Adolescencia e futuro, non hai un só camiño

Atopámonos en xuño, mes número seis do ano, cando comeza o verán, pero tamén o momento no que moitos e moitas adolescentes que rematan o curso académico teñen que decidir que facer o resto da súa vida, cal vai ser o seu futuro. Ben é certo que é unha decisión complexa e na súa mente existe o medo a “trabucarse”, pois pensan que un erro significa o final, coma nos videoxogos, pero para nada é así.

Neste sentido, a autoesixencia impide o rendemento do/a estudante e moitas veces pode derivar no coñecido fracaso escolar e, como consecuencia, no abandono do mesmo. O medo a cometer algún erro, aínda que sexa algo pequeno, pode entenderse pola propia persoa como o temor a fallar, o que lle vai causar unha grande ansiedade.

Esta é unha emoción de adaptación que xorde ante unha situación perigosa real ou percibida, como é este caso. Ademais, se os medos se magnifican, con eles tamén o fará a ansiedade e, como resultado, no momento no que a persoa teña que tomar unha decisión pode chegar a sentir un gran bloqueo.

Logo de rematar secundaria, cando chega o momento de escoller que facer, o alumnado con cualificacións moi boas sente presión para elixir unha carreira que teña unha nota de corte alta, pois do contrario “desperdiciará” a súa elevada puntuación. Este pensamento que teñen interiorizado a meirande parte dos e das adolescentes conduce a unha perda da motivación, malestar ou insatisfacción pola súa banda.

Xunto a este aspecto que condiciona, nalgúns casos, a decisión de estudantes tamén atopamos a coñecida frase de “non ten saída”, unha negación que en realidade non podes saber ata que non te atopes dentro do mercado laboral e o vexas cos teus propios ollos. Igualmente, hai que engadir a influencia familiar, vinculada cos desexos que depositan na persoa en cuestión, como seguir coa profesión da familia ou realizar uns determinados estudos porque os pais ou nais non puideron completalos ou acceder a eles.

Ben é certo que sempre axuda escoitar as opinións doutra xente. Porén, para escoller o eido cara o que queres orientar a túa vida profesional tes que centrarte en ti e no que che motiva e gusta, e ter claro que non hai un só camiño para chegar a el. Por isto mesmo, tampouco é unha decisión única nin definitiva, pode mudar a medida que xorden novas ferramentas, escenarios, ou afinidades distintas.

A vida non é un videoxogo, polo que, aínda que elixas e te trabuques, esta será unha oportunidade para medrar, madurar e aprender a tomar decisións dun xeito reflexivo, pero nunca penses que estás a errar. No noso Centro Integral de Saúde e Benestar García e Lestón contamos cunha área específica na que che podemos axudar a abordar estes obstáculos e superalos. Non deixes que o estrés, a ansiedade ou a autoesixencia decidan por ti e causen o teu fracaso escolar.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *