O medo ás vacacións, a sombra do verán

A túa cara iluminada polos raios de sol, ti nun marco visual de area e auga, montaña e río… e o relax como gran compañeiro. Semella un plan perfecto, pero non todas as persoas teñen o mesmo pensamento ante esta situación. O que os teus ollos poden ver como descanso, para outros pode resultar unha auténtica fatiga.

O noso día a día está condicionado por horarios: a nosa xornada laboral, as actividades que realizamos fóra desta ou algo tan esencial como as horas das nosas comidas. Ao chegar un período vacacional, como é o verán, o detemento desta rutina chea de ocupacións pode provocar angustia, ansiedade, malestar ou estrés se non sabemos como desconectar.

Deste xeito, non chegamos a descansar plenamente e o ocio convértese nun problema pois, co fin de poder manter este tempo baixo control, organizámolo con diversas tarefas para facelo produtivo e semellante ao traballo en si mesmo. Igualmente, ante este tipo de circunstancias as persoas poden padecer un medo irracional ao que lle seguen palpitacións, unha excesiva suor ou a dificultade para respirar.

Este temor que xorde ante a idea de non ter nada que facer recibe o nome de ociofobia. En moitas ocasións é consecuencia do ritmo de vida tan acelerado que cargan sobre as súas costas moitas persoas. Ademais, este trastorno da ansiedade vai en aumento cada ano que pasa e durante estes meses de xullo e agosto é cando acada os seus niveis máis elevados.

Neste senso, a súa orixe está ben relacionada coa influencia que soportamos por parte dunha sociedade que impón a necesidade constante da produtividade. Ao mesmo tempo tamén colle moita relevancia o falso pensamento de ter sempre unha ocupación que atender se queremos que o noso valor persoal sexa recoñecido. Isto leva a moita xente a antepoñer os logros á súa felicidade e a medir o propio éxito en base á cantidade e non á súa calidade.

Para tentar combater este mal é recomendable que dediques polo menos unha hora ao día ao teu propio coidado. Estar a soas contigo mesmo/a resulta moi beneficioso para que te coñezas dun xeito máis profundo, pois moitas veces o feito de parar implica poder procesar o que está a acontecer no teu interior para logo poder abordalo mellor. Así, é importante deixar de considerar o ocio como unha obriga e que te deixes levar, pois ben é certo que os períodos de creatividade aparecen no cerebro cando unha persoa está relaxada ou desconecta da súa xornada habitual.

Pero, ás veces, non podemos abordar o problema de forma individual, polo que buscar axuda profesional pode ser a túa solución ao contribuír a que atopes como gozar da tranquilidade e dos pequenos ratiños sen tarefas. Dende a nosa área específica en Psicoloxía do Centro Integral de Saúde e Benestar García e Lestón lograremos que isto sexa unha realidade. Non deixes que o estrés, a ansiedade ou o medo sexan os teus compañeiros de viaxe este verán!

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *