Correr na praia, os dous lados

Correr pola beira do mar a primeira ou última hora do día, sen moita xente, de fondo escoitar como as ondas baten contra a area e notar como a suave brisa percorre o teu corpo. Poderías dicir que non a este plan? Así de primeiras todo soa moi ben, e é certo que correr pola praia ten moitos beneficios para o noso corpo, pero tamén debes ter en conta os riscos que pode supoñer.

Se es desas persoas que este verán quere descubrir e probar novas formas de facer exercicio, non apartes a túa ollada de aquí para coñecer as dúas caras deste tipo de adestramento e evitar así a aparición de lesións.

Entre os beneficios desta práctica podemos destacar que:

  • A area é unha superficie moito máis branda que calquera outra á que esteas afeito/a, o que supón que o impacto no corpo sexa moito menor.
  • Así mesmo, esta opón unha maior resistencia que a terra firme, polo que a túa queima de calorías será maior.
  • Seguro que coñeces a sensación de que os teus pés queden baixo a area ao tentar avanzar por ela, verdade? A inestabilidade do terreo esixe que os teus músculos traballen cunha maior intensidade e deste xeito mellorarás a túa forza e tonificarás os nocellos, xemelgos e cuadríceps.
  • Igualmente, o seu característico desnivel orixina apoios irregulares e que permiten desenvolver a propiocepción. Grazas a ela, ao longo gañarás en técnica e control da pegada.
  • Ademais, o entorno é ideal para combater o estrés e esquecer por un momento todas as preocupacións.

Pero non todo vai ser bo e, antes de aventurarte a realizar esta disciplina, tes que coñecer algúns dos seus riscos:

  • A maioría das nosas praias presentan unha inclinación irregular con fortes desniveis. Isto fai que teñas que adoptar unhas posicións nos pés, xeonllos e cadeiras antinaturais e que, prolongadas no tempo, poden provocar sobrecargas e facilitar a aparición de lesións.
  • O terreo brando tamén pode chegar a ser un punto en contra. No caso de que afundas en exceso e os ergas continuamente, o tendón de Aquiles, nocellos e xemelgos poden sufrir bastante.
  • Agora, no verán, as altas temperaturas e mais o sol poden provocar deshidratación, insolación ou desmaio, ademais de queimaduras de non empregar protección solar.

Xa coñeces os dous lados de correr na praia, e non nos referimos á area e á auga, senón ao bo e ao malo desta práctica deportiva. Neste sentido, o que debes ter ben claro é a importancia da moderación: para aproveitar os aspectos favorables e evitar os lesivos non fagas dela unha rutina habitual.

Deste xeito, se este verán decides iniciarte neste tipo de adestramento, aconsellámosche que comeces con carreiras curtas, na zona na que a area está húmida e onde o desnivel sexa menor.

Igualmente, o feito de contar coa axuda de especialistas para evitar futuras lesións é un acerto seguro. No noso Centro Integral de Saúde e Benestar García e Lestón, grazas ao noso equipo profesional, axudarémosche a que os teus adestramentos non sexan nada perigosos e goces da praia, tanto para realizar deporte como para descansar.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *