren que contar as calorías é a forma correcta de determinar canto hai que comer, a realidade é outra e, se queres saber por que, non deixes de ler.

Para comezar, as calorías están presentes en todos os alimentos que consumes e unha unidade dela é a cantidade necesaria para elevar 1 grao Celsius a temperatura de 1 gr. de auga. Este é un número moi pequeno, polo que normalmente se mide en kilocalorías, onde 1 desta equivale a 1000 calorías.

Ao longo dun día, unha persoa adulta debe consumir ao redor de 2.000 Kcal, pero esta cifra sempre vai depender de moitos factores como pode ser o nivel de actividade física ou a idade. Neste senso, contar as calorías pode converterse moitas veces nunha obsesión e chegar a ser contraproducente para a xente que practica deporte, pois un correcto aporte calórico é esencial para poder render de forma axeitada nos adestramentos.

O feito de estar continuamente pensando nas calorías que levas en cada momento do día para non pasarte pode facer que en moitos casos remates por consumir unha cantidade inferior á que realmente precisas. O seu resultado será un nivel de canseira superior ao habitual, ademais dunha baixa enerxía.

Por estes motivos, á hora de escoller ou facer a comida é moito mellor elixir os alimentos en base á súa tipoloxía que polo número de calorías que aparece na súa etiqueta. Saber alimentarnos correctamente, ademais de inxerir os que nos aportan calorías de calidade, como os hidratos de carbono complexos que atopamos nos cereais integrais, é ben importante.

Deste xeito, debemos distribuír adecuadamente os macronutrientes e coñecer que cantidades e con canta variedade comer para seguir unha dieta equilibrada. Dende García e Lestón recomendámosche que non dediques o teu día á fórmula de lapis, libreta e calorías e o mudes por:

  • Elixir alimentos que aporten nutrientes.
  • Distribuír as porcións ao longo do día e en función das actividades que realices.
  • Seguir unha dieta variada chea de diversas cores.
  • Evitar alimentos precociñados.
  • Gozar da comida sen obsesións.

Aínda que as calorías poden servir como marco de referencia en casos concretos, a súa conta sempre debe vir da man de persoas profesionais como son as dietistas-nutricionistas. No noso Centro Integral de Saúde e Benestar García e Lestón contamos cunha área específica de nutrición na que che axudaremos cun modelo matemático ben saudable e adaptado ás túas necesidades.

Contar pasos está ben, pero… contas algo máis?

Cada vez que saes da túa casa para facer un mandado vas pendente do teu móbil para coñecer a cantidade de pasos que fixeches? Ás veces vas a pé pola rúa e sorpréndeste ao botar un ollo ao teu reloxo intelixente pero non para ver a hora se non para saber se xa acadaches a suficiente distancia en pisadas?

Xa sexa en forma de pantalla ou de pulseira, dende a túa propia man e no momento no que queiras podes ter acceso á cifra exacta dos pasos que deches durante un percorrido, á velocidade dos mesmos ou á túa frecuencia cardíaca. Esta información, aínda que semella ben útil, moitas veces pode converterse nunha obsesión e chegar a ser contraproducente para unha persoa.

A OMS recomenda dar diariamente como mínimo uns 10.000 pasos, o que equivale a aproximadamente sete quilómetros. Nesta carreira de fondo, que é seguir un estilo de vida saudable, entra tamén en acción o termo NEAT (Non-Exercise Activity Thermogenesis). Este é o gasto enerxético que ten o noso corpo ao realizar calquera actividade que non se considera exercicio físico programado.

Deste xeito, algunhas accións máis ou menos rutineiras como poden ser subir unhas escaleiras, ir a pé ao traballo ou saír a pasear á túa mascota poden supoñer un extra de calorías queimadas ao final da túa xornada. Así, para aumentar o seu nivel e manter un estilo de vida activo tan só tes que mudar pequenos actos do teu día a día que fas por comodidade sen decatarte e chegar

Ben é certo que o NEAT supón un gasto extra de calorías que poden ter un impacto sobre a nosa saúde, pero non deixa de ser un recurso interesante que debemos complementar co exercicio físico habitual. Este é necesario para manter o nivel de forza muscular e o metabolismo basal, ademais de ser unha parte importante das estratexias preventivas para moitas afeccións crónicas como a obesidade, a osteoporose, enfermidades cardiovasculares e problemas de saúde mental.

Igualmente, o feito de contar os pasos pode ser relevante cando é unha motivación e logra que unha persoa comece a realizar deporte de xeito regular. Neste senso, aínda que podemos confiar nas súas medicións, pois os erros adoitan ser mínimos, debemos deixar tanto a interpretación dos datos como a planificación individualizada das actividades e mais a súa intensidade nas mans de profesionais.

No noso Centro Integral de Saúde e Benestar García e Lestón contamos co mellor equipo experto en adestramento persoal grazas ao que, ademais dos teus pasos, tamén contarás os teus logros e sempre sen poñer en risco a túa saúde

Por que ir ao fisio? Máis aló das lesións

Cando foi a última vez que fuches ao fisioterapeuta? Es das persoas que pensa que só hai que acudir no momento no que sentes algunha molestia nunha parte do teu corpo ou tes unha lesión?

Esta última cuestión reflicte a idea que gran parte da sociedade ten sobre a función das persoas profesionais da fisioterapia. Pero, en realidade, esta área vai moito máis alá dos tratamentos e técnicas rehabilitadoras que poidan empregar para axudarnos coas nosas doenzas.

Neste sentido, os e as fisioterapeutas teñen a capacidade de realizar moitos máis labores dos que poidas imaxinar. E, como en García e Lestón ben sabemos que a túa saúde non pode nin debe agardar, ímosche contar por que non tes que ter unha lesión para acudir xunto ás súas mans.

 

  • Na prevención pode estar a solución. O equipo profesional pode converterse no teu grande aliado e contribuír tanto a curar como a previr as doenzas.
  • Corrección dalgúns xestos e malos hábitos. Moitas veces as dores e molestias corporais xorden por mor dunha postura incorrecta, polo que visitar o teu centro de fisioterapia e seguir as súas recomendacións terá como resultado unha gran mellora no teu corpo.
  • Constitúen un pilar fundamental no coidado do teu estado físico. Poden asesorarte á hora de realizar deporte con diversas pautas para lograr que a túa saúde estea no alto do podio. Tanto a información coma os consellos específicos e adaptados ao teu estilo de vida conseguirán que as lesións non formen parte do teu adestramento ou actividades cotiás.
  • A través dun plan de atención individualizada, os e as fisioterapeutas tamén poden mellorar a túa mobilidade mediante técnicas e exercicios de estiramento e fortalecemento.

 

Ademais de todos estes motivos, tamén existen outras razóns máis específicas polas que manter sempre ao carón a fisioterapia:

 

  • Grazas a un tratamento inmediato e oportuno podes previr cirurxías.
  • Axuda a tratar a vertixe e secuelas de enfermidades neurovasculares e musculoesqueléticas como son a artrite reumatoide, osteoporose, distrofia muscular, escordaduras, luxacións e a espasticidade.
  • Cumpre un papel moi importante nos procedementos de preparto e posparto ao poder tratar a dor de costas durante estes meses. Así mesmo, controla a presenza de hipermobilidade das articulacións sacroilíaca, scroccígea e da sínfese púbica na última etapa do embarazo.

 

Xa sabes como di o refrán: “máis vale previr que curar”. Desta forma, a fisioterapia non só pode axudar a recuperarte dunha lesión, tamén conseguirá que o teu estilo de vida sexa máis activo, unha mellor saúde e a evitación de doenzas. En García e Lestón somos moi conscientes de que o teu benestar debe ser o primeiro, por iso contamos cunha área específica de fisioterapia e adestramento persoal onde o noso equipo profesional experto sempre te botará unha man, ou as dúas.

O medo ás vacacións, a sombra do verán

A túa cara iluminada polos raios de sol, ti nun marco visual de area e auga, montaña e río… e o relax como gran compañeiro. Semella un plan perfecto, pero non todas as persoas teñen o mesmo pensamento ante esta situación. O que os teus ollos poden ver como descanso, para outros pode resultar unha auténtica fatiga.

O noso día a día está condicionado por horarios: a nosa xornada laboral, as actividades que realizamos fóra desta ou algo tan esencial como as horas das nosas comidas. Ao chegar un período vacacional, como é o verán, o detemento desta rutina chea de ocupacións pode provocar angustia, ansiedade, malestar ou estrés se non sabemos como desconectar.

Deste xeito, non chegamos a descansar plenamente e o ocio convértese nun problema pois, co fin de poder manter este tempo baixo control, organizámolo con diversas tarefas para facelo produtivo e semellante ao traballo en si mesmo. Igualmente, ante este tipo de circunstancias as persoas poden padecer un medo irracional ao que lle seguen palpitacións, unha excesiva suor ou a dificultade para respirar.

Este temor que xorde ante a idea de non ter nada que facer recibe o nome de ociofobia. En moitas ocasións é consecuencia do ritmo de vida tan acelerado que cargan sobre as súas costas moitas persoas. Ademais, este trastorno da ansiedade vai en aumento cada ano que pasa e durante estes meses de xullo e agosto é cando acada os seus niveis máis elevados.

Neste senso, a súa orixe está ben relacionada coa influencia que soportamos por parte dunha sociedade que impón a necesidade constante da produtividade. Ao mesmo tempo tamén colle moita relevancia o falso pensamento de ter sempre unha ocupación que atender se queremos que o noso valor persoal sexa recoñecido. Isto leva a moita xente a antepoñer os logros á súa felicidade e a medir o propio éxito en base á cantidade e non á súa calidade.

Para tentar combater este mal é recomendable que dediques polo menos unha hora ao día ao teu propio coidado. Estar a soas contigo mesmo/a resulta moi beneficioso para que te coñezas dun xeito máis profundo, pois moitas veces o feito de parar implica poder procesar o que está a acontecer no teu interior para logo poder abordalo mellor. Así, é importante deixar de considerar o ocio como unha obriga e que te deixes levar, pois ben é certo que os períodos de creatividade aparecen no cerebro cando unha persoa está relaxada ou desconecta da súa xornada habitual.

Pero, ás veces, non podemos abordar o problema de forma individual, polo que buscar axuda profesional pode ser a túa solución ao contribuír a que atopes como gozar da tranquilidade e dos pequenos ratiños sen tarefas. Dende a nosa área específica en Psicoloxía do Centro Integral de Saúde e Benestar García e Lestón lograremos que isto sexa unha realidade. Non deixes que o estrés, a ansiedade ou o medo sexan os teus compañeiros de viaxe este verán!

Adestramento no verán, cuestión de tempo

Chega o verán e con el as nosas ganas por realizar unha morea de actividades: ir á praia e tomar o sol, quedar coas nosas amizades, camiñar por algunha ruta… e para o final deixamos o adestramento que, en moitas ocasións, non chegamos a facer por “falta de tempo”.

Por isto mesmo, nesta época estival a xestión correcta dos horarios é un aspecto fundamental que debes ter en conta para que a práctica deportiva non se che faga custa arriba ao chegar o ritmo habitual no mes de setembro. Saber controlar este parámetro é unha habilidade que che permitirá tamén aumentar a túa produtividade.

Ao pensar nestes meses de xullo e agosto que é o primeiro que che vén á cabeza? Se a túa resposta foi a calor estás no certo. Este é un dos principais elementos que debemos ter en conta á hora de planificar as nosas sesións de adestramento e pautalas segundo a humidade e mais a temperatura.

No caso de que queiras realizar a túa actividade ao aire libre, este último parámetro ten que situarse entre os 20 e 24°C, mentres que por enriba dos 25°C pode resultar perigoso para a túa saúde. A mellor opción é evitar as horas do mediodía e adestrar nas primeiras da mañá, sobre as oito ou as nove, ou nas últimas da tarde, cara ás oito ou dez, pois o aire é máis fresco e as temperaturas máis suaves.

Neste sentido, algo que pode axudar no caso de que vaia moita calor é escoller un tipo de exercicio físico acorde a esta, polo que podes practicar natación ou acudir a unhas instalacións deportivas pechadas e con aire acondicionado. Agora xa tes unha escusa menos para deixalo a un lado!

Outro obstáculo co que pode bater a túa motivación é adestrar en solitario, polo que mellor facelo en compañía. Estar cos teus amigos/as ou parella á vez que camiñas, corres ou pedaleas é a mellor forma de non mudalo para outro día e de sacar o máximo rendemento ao teu esforzo.

En poucas palabras, as vacacións de verán serven para recuperar a enerxía perdida durante o resto do ano, e para iso non hai nada mellor que o deporte. Aínda así, cómpre non ir ata o extremo, pois o noso corpo tamén precisa un descanso de polo menos un día á semana.

En García e Lestón sabemos que ás veces manter unha rutina pode ser unha tarefa algo difícil, e máis durante estes meses. Por este motivo, no noso centro contamos cun equipo profesional que che axudará a planificar o teu adestramento e a exercitarte dunha forma metódica e sen présas. Tanto na praia coma no monte, faille un oco ao deporte no teu verán!

Correr na praia, os dous lados

Correr pola beira do mar a primeira ou última hora do día, sen moita xente, de fondo escoitar como as ondas baten contra a area e notar como a suave brisa percorre o teu corpo. Poderías dicir que non a este plan? Así de primeiras todo soa moi ben, e é certo que correr pola praia ten moitos beneficios para o noso corpo, pero tamén debes ter en conta os riscos que pode supoñer.

Se es desas persoas que este verán quere descubrir e probar novas formas de facer exercicio, non apartes a túa ollada de aquí para coñecer as dúas caras deste tipo de adestramento e evitar así a aparición de lesións.

Entre os beneficios desta práctica podemos destacar que:

  • A area é unha superficie moito máis branda que calquera outra á que esteas afeito/a, o que supón que o impacto no corpo sexa moito menor.
  • Así mesmo, esta opón unha maior resistencia que a terra firme, polo que a túa queima de calorías será maior.
  • Seguro que coñeces a sensación de que os teus pés queden baixo a area ao tentar avanzar por ela, verdade? A inestabilidade do terreo esixe que os teus músculos traballen cunha maior intensidade e deste xeito mellorarás a túa forza e tonificarás os nocellos, xemelgos e cuadríceps.
  • Igualmente, o seu característico desnivel orixina apoios irregulares e que permiten desenvolver a propiocepción. Grazas a ela, ao longo gañarás en técnica e control da pegada.
  • Ademais, o entorno é ideal para combater o estrés e esquecer por un momento todas as preocupacións.

Pero non todo vai ser bo e, antes de aventurarte a realizar esta disciplina, tes que coñecer algúns dos seus riscos:

  • A maioría das nosas praias presentan unha inclinación irregular con fortes desniveis. Isto fai que teñas que adoptar unhas posicións nos pés, xeonllos e cadeiras antinaturais e que, prolongadas no tempo, poden provocar sobrecargas e facilitar a aparición de lesións.
  • O terreo brando tamén pode chegar a ser un punto en contra. No caso de que afundas en exceso e os ergas continuamente, o tendón de Aquiles, nocellos e xemelgos poden sufrir bastante.
  • Agora, no verán, as altas temperaturas e mais o sol poden provocar deshidratación, insolación ou desmaio, ademais de queimaduras de non empregar protección solar.

Xa coñeces os dous lados de correr na praia, e non nos referimos á area e á auga, senón ao bo e ao malo desta práctica deportiva. Neste sentido, o que debes ter ben claro é a importancia da moderación: para aproveitar os aspectos favorables e evitar os lesivos non fagas dela unha rutina habitual.

Deste xeito, se este verán decides iniciarte neste tipo de adestramento, aconsellámosche que comeces con carreiras curtas, na zona na que a area está húmida e onde o desnivel sexa menor.

Igualmente, o feito de contar coa axuda de especialistas para evitar futuras lesións é un acerto seguro. No noso Centro Integral de Saúde e Benestar García e Lestón, grazas ao noso equipo profesional, axudarémosche a que os teus adestramentos non sexan nada perigosos e goces da praia, tanto para realizar deporte como para descansar.

Adolescencia e futuro, non hai un só camiño

Atopámonos en xuño, mes número seis do ano, cando comeza o verán, pero tamén o momento no que moitos e moitas adolescentes que rematan o curso académico teñen que decidir que facer o resto da súa vida, cal vai ser o seu futuro. Ben é certo que é unha decisión complexa e na súa mente existe o medo a “trabucarse”, pois pensan que un erro significa o final, coma nos videoxogos, pero para nada é así.

Neste sentido, a autoesixencia impide o rendemento do/a estudante e moitas veces pode derivar no coñecido fracaso escolar e, como consecuencia, no abandono do mesmo. O medo a cometer algún erro, aínda que sexa algo pequeno, pode entenderse pola propia persoa como o temor a fallar, o que lle vai causar unha grande ansiedade.

Esta é unha emoción de adaptación que xorde ante unha situación perigosa real ou percibida, como é este caso. Ademais, se os medos se magnifican, con eles tamén o fará a ansiedade e, como resultado, no momento no que a persoa teña que tomar unha decisión pode chegar a sentir un gran bloqueo.

Logo de rematar secundaria, cando chega o momento de escoller que facer, o alumnado con cualificacións moi boas sente presión para elixir unha carreira que teña unha nota de corte alta, pois do contrario “desperdiciará” a súa elevada puntuación. Este pensamento que teñen interiorizado a meirande parte dos e das adolescentes conduce a unha perda da motivación, malestar ou insatisfacción pola súa banda.

Xunto a este aspecto que condiciona, nalgúns casos, a decisión de estudantes tamén atopamos a coñecida frase de “non ten saída”, unha negación que en realidade non podes saber ata que non te atopes dentro do mercado laboral e o vexas cos teus propios ollos. Igualmente, hai que engadir a influencia familiar, vinculada cos desexos que depositan na persoa en cuestión, como seguir coa profesión da familia ou realizar uns determinados estudos porque os pais ou nais non puideron completalos ou acceder a eles.

Ben é certo que sempre axuda escoitar as opinións doutra xente. Porén, para escoller o eido cara o que queres orientar a túa vida profesional tes que centrarte en ti e no que che motiva e gusta, e ter claro que non hai un só camiño para chegar a el. Por isto mesmo, tampouco é unha decisión única nin definitiva, pode mudar a medida que xorden novas ferramentas, escenarios, ou afinidades distintas.

A vida non é un videoxogo, polo que, aínda que elixas e te trabuques, esta será unha oportunidade para medrar, madurar e aprender a tomar decisións dun xeito reflexivo, pero nunca penses que estás a errar. No noso Centro Integral de Saúde e Benestar García e Lestón contamos cunha área específica na que che podemos axudar a abordar estes obstáculos e superalos. Non deixes que o estrés, a ansiedade ou a autoesixencia decidan por ti e causen o teu fracaso escolar.