Cabeza sa sobre pescozo san: fortalece a túa musculatura

Hai unhas semanas falamos no noso BLOG sobre unha das doenzas máis frecuentes na poboación xeral: a cervicalxia. Hoxe queremos afondar neste tema axudándovos a previr esta doenza a través da actividade física.

Para eliminar a tensión muscular que se xera no noso pescozo e que nos provoca dor é necesario que realicemos exercicios de estiramento e fortalecemento no día a día. Dende a nosa unidade de adestramento amosámosche unha rutina preventiva:

  • Exercicios de estiramento: axudarán a aumentar a flexibilidade da musculatura, diminuíndo o risco de sufrir lesións cervicais e ampliando o rango de movemento da articulación.
  1. Estiramento lateral do pescozo e da parte superior do ombreiro: dirixe a cabeza cara ao ombreiro que sintas menos cargado mentres a man dese lado tira do brazo da parte lesionada cara abaixo e por detrás das costas. Mantén esta posición durante 10 segundos. Este exercicio pode facerse sentado/a no chan, nunha cadeira ou de pé.
  2. Estiramento da parte anterior do ombreiro: colócate de lado a unha parede co brazo cara atrás co cóbado estirado e a palma da man cara á parede. Colle aire e mentres o vas expulsando, vira lentamente o corpo cara ao lado contrario á parede sen separar o brazo da mesma. Mantén a postura durante 10 segundos e relaxa as articulacións.
  • Exercicios de fortalecemento: a maioría dos casos de cervicalxia débense a un desequilibrio ocasionado pola debilidade de certos grupos musculares, polo que é recomendable incorporar á túa rutina este tipo de exercicios.
  1. Coloca a palma da man na túa fronte exercendo presión contra ela á vez que a túa cabeza ofrece resistencia no sentido contrario.
  2. Déitate boca abaixo e mantén a mirada en liña coa columna. Leva os brazos cara atrás e cara arriba deixando que as puntas dos pés se apoien sobre o chan. Agora, mantendo a tensión nos brazos, levanta a cabeza e as cervicais mentres mantés a mirada cara ao chan. Mantén esta postura 10 segundos e relaxa.

Queres coñecer máis exercicios que che axuden a previr lesións nas túas cervicais? En García e Lestón contamos con profesionais do adestramento que estudarán o teu caso e elaborarán unha rutina adaptada ás túas necesidades e obxectivos para que ningunha doenza afecte á túa calidade de vida. Contacta connosco sen compromiso!

Sinovite de cadeira: que o movemento non pare!

O teu fillo/a quéixase constantemente dunha dor na cadeira? Moito ollo! Esta doenza pode estar relacionada coa sinovite de cadeira. Dende García e Lestón contámosche todo sobre esta enfermidade.

A sinovite de cadeira é unha inflamación do tecido que forma a capa máis superficial da cadeira, a membrana sinovial. Isto produce un exceso de líquido articular que distende a articulación e provoca unha diminución da mobilidade. Esta afección é a causa principal da dor de cadeira e a culpable, na maioría dos casos, de que nenos/as de entre 3 e 10 anos presenten coxeiras.

Pero non debes alarmarte se o teu pequeno/a padece esta patoloxía, xa que é un proceso benigno, leve e autolimitado, que co tratamento adecuado curará nun máximo de dúas semanas (entre 7 e 10 días).

As causas da sinovite de cadeira a día de hoxe descoñécense, pero existen certos factores que poden aumentar a probabilidade de aparición como sufrir unha infección vírica nas vías respiratorias superiores ou ter unha caída ou golpe. Adoita ser frecuente que semanas anteriores a padecer esta enfermidade, o/a paciente tivese unha infección de gorxa, gastrointestinal ou un traumatismo indirecto na zona.

Os nenos/as que padecen esta enfermidade adóitanse queixar de non poder correr nin andar por sentir dor na zona da ingua, na parte dianteira da coxa ou mesmo no xeonllo. Con todo, a sinovite de cadeira non adoita presentar moitas complicacións graves, as máis comúns son:

  • Dor nun lado da cadeira.
  • Coxeira.
  • Dor de xeonllo e/ou coxa.
  • Febre baixa, menos de 38.º

Como comentamos anteriormente, esta patoloxía debería desaparecer co paso dos días. Nestes casos, o tratamento está dirixido a aliviar a dor e diminuír a inflamación da cadeira, polo que recomendamos o seguinte:

  • Repouso: malia que poida ser difícil que un neno/a non se mova, hai que tratar de evitar que camiñe o menos posible.

Terapia física: dentro da fisioterapia, existen múltiples técnicas e métodos cos que se pode controlar os síntomas que aparecen pola sinovite de cadeira, os máis comúns son:

  • Crioterapia: coa finalidade de xerar unha diminución da temperatura nos tecidos e reducir a inflamación, aplícase frío sobre a articulación.
  • Aplicar calor: cando a inflamación da zona diminuíu considerablemente, recoméndase aplicar calor na zona da cadeira para aumentar o fluxo sanguíneo e reducir a dor, ademais de favorecer unha pronta recuperación.
  • Estiramentos: é aconsenllable que un/unha profesional cree unha táboa de exercicios para evitar o entumecemento muscular despois dun período prolongado de repouso.

En García e Lestón contamos con profesionais da fisioterapia que estudarán o caso dos teus pequenos/as e seleccionarán o tratamento que máis se adecúe ás súas necesidades, para que poidan recuperar a súa calidade de vida o antes posible. Que o movemento non pare!

Non aceptes as migallas: coñece o “Breadcrumbing”

Sentes que a túa parella só che dá unhas faragullas de atención? Este fenómeno coñécese como “breadcrumbing” (deixar migallas de pan).

Os vínculos sociais (parella, familia, amigos, etc.) requiren de traballo, compromiso e responsabilidade afectiva, pero en moitas ocasións algún destes factores adóitase descoidar chegando a causar dano emocional á outra persoa. Un exemplo diso é o “breadcrumbing”, que fai referencia a un patrón de comportamento onde unha parte da relación lle dá á outra o que lle sobra a modo de reforzo intermitente para que se manteña vinculado/a a ela/el baixo uns mínimos coa esperanza de que, nalgún momento, esa situación poida estabilizarse e mellorar.

Un exemplo claro disto? Unha persoa que, nun principio, presta moita atención á súa parella e, de súpeto, comeza a tratala de xeito distinto ou desagradable, deixa de responderlle ás mensaxes, de interesarse pola súa vida, etc. Isto provoca na outra parte unha sensación de incerteza, malestar, frustración e mesmo dependencia.

Para que poidas identificar este comportamento, queremos amosarche as condutas máis habituais:

  • Parece disposto/a a ter encontros en persoa ou realizar plans, pero anúlaos a última hora.
  • Algúns días móstrase interesado/a e falador/a, pero despois deixa de chamar ou responder ás mensaxes durante un longo período de tempo.
  • Evade temas que impliquen compromiso a futuro.
  • É ambiguo/a ao falar contigo. É dicir, cando se lle propón avanzar dalgún modo na relación, responde con evasivas.
  • Non adoita querer falar de sentimentos.
  • Non quere estar contigo pero tampouco sen ti, polo que non remata coa relación.

Sénteste identificado/a con algún destes sinais? Dende García e Lestón dámosche algúns consellos para saber como actuar ante este tipo de situacións:

  • Trata de ser obxectivo/a: pode que as túas emocións estean nubrando a túa parte máis racional polo que es incapaz de ver que os actos desa persoa están a facerche dano. Neste punto tes que pensar nos feitos e preguntarte: “É este o tipo de relación a que quero?” “Son feliz nela?” “Gustaríame cambiar algo?”
  • Expresa os teus sentimentos: intenta expresarlle as túas emocións e pensamentos á outra persoa, pode que o erro se atope nunha falta de comunicación.
  • Elixe o que mellor che conveña: valora se che compensa estar cunha persoa que, ao mellor, nunca che poderá dar o que buscas nunha parella.

Desvincularse deste tipo de relacións pode ser moi complicado e pode requirir a axuda de especialistas da saúde mental. En García e Lestón contamos con profesionais da psicoloxía que te acompañarán durante todo este proceso e che darán os mellores consellos para afrontalo. As migallas, ao lixo!

Remata o ano. Ves a liña de meta?

Estás a buscar un novo desafío para rematar ou empezar o ano? Se este é o teu caso, dende García e Lestón propoñémosche un dos retos deportivos máis habituais: participar nunha carreira.

Este tipo de competicións supoñen un gran esforzo físico e mental e poñen a proba a nosa capacidade de resistencia, adaptación, dedicación e disciplina. Por iso, moitas persoas ao longo da súa vida teñen o soño de poder terminar unha maratón, pero non co obxectivo de gañar, senón de demostrarse a eles/elas mesmos/as que son capaces de superar os límites que se propoñan.

Con todo, como comentamos anteriormente, as altas esixencias que implica esta actividade deportiva requiren dun acondicionamento previo, polo que, dende as nosas unidades de adestramento e fisioterapia, dámosvos algúns consellos para preparar a vosa próxima carreira:

  • Realiza unha revisión médica: antes da inscrición, debes pedirlle a profesionais da saúde e da fisioterapia que revisen o teu estado físico. O primeiro é saber se o teu corpo é capaz de resistir este tipo de esforzo e, en base a iso, establecer unhas distancias límites.
  • Busca información sobre o percorrido: é moi importante que coñezas o tramo que vas correr, saber onde se atopan os desniveis e os puntos de avituallamento para poder organizar mellor o teu ritmo e tempos.
  • Planifica o teu adestramento: crea unha rutina de preparación física. Non só debes incluír diferentes tramos e distancias, é esencial que realices exercicios de forza, mobilidade e flexibilidade para previr lesións e mellorar a túa pisada. Tamén é recomendable que aumentes a intensidade e duración das túas carreiras gradualmente. Aínda así, o incremento da quilometraxe non debería superar o 10% dunha semana a outra. O teu obxectivo debe ser alcanzar a distancia necesaria 4 semanas antes do evento, para despois diminuír o ritmo do teu adestramento e manter o teu corpo preparado para o día da competición.
  • Coida a túa alimentación e mantente hidratado/a: parte do éxito depende da túa nutrición. Debes contar cunha alimentación equilibrada onde non falten vitaminas, minerais, proteínas graxas e hidratos de carbono. Lembra tamén que a intensidade da actividade require unha perda de auga e sales minerais, polo que é moi importante hidratarse antes, durante e despois da carreira para mellorar o teu rendemento.
  • Descansa: este tipo de actividades supoñen un gran esgotamento físico, por iso é moi importante que teñas un tempo de descanso e de recuperación. O aconsellable son 8 horas de sono.
  • Elixe un calzado axeitado: os teus pés van ser os que te leven cara á meta. Utiliza unhas zapatillas que se adapten ás túas necesidades e aporten unha boa suxeición e amortecemento. Lembra que o día da competición non debes estrear nin roupa nin calzado para unha maior comodidade!

En García e Lestón contamos con profesionais do adestramento e da fisioterapia que che axudarán a planificar a túa carreira e facer unha posta a punto completa. Non o dubides máis e contacta connosco sen compromiso!

Que a auga non che chegue ao pescozo. Descúbreo todo sobre as cervicalxias

Do mesmo xeito que a dor de costas, as doenzas nas cervicais son outro dos problemas máis frecuentes que sofren os/as nosos/as pacientes cada día. Por iso, dende García e Lestón dámosvos algúns consellos e exercicios para evitar e tratar unha das molestias máis comúns na nosa sociedade: a cervicalxia.

Esta patoloxía coñécese como a dor que afecta á noca e ás vértebras cervicais e que pode chegar a estenderse ao pescozo, cabeza ou extremidades superiores. Esta afección limita o rango de movemento e pode vir acompañada de náuseas, vómitos, debilidade, trastornos visuais, vertixe, formigo, zunidos nos oídos e, nun 1% dos casos, pode chegar a provocar disfunción neurolóxica.

As principais causas da cervicalxia adoitan deberse a dúas circunstancias: as sobrecargas musculares provocadas por hábitos desaconsellables e posturas cotiás ou as contusións de gran impacto. Malia que estas son as razóns máis habituais, existen outros factores que poden provocar esta doenza como: artrose cervical, lesións do disco intervertebral, tumores, infeccións, etc.

O tratamento desta patoloxía recae na fisioterapia, sendo a terapia manual, a rehabilitación e os programas de exercicios destinados a fortalecer os músculos da zona os grandes aliados dos/as pacientes. O prognóstico é xeralmente bo se se permanece activo/a e se seguen as indicacións do/a profesional.

Dende a nosa unidade de fisioterapia, dámosche algunhas recomendacións para evitar que unha lesión cervical torne nunha posible cervicalxia.

  • Aplicar calor na zona durante 15 minutos e varias veces ao día.
  • Evitar movementos que provoquen dor, non facer repouso total en cama e non cargar peso.
  • Tras a primeira semana, e se a dor mellora, podes empezar a estirar a zona. Algúns exercicios cervicais de flexibilidade que poderás realizar para mellorar e aliviar a dor, son os seguintes:
  1. Rotación de pescozo: rota o pescozo 90° ata que o queixo toque un dos ombreiros. Descansa uns segundos e repite o movemento cara ao lado contrario. É importante que realices este exercicio de forma lenta e pausada.
  2. Rotación de ombreiros: coas costas rectas, xira os ombreiros nun movemento circular, primeiro cara adiante durante uns segundos e logo cara atrás.
  3. Inclinación lateral de pescozo: inclina todo o pescozo cara a un lado, tentando que a orella toque o ombreiro. Non forces o estiramento, detén o movemento cando notes que o músculo se estira sen chegar a sentir dor. Volve á postura inicial e repíteo en sentido contrario.

En García e Lestón contamos con profesionais da fisioterapia que estudarán o teu caso en profundidade e aplicarán o mellor tratamento adaptado ás túas necesidades para reducir o teu malestar e recuperar canto antes a túa calidade de vida. Contacta connosco sen compromiso!

Pesadelo ou realidade? Que son os terrores nocturnos e como tratalos

Existe algo máis terrorífico que a noite de Halloween? Polo momento, a época dos disfraces tenebrosos ou as cabazas sinistras chegou á súa fin, pero, por desgraza, hai algunhas persoas para as que o medo non remata o 1 de novembro. Dende García e Lestón contámosche o peor pesadelo de calquera neno/a: os terrores nocturnos.

Este tipo de trastornos do sono denomínanse tamén parasomnias e caracterízanse pola aparición de condutas explosivas de carácter anómalo e irracional que se orixinan mentres a persoa está a durmir. Esta afección baséase en sufrir episodios recorrentes de espertares bruscos que provocan unha sensación de angustia que se adoita exteriorizar con berros e axitación psicomotriz.

Este trastorno afecta maioritariamente aos/ás nenos/as entre os 4 e 10 anos. De feito, a Asociación Española do Sono (ASENARCO) estima que un 40% da poboación sufriu algunha vez un episodio de terrores nocturnos durante a súa infancia. Malia esta alta incidencia nos/as máis pequenos/as, esta alteración do sono adóitase superar xeralmente antes de entrar na adolescencia.

Se es pai ou nai e o/a teu/túa fillo/a sofre este tipo de episodios nocturnos, non debes entrar en pánico. Dende a nosa unidade de psicoloxía dámosche algunhas recomendacións para previr e tratar este tipo de trastornos:

  • Evitar a sobreestimulación: aconséllase que os/as pequenos/as se deiten cedo e sigan unha rutina diaria. Débese evitar que se vaian á cama alterados/as ou sen un momento previo de tranquilidade, xa que os seus niveis de ansiedade poden incrementarse e interromper na conciliación do sono. Tamén pode axudar a descansar mellor unha cea lixeira e non utilizar o teléfono móbil previamente.
  • Manter a calma: a paciencia será a túa mellor aliada durante os terrores nocturnos. É necesario que os pais e nais acheguen tranquilidade e seguridade para acougar ao/á neno/a. Se está a vivir un episodio, déitate ao seu lado e agarda ata que volva durmir.
  • Acudir a un/unha profesional da psicoloxía: a psicoterapia é unha boa opción cando se necesita axuda externa e acompañamento na xestión emocional. Cando se viven trastornos con este tipo de incerteza na súa aparición, pódense experimentar sentimentos de tristeza, medo e desesperanza. Nestes casos, é moi recomendable acudir a un/unha especialista que oriente e axude tanto aos pais/nais como aos/ás fillos/as.

En García e Lestón contamos con profesionais da psicoloxía que axudarán a todo o núcleo familiar a superar esta etapa e volver a recuperar a calidade de vida cada noite. Non o dubides máis e contacta connosco!

Lesión de nocello? Así podes volver á carga con toda a seguridade

De seguro que algunha vez te decataches da importancia que ten a saúde dos teus pés na túa vida diaria por culpa dunha doenza. Moitas veces non somos conscientes do valor que ten o coidado do noso corpo ata que sufrimos unha lesión.

Un calzado inadecuado, unha mala pisada, unha caída… moitos poden ser os factores que causen un dos problemas máis habituais nos nosos pés: a escordadura de nocello. Pero, que sexa algo frecuente non significa que non lle prestemos a atención necesaria. Se non se trata correctamente, esta lesión pode desenvolver afeccións para sempre. Algunhas persoas con escordaduras reiteradas ou graves poden chegar a ter dor e debilidade a longo prazo.

Os exercicios de rehabilitación son esenciais para que a articulación cure por completo e non volva sufrir novas doenzas. Dende García e Lestón, amosámosche algúns consellos que podes levar á práctica para asegurar unha pronta recuperación.

  • Exercicios de amplitude do movemento: débense realizar pasadas as 72 horas.
  1. Alfabeto: cos dedos do pé traza as letras do abecedario alentando o movemento do nocello en todas as direccións. Repíteo entre unha e tres veces.
  2. Abalo de xeonllo: sentado/a nunha cadeira, move o xeonllo lentamente dun lado a outro mentres mantés o pé apoiado no chan. Continúa con este movemento durante 2 ou 3 minutos.
  • Exercicios de estiramento: para recuperar a flexibilidade e a mobilidade durante unha doenza.
  1. Coloca unha toalla ou banda elástica na parte superior da planta do pé e suxéitaa polo dous extremos. Tira dela cara a ti suavemente mentres mantés o xeonllo estirado. Sostén esta posición durante 15 ou 30 segundos.
  2. Do papo da perna: ergueito/a e coas mans apoiadas nunha parede á altura dos ollos, sitúa a perna que queres estirar un paso por detrás. Mantendo ese talón no chan, flexiona o xeonllo da perna que está adiante ata que sintas o estiramento na outra. Aguanta entre 15 e 30 segundos.

Estes son algúns dos exercicios que se poden levar a cabo durante unha recuperación de nocello. Con todo, lembra que só son recomendacións básicas e que é necesario acudir a un especialista que estude o teu caso e escolla o mellor tratamento para a túa lesión.

En García e Lestón contamos con profesionais da fisioterapia e o adestramento que seleccionarán as mellores técnicas para tratar a túa afección e evitar secuelas posteriores, tanto con terapias manuais como con táboas de exercicios de rehabilitación. Non o dubides máis e dá o seguinte paso para mellorar a túa calidade de vida!

Unha pedra no camiño non ten por que ser o final: así se poden tratar as lesións articulares dexenerativas

Hoxe, 20 de outubro, celébrase o “Día Mundial da Osteoporose”, unha xornada que pon o punto de mira nesta enfermidade crónica e dexenerativa ligada á terceira idade.

Con esta doenza, os nosos ósos padecen unha redución da súa densidade e calidade, sendo máis vulnerables a sufrir fracturas. A medida que nos imos facendo maiores, o noso estado físico vaise desgastando e é por iso que empezamos a sentir unha perda das capacidades e habilidades do noso organismo (mobilidade, forza, visión…).

Con todo, a osteoporose non é a única doenza que sofre o noso corpo a causa do envellecemento, existe un grupo de afeccións que aparecen cando as articulacións experimentan unha deterioración progresiva e dano nos tecidos que a compoñen, causando dor crónica e unha perda da calidade de vida.

Estas patoloxías coñécense como lesións articulares dexenerativas e son unha condición común e debilitante que afecta a millóns de persoas en todo o mundo. Ademais da idade, existen outros factores como a xenética, o sobrepeso, a actividade física intensa ou os trastornos metabólicos que poden contribuír ao desenvolvemento destas enfermidades.

Existen diferentes tipos de afeccións dexenerativas, pero dende García e Lestón contámosche as máis comúns:

  • Osteoartrite: aparece cando a cartilaxe que recubre as articulacións se desgasta co tempo, provocando dor, inflamación e rixidez.
  • Artrite reumatoide: malia que non é unha lesión dexenerativa, é unha enfermidade autoinmune crónica que pode causar dano articular progresivo. O sistema inmunolóxico vai afectando o noso corpo causando inflamación, dor e deformidades.
  • Artrite séptica: é causada por unha infección bacteriana e provoca dor intensa, febre e limitación do movemento articular.

Ademais, debemos ter en conta que existen outras condicións menos frecuentes que tamén poden afectar ás articulacións de maneira progresiva. Cada tipo de afección conta con características distintivas e pode requirir enfoques de tratamento específicos, pero a maioría coinciden nas seguintes prácticas:

  • Terapia física: fortalecer o corpo por medio do exercicio guiado por un/unha profesional pode mellorar o funcionamento e a estabilidade das articulacións.
  • Termoterapia: esta técnica de fisioterapia diminúe a dor e prepara o corpo para superar os esforzos do día a día.
  • Actividade física: realizar deporte de baixa intensidade como andar, practicar pilates ou ioga pode servir tamén de gran axuda.
  • Peso corporal: manter un peso dentro dun rango saudable, diminuirá a tensión nas articulacións.
  • Estiramentos: realizar exercicios de estiramento cada mañá aumentará o noso rango de movemento.

En García e Lestón contamos con profesionais da fisioterapia e o adestramento que estudarán o teu caso en profundidade e avaliarán os mellores tratamentos para recuperar canto antes a túa calidade de vida. Contacta connosco sen compromiso!

A síndrome FOMO: cando o medo a perder algo fai que o perdas todo

Algunha vez sufriches un episodio de estrés ou ansiedade por non poder asistir a unha festa ou evento importante? Dende García e Lestón contámosche como se denomina este trastorno e como podes superalo.

Coa chegada da era dixital, as relacións sociais aumentaron ata tal punto que é habitual mostrar parte da túa vida e ver a dos/das demais a través dunha pantalla, creando unha sociedade conectada as 24 horas do día. Malia que as redes sociais cubriron moitas necesidades á hora de poder comunicarnos, tamén espertaron ou potenciaron outras, sobre todo no ámbito da saúde mental.

Un exemplo disto é o aumento do número de persoas que padecen a síndrome FOMO (do inglés “fear of missing out”), un trastorno psicolóxico que se caracteriza por experimentar unha sensación de ansiedade e preocupación por perder experiencias, eventos ou momentos importantes ou gratificantes da vida doutros/as. Do mesmo xeito que ocorre con outras fobias, o temor a non ser partícipe de algo xera malestar e ansiedade e, neste caso, o/a paciente padece unha sensación de illamento social e de perda de oportunidades valiosas.

Para evitar esta patoloxía, é necesario xestionar os sentimentos e pensamentos negativos que abarcan a nosa mente, ao igual que o medo a non pertencer ou ser querido/a. Dende a nosa unidade de psicoloxía, propoñémosche algunhas ferramentas para poder mitigar os síntomas desta doenza:

  • Identificar a síndrome: aceptar que é natural que apareza esta emoción e comprender que non sempre podemos estar presentes en todo momento.
  • Limitar o uso de redes sociais: establecer límites de tempo e ser selectivos/as nos contidos que seguimos pode axudar a diminuír a comparación cos/cas demais.
  • Enfocarte nas túas propias experiencias: centrarnos no que temos e nas nosas propias vivencias permítenos cambiar a nosa perspectiva. Debemos pensar que se non podemos acudir a un evento, seguramente podemos utilizar ese tempo en facer algo máis beneficioso para a nosa saúde.
  • Acudir a un/unha profesional: existen diferentes tratamentos que poden axudar a reducir os síntomas do FOMO, recuperando a calidade de vida e o benestar dos/das pacientes.

Cres que ti ou alguén da túa contorna pode estar a sufrir este trastorno? En García e Lestón contamos con profesionais da psicoloxía que estudarán o teu caso en profundidade e che amosarán técnicas efectivas para xestionar o medo ao rexeitamento social para que volvas a gozar do teu tempo sen pensar no dos/das demais. Contacta connosco sen compromiso!

Cando non atopas o equilibrio entre o esforzo e o descanso: Coñece a sindrome do sobreadestramento

Es dos/das que o dan todo no ximnasio? Pois ten moito coidado, porque un adestramento excesivo pode ser máis prexudicial que beneficioso para a túa saúde!

Cando unha persoa quere mellorar o seu aspecto físico nun curto período de tempo, adoita aumentar a intensidade dos exercicios e reducir o número de descansos entre eles. Esta práctica é moi daniña para o corpo, xa que non permite que os músculos se recuperen correctamente do esforzo e pode levar a sufrir a coñecida como síndrome do sobreadestramento.

Esta doenza é unha condición psicolóxica e fisiolóxica que se produce como resultado dun adestramento excesivo e prolongado sen un adecuado período de recuperación. Moitos/as atletas chegan a sufrir esta afección porque aumentan de xeito erróneo a intensidade da súa rutina para mellorar o seu rendemento.

O exceso de exercicio pode levar a un desequilibrio entre o estrés e a recuperación, producindo unha serie de síntomas negativos que poden manifestarse tanto a nivel físico como mental. Algúns dos máis comúns son:

  • Fatiga crónica e falta de enerxía.
  • Dor muscular.
  • Insomnio.
  • Diminución do rendemento deportivo.
  • Cambios no estado de ánimo.
  • Perda do apetito.
  • Irritabilidade, ansiedade ou depresión.
  • Dificultade para concentrarse.

Ademais de ter a súa orixe nos adestramentos excesivos ou na falta de descanso, tamén poden incrementar a aparición desta síndrome:

  • Factores psicolóxicos: o estrés, a presión, as altas expectativas ou a falta de motivación poden contribuír á aparición deste trastorno.
  • Factores nutricionais: unha mala alimentación pode afectar á capacidade do corpo para reparar os tecidos despois da actividade física.

Para previr esta enfermidade, dende a unidade de adestramento de García e Lestón dámosche algúns consellos que podes comezar a aplicar na túa rutina:

  • Establece un plan de adestramento adecuado ás túas necesidades, equilibrando os tempos de exercicio e os de recuperación.
  • Escoita ao teu corpo: se tes algún sinal de fatiga ou lesión debes descansar de inmediato.
  • Mantén unha alimentación equilibrada e hidrátate constantemente.
  • Incorpora técnicas de relaxación para reducir os niveis de estrés e xestionar as túas emocións.
  • Consulta a profesionais do adestramento, da fisioterapia ou da psicoloxía calquera dúbida que teñas.

Manter un equilibrio entre a actividade física e o descanso é esencial para previr calquera tipo de lesión e mellorar progresivamente as túas capacidades. En García e Lestón contamos con profesionais do adestramento que che axudarán a planificar unha rutina de exercicios adaptada ás túas necesidades e obxectivos. Contacta connosco sen compromiso!