Unha pedra no camiño non ten por que ser o final: así se poden tratar as lesións articulares dexenerativas

Hoxe, 20 de outubro, celébrase o “Día Mundial da Osteoporose”, unha xornada que pon o punto de mira nesta enfermidade crónica e dexenerativa ligada á terceira idade.

Con esta doenza, os nosos ósos padecen unha redución da súa densidade e calidade, sendo máis vulnerables a sufrir fracturas. A medida que nos imos facendo maiores, o noso estado físico vaise desgastando e é por iso que empezamos a sentir unha perda das capacidades e habilidades do noso organismo (mobilidade, forza, visión…).

Con todo, a osteoporose non é a única doenza que sofre o noso corpo a causa do envellecemento, existe un grupo de afeccións que aparecen cando as articulacións experimentan unha deterioración progresiva e dano nos tecidos que a compoñen, causando dor crónica e unha perda da calidade de vida.

Estas patoloxías coñécense como lesións articulares dexenerativas e son unha condición común e debilitante que afecta a millóns de persoas en todo o mundo. Ademais da idade, existen outros factores como a xenética, o sobrepeso, a actividade física intensa ou os trastornos metabólicos que poden contribuír ao desenvolvemento destas enfermidades.

Existen diferentes tipos de afeccións dexenerativas, pero dende García e Lestón contámosche as máis comúns:

  • Osteoartrite: aparece cando a cartilaxe que recubre as articulacións se desgasta co tempo, provocando dor, inflamación e rixidez.
  • Artrite reumatoide: malia que non é unha lesión dexenerativa, é unha enfermidade autoinmune crónica que pode causar dano articular progresivo. O sistema inmunolóxico vai afectando o noso corpo causando inflamación, dor e deformidades.
  • Artrite séptica: é causada por unha infección bacteriana e provoca dor intensa, febre e limitación do movemento articular.

Ademais, debemos ter en conta que existen outras condicións menos frecuentes que tamén poden afectar ás articulacións de maneira progresiva. Cada tipo de afección conta con características distintivas e pode requirir enfoques de tratamento específicos, pero a maioría coinciden nas seguintes prácticas:

  • Terapia física: fortalecer o corpo por medio do exercicio guiado por un/unha profesional pode mellorar o funcionamento e a estabilidade das articulacións.
  • Termoterapia: esta técnica de fisioterapia diminúe a dor e prepara o corpo para superar os esforzos do día a día.
  • Actividade física: realizar deporte de baixa intensidade como andar, practicar pilates ou ioga pode servir tamén de gran axuda.
  • Peso corporal: manter un peso dentro dun rango saudable, diminuirá a tensión nas articulacións.
  • Estiramentos: realizar exercicios de estiramento cada mañá aumentará o noso rango de movemento.

En García e Lestón contamos con profesionais da fisioterapia e o adestramento que estudarán o teu caso en profundidade e avaliarán os mellores tratamentos para recuperar canto antes a túa calidade de vida. Contacta connosco sen compromiso!

A síndrome FOMO: cando o medo a perder algo fai que o perdas todo

Algunha vez sufriches un episodio de estrés ou ansiedade por non poder asistir a unha festa ou evento importante? Dende García e Lestón contámosche como se denomina este trastorno e como podes superalo.

Coa chegada da era dixital, as relacións sociais aumentaron ata tal punto que é habitual mostrar parte da túa vida e ver a dos/das demais a través dunha pantalla, creando unha sociedade conectada as 24 horas do día. Malia que as redes sociais cubriron moitas necesidades á hora de poder comunicarnos, tamén espertaron ou potenciaron outras, sobre todo no ámbito da saúde mental.

Un exemplo disto é o aumento do número de persoas que padecen a síndrome FOMO (do inglés “fear of missing out”), un trastorno psicolóxico que se caracteriza por experimentar unha sensación de ansiedade e preocupación por perder experiencias, eventos ou momentos importantes ou gratificantes da vida doutros/as. Do mesmo xeito que ocorre con outras fobias, o temor a non ser partícipe de algo xera malestar e ansiedade e, neste caso, o/a paciente padece unha sensación de illamento social e de perda de oportunidades valiosas.

Para evitar esta patoloxía, é necesario xestionar os sentimentos e pensamentos negativos que abarcan a nosa mente, ao igual que o medo a non pertencer ou ser querido/a. Dende a nosa unidade de psicoloxía, propoñémosche algunhas ferramentas para poder mitigar os síntomas desta doenza:

  • Identificar a síndrome: aceptar que é natural que apareza esta emoción e comprender que non sempre podemos estar presentes en todo momento.
  • Limitar o uso de redes sociais: establecer límites de tempo e ser selectivos/as nos contidos que seguimos pode axudar a diminuír a comparación cos/cas demais.
  • Enfocarte nas túas propias experiencias: centrarnos no que temos e nas nosas propias vivencias permítenos cambiar a nosa perspectiva. Debemos pensar que se non podemos acudir a un evento, seguramente podemos utilizar ese tempo en facer algo máis beneficioso para a nosa saúde.
  • Acudir a un/unha profesional: existen diferentes tratamentos que poden axudar a reducir os síntomas do FOMO, recuperando a calidade de vida e o benestar dos/das pacientes.

Cres que ti ou alguén da túa contorna pode estar a sufrir este trastorno? En García e Lestón contamos con profesionais da psicoloxía que estudarán o teu caso en profundidade e che amosarán técnicas efectivas para xestionar o medo ao rexeitamento social para que volvas a gozar do teu tempo sen pensar no dos/das demais. Contacta connosco sen compromiso!

Cando non atopas o equilibrio entre o esforzo e o descanso: Coñece a sindrome do sobreadestramento

Es dos/das que o dan todo no ximnasio? Pois ten moito coidado, porque un adestramento excesivo pode ser máis prexudicial que beneficioso para a túa saúde!

Cando unha persoa quere mellorar o seu aspecto físico nun curto período de tempo, adoita aumentar a intensidade dos exercicios e reducir o número de descansos entre eles. Esta práctica é moi daniña para o corpo, xa que non permite que os músculos se recuperen correctamente do esforzo e pode levar a sufrir a coñecida como síndrome do sobreadestramento.

Esta doenza é unha condición psicolóxica e fisiolóxica que se produce como resultado dun adestramento excesivo e prolongado sen un adecuado período de recuperación. Moitos/as atletas chegan a sufrir esta afección porque aumentan de xeito erróneo a intensidade da súa rutina para mellorar o seu rendemento.

O exceso de exercicio pode levar a un desequilibrio entre o estrés e a recuperación, producindo unha serie de síntomas negativos que poden manifestarse tanto a nivel físico como mental. Algúns dos máis comúns son:

  • Fatiga crónica e falta de enerxía.
  • Dor muscular.
  • Insomnio.
  • Diminución do rendemento deportivo.
  • Cambios no estado de ánimo.
  • Perda do apetito.
  • Irritabilidade, ansiedade ou depresión.
  • Dificultade para concentrarse.

Ademais de ter a súa orixe nos adestramentos excesivos ou na falta de descanso, tamén poden incrementar a aparición desta síndrome:

  • Factores psicolóxicos: o estrés, a presión, as altas expectativas ou a falta de motivación poden contribuír á aparición deste trastorno.
  • Factores nutricionais: unha mala alimentación pode afectar á capacidade do corpo para reparar os tecidos despois da actividade física.

Para previr esta enfermidade, dende a unidade de adestramento de García e Lestón dámosche algúns consellos que podes comezar a aplicar na túa rutina:

  • Establece un plan de adestramento adecuado ás túas necesidades, equilibrando os tempos de exercicio e os de recuperación.
  • Escoita ao teu corpo: se tes algún sinal de fatiga ou lesión debes descansar de inmediato.
  • Mantén unha alimentación equilibrada e hidrátate constantemente.
  • Incorpora técnicas de relaxación para reducir os niveis de estrés e xestionar as túas emocións.
  • Consulta a profesionais do adestramento, da fisioterapia ou da psicoloxía calquera dúbida que teñas.

Manter un equilibrio entre a actividade física e o descanso é esencial para previr calquera tipo de lesión e mellorar progresivamente as túas capacidades. En García e Lestón contamos con profesionais do adestramento que che axudarán a planificar unha rutina de exercicios adaptada ás túas necesidades e obxectivos. Contacta connosco sen compromiso!

Castañas, choiva e saúde: coñece os consellos da nosa unidade de fisioterapia para este outono

Baixada das temperaturas, volta ás clases, días máis curtos, cores alaranxadas tinguen as árbores…  Isto só pode significar unha cousa: o outono xa está aquí! Coa chegada desta estación, realízanse moitos cambios na nosa rutina, deixamos atrás a tranquilidade do verán e empezamos novos hábitos que estendemos ao longo do ano.

Moita xente asocia os meses de setembro e outubro como unha oportunidade para aprender idiomas, atopar novos pasatempos, coidar a súa alimentación ou practicar o seu deporte favorito, xa que é cando dan inicio a maioría de clases. Este cambio de rutina provoca unha necesidade de adaptación no noso organismo, o cal se pode ver bastante afectado, como vimos no blog da semana pasada co trastorno afectivo estacional.

Se este curso deches o paso de empezar a coidarte, dende a nosa unidade de fisioterapia dámosche algúns consellos para aclimatar o teu corpo a esta nova etapa:

  • Descansa: para o correcto funcionamento do organismo é necesario durmir entre 7 e 8 horas diarias. Lembra que se non dás conciliado o sono, podes seguir unha serie de recomendacións básicas como non practicar actividade física polo menos dúas horas antes de deitarte, evitar ceas copiosas, non utilizar o móbil inmediatamente antes, etc.
  • Exposición solar: para controlar os niveis hormonais, deberías tomar o sol na medida do posible e sempre con protección (lentes, crema, gorra…). Só necesitas 15 minutos para recargar a túa vitamina D!
  • Realiza estiramentos: tanto se vas practicar deporte coma se vas afrontar un día de colexio ou traballo, é recomendable que realices uns pequenos exercicios de estiramento centrados en corrixir a mala postura, aumentar a flexibilidade e fortalecer os músculos.
  • Hidrátate constantemente e mantén unha alimentación equilibrada.
  • Realiza un exame físico: se retomas o adestramento despois dun certo período de tempo, é conveniente que un/unha profesional da fisioterapia avalíe a túa condición física e cree unha táboa de exercicios para preparar o teu corpo e evitar posibles lesións.

E ti, xa volviches á rutina? En García e Lestón contamos cos/cas mellores profesionais da fisioterapia e do adestramento que che axudarán a facer unha posta a punto completa para a túa volta á actividade física. Este outono goza das castañas e da túa saúde!

Que o cambio de estacións non altere o teu estado de ánimo! Coñece o trastorno afectivo estacional

Sentes que coa chegada do outono o teu estado de ánimo comeza a decaer? Cada estación do ano vén acompañada non só dunhas condicións climáticas específicas, senón tamén dunha serie de hábitos e rutinas.

Durante a primavera e o verán, contamos con máis horas de luz e máis temperatura que no resto do ano, o que nos convida a realizar máis actividades e ter máis lecer ao aire libre. Isto provoca unha maior exposición á luz solar, incrementando a nosa vitamina D e, con iso, o noso estado de ánimo.

Pero, polo mesmo motivo, durante os meses de outono e inverno podemos sufrir un lixeiro cambio nas nosas emocións ao contar cuns niveis insuficientes deste nutriente. O problema atópase cando un sentimento forte de tristeza empeza arrasar co noso día a día, chegando a impedir a realización das nosas actividades diarias.

Isto coñécese como trastorno afectivo estacional e é un tipo de depresión relacionada cos cambios de estación. Os síntomas adoitan comezar no outono e finalizan coa chegada da primavera. Con menor frecuencia, esta afección pode presentarse cun patrón inverso, afectando aos meses máis solleiros.

En ambos os casos, os síntomas tenden a ser leves no inicio e vanse intensificando a medida que avanza a estación. Os máis comúns son:

  • Falta de enerxía.
  • Sentimento de tristeza ou apatía durante a maioría de días.
  • Aumento do sono.
  • Dificultade para concentrarse.
  • Perda do interese en realizar actividades.

Malia que se descoñecen as causas específicas desta enfermidade, adóitanse relacionar cun desequilibrio nos niveis de serotonina e melanina do corpo, debido a unha menor exposición á luz solar. Por outra banda, existe unha maior frecuencia de diagnóstico en mulleres e adultos/as novos/as.

Entre os factores que poden aumentar o risco de padecer esta enfermidade podemos atopar os antecedentes familiares, a depresión ou mesmo o trastorno de bipolaridade. Para tratar o trastorno afectivo estacional e impedir que os síntomas empeoren co paso do tempo é necesario contar coa axuda de especialistas.

En García e Lestón contamos con profesionais da psicoloxía que estudarán o teu caso en profundidade e che amosarán técnicas para que poidas controlar as túas emocións e recuperes a túa calidade de vida o antes posible. Contacta connosco sen compromiso!

Verán de relax? Volve á túa rutina de adestramento con garantías

Estas vacacións quixeches descansar e deixaches atrás a túa rutina de adestramento? Durante o verán, é moi común que a xente desconecte do estrés da vida diaria e se desprenda de moitos hábitos como a práctica de exercicio regular ou a alimentación equilibrada.

O problema atopámolo cando regresamos deste período estival e imos realizar a nosa táboa de exercicios de sempre. O resultado? Un adestramento que nos resulta moito máis complicado.

O certo é que se pasamos un longo período de tempo sen actividade física, os nosos músculos vanse relaxando á vez que debilitando. Para volver ao noso estado físico necesitamos aclimatar o noso corpo pouco a pouco, comezando con exercicios sinxelos e aumentando a intensidade de maneira gradual.

Se tentamos volver á rutina sen un período de adaptación, é posible que os nosos músculos se sobrecarguen e suframos lesións. Algúns consellos que podes seguir para preparar o teu corpo ao comezo son:

  • Introducir máis días de descanso na túa rutina.
  • Aumentar o número de exercicios á hora de quentar e estirar.
  • Levantar pouco peso.
  • Retomar unha alimentación saudable.
  • Manterse hidratado/a.

Para crear unha nova táboa de exercicios adaptada ás túas necesidades, é necesario que contes coa axuda dun/dunha profesional do adestramento que supervise e incremente  pouco a pouco a intensidade para poder recuperar o túa condición física de xeito seguro.

Dende García e Lestón axudámosche a dar o primeiro paso con algúns exercicios de quecemento para preparar o teu corpo para a volta á rutina:

  • Inclinación lateral: de pé e coas pernas separadas á altura dos ombreiros, levanta a man dereita por encima da cabeza e inclínate cara á esquerda sen mover o tren inferior e controlando o movemento cos músculos abdominais. Fai 10 repeticións a cada lado.
  • Círculos cos brazos: de novo de pé, estira os brazos e fai círculos grandes e completos dende a pelve ata a cabeza. Despois de facer 10 ou 15 repeticións, cambia a dirección.
  • Saltar á corda durante 3 minutos: este exercicio cardiovascular axudarache a fortalecer a túa resistencia, coordinación, respiración e a tonificar os teus músculos e articulacións.

Queres recobrar o teu estado físico despois das vacacións? En García e Lestón contamos con profesionais do adestramento que che axudarán a crear unha rutina completa de adaptación para volver a recuperar a túa saúde. Contacta connosco sen compromiso!

Nin un paso atrás na túa calidade de vida: consellos para tratar a fascite plantar

Levántaste da cama con dor de talón? Pode que deixáramos o verán atrás, pero algunhas consecuencias dos nosos hábitos durante estas vacacións poden seguir connosco.

Co aumento das temperaturas, adaptamos a nosa rutina e o noso vestiario ás condicións climáticas, gardamos a roupa de abrigo e sacamos vestimentas máis frescas. Unha das máis utilizadas é o uso de chanquetas e sandalias. Pero, realmente favorecen aos nosos pés? O certo é que este tipo de calzado non adoita proporcionar nin suxeición nin amortecemento, o que favorece a aparición de lesións.

Unha das doenzas ortopédicas máis comúns é a fascite plantar. A fascia é unha banda de tecido grosa que conecta o óso do talón cos dedos dos pés. O síntoma máis común que nos advirte desta enfermidade é a rixidez e a dor na parte inferior do talón. Outro signo moi habitual é ter molestias na planta do pé.

Tamén é posible que a dor se acentúe en certas situacións:

  • Ao dar os primeiros pasos pola mañá.
  • Despois de estar sentado/a durante certo tempo.
  • Mentres se están subindo escaleiras.
  • Durante a práctica de deporte.

Existen diferentes tratamentos para esta patoloxía, que se abordan principalmente dende a fisioterapia. Por iso, dende García e Lestón queremos darvos algúns consellos para aliviar os seus síntomas no día a día.

  • Realiza estiramentos cada mañá nas túas pernas, centrándote nos xemelgos, a planta do pé e o tendón de Aquiles.
  • Sitúa unha botella con auga fría na planta do teu pé e faina rodar durante dez minutos.
  • Masaxea a fascia plantar durante tres minutos.

A fascite plantar interrompe a realización das túas tarefas frecuentemente? Isto pode provocar unha perda na calidade de vida, xa que nalgúns casos pode alterar completamente a rutina dunha persoa. En García e Lestón contamos con profesionais da fisioterapia que che axudarán a tratar esta patoloxía creando unha táboa de exercicios adaptada ás túas necesidades. Non o dubides máis e comeza cada día con bo pé!

A volta ao cole non ten porque ser un pesadelo. Sigue estes consellos

O verán chega á súa fin e dámoslle a benvida a setembro, un mes de novos comezos e de retomar hábitos que deixamos atrás coa chegada das vacacións. Con todo, este período de adaptación á rutina afecta tanto ás persoas adultas como aos/ás máis pequenos/as da casa, que regresan ao colexio despois de máis de dous meses de tranquilidade, flexibilidade horaria e moita diversión!

Entón, os/as nenos/as tamén poden sufrir a famosa síndrome posvacacional? O certo é que si, posto que poden padecer algunhas das consecuencias deste proceso como cansazo, falta de atención, tristeza, irritabilidade, ansiedade, depresión ou trastornos do sono.

Moitos dos seus comportamentos veñen aprendidos do que ven na casa, por iso é moi importante que os pais e nais non amosen unha actitude negativa á hora de regresar ás súas obrigas laborais. Por norma xeral, os nenos e nenas adoitan visualizar a volta ao cole coma unha oportunidade para reencontrarse cos/cas seus/súas amigos/as, ademais do reinicio de rutinas que favorecen ao seu equilibrio físico e emocional.

Para facilitar o regreso á escola, dende a nosa unidade de psicoloxía dámosvos algunhas recomendacións para aplicar no día a día:

  • Retomar horarios: non hai que agardar ao comezo das clases para establecer unha rutina. Resultará moi eficiente ir adaptando o seu horario progresivamente. Para iso, pódense poñer horas límites para levantarse e deitarse.
  • Preparar o material escolar xuntos/as: pode servirlles de motivación escoller o material que van usar durante o resto do curso. Tamén é importante que poidan botar unha ollada aos libros para espertar o interese sobre o que van aprender na escola.
  • Reencontrarse cos/as amigos/as do colexio: seguramente, se estiveron fóra da súa residencia habitual durante as vacacións, non puidesen relacionarse cos/as seus/súas amigos/as. Retomar ese contacto vai ser de grande axuda para volver ao día a día.
  • Reflectir unha actitude positiva: como comentamos anteriormente, é moi importante o comportamento que mostren os pais e nais ante estas situacións, posto que vai ser o que reproduzan eles/elas mesmos/as.
  • Escoitar as súas inquedanzas: é esencial prestarlle atención aos medos que poidan espertar o inicio do curso nos/as máis pequenos/as. Para iso, temos que sentarnos a escoitalos/as e transmitirlles todo o positivo que acompaña a volta ao cole: xogar con amigos/as, novos/as compañeiros/as, excursións, etc.

En García e Lestón contamos cun equipo de profesionais da psicoloxía que axudarán tanto ás persoas adultas como ás máis pequenas a afrontar a costa de setembro para volver con máis enerxía e ganas que nunca á rutina. Contacta connosco sen compromiso!

Lesionado/a? Así podes volver a facer exercicio de xeito seguro e eficaz

Algunha vez sufriches unha lesión? Tanto se practicas regularmente actividade física coma se o fas de maneira puntual, o risco de sufrir unha lesión está sempre presente. Pero, sabes como retomar de novo o exercicio despois dela? Dende García e Lestón dámosche algúns consellos para volver á rutina.

Cando nos lesionamos debemos saber cal foi o factor que o ocasionou para evitar que ocorra de novo. Na maioría de casos, pode derivar dunha falta de quecemento, estiramento, forza, flexibilidade, unha mala técnica, etc.

Tamén temos que ter claro que non todas as doenzas teñen o mesmo tempo de recuperación. Por exemplo, a gravidade dunha fractura non é a mesma que a dunha sobrecarga. Debemos acudir a un/unha profesional que estableza un diagnóstico e un tratamento claro para saber como recuperarnos e cando volver a practicar deporte.

Un dos procesos que se adoita seguir para retomar o exercicio con normalidade é o seguinte:

  • Fase 1. Readaptación deportiva: traballar cun/cunha profesional do adestramento que paute exercicios adaptados ás necesidades da persoa para que, unha vez superada a fase médica da lesión, o corpo e a zona da doenza volvan a unha certa normalidade física.
  • Fase 2. De aceleración: o/a especialista empeza a elaborar táboas de exercicios máis complexas para aumentar o grao de actividade. É necesario seguir os pasos e tempos estipulados polo/a profesional.
  • Fase 3. Mellorar a potencia: neste momento pódese empezar a practicar deporte de maneira gradual para que se vaia desenvolvendo a forza muscular.
  • Fase 4. Recuperar toda a forza: nesta etapa final xa se comeza a adestrar con normalidade. Se se seguiron todos os obxectivos e prazos correctos non haberá un risco de recaída.

Tamén consideramos importante que teñas en conta os seguintes consellos:

  • Ter paciencia: non se debe establecer un obxectivo temporal. Cada un/unha coñece o seu corpo e só se a sensación é positiva se pode pasar á seguinte fase.
  • Facer exercicio de forma progresiva: débese evitar os sobreesforzos. É necesario lembrar que non volvemos na mesma forma física na que estabamos antes da lesión.
  • Non deixar de adestrar: se se ten unha lesión nunha única parte do corpo, pódese incidir nas restante para perder a menor forma física posible. Por exemplo, se tes dor nunha perna, podes centrarte no tren superior.
  • Realizar adestramento de flexibilidade e mobilidade articular: é importante estirar todos os músculos, pero en especial os adxacentes á zona lesionada para evitar recaídas por culpa da descompensación.

En García e Lestón contamos con profesionais do adestramento que che axudarán a recuper ao completo a túa saúde despois dunha lesión a través dun proceso de rehabilitación como o que acabamos de ver, sempre adaptado ás túas necesidades. Non o dubides máis e contacta connosco sen compromiso!

Que a síndrome de Sinding-Larsen-Johansson non estrague a túa adolescencia!

A adolescencia é unha época de cambios, non só porque empezan novas etapas escolares, senón porque tantos nenos coma nenas experimentan cambios no seu corpo. É aquí cando aparecen os coñecidos como “estiróns”, onde nun curto período de tempo conseguen gañar moita altura e, malia que este proceso é algo natural, un cambio tan brusco nos tecidos pode dar lugar a problemas físicos. Dende García e Lestón amosámosche unha das enfermidades máis características da puberdade.

A síndrome de Sinding-Larsen-Johansson é unha afección dolorosa na base da rótula (xeonllo) que afecta a adolescentes que están a ter un etapa de crecemento rápida. Para ser máis exactos/as, o xeonllo está conectado á tibia por medio do tendón rotuliano. Cando aínda estamos a pegar o estirón, o tendón permanece unido a unha cartilaxe de crecemento. A tensión no tendón pode provocar unha irritación e inflamación desta cartilaxe.

Esta enfermidade adoita desenvolverse en nenos e nenas de entre 10 e 15 anos e é máis propensa a súa aparición naqueles casos nos que se practican deportes onde se lles esixan saltar ou correr a alta intensidade, xa que este tipo de actividades someten ao xeonllo a unha tensión excesiva e repetitiva. Outros factores que poden desenvolver a afección nestas idades son:

  • Adestramentos incorrectos: unha forma inadecuada de facer exercicio ou o simple feito de non levar uns zapatos que suxeiten ben o pé pode afectar á articulación.
  • Musculatura dos cuadríceps débil: uns músculos fortes e flexibles reducen a tensión que se exerce sobre a rótula e o tendón rotuliano.
  • Actividades que sobrecargan os xeonllos: como levantar peso, subir e baixar escaleiras, agacharse, etc.

Algúns dos síntomas que nos poden alertar da aparición da síndrome de Sinding-Larsen-Johansson son:

  • Dor na parte anterior do xeonllo.
  • Inchazo e sensibilidade arredor da rótula.
  • Aparición dun edema ou inchazo na parte baixa da articulación.
  • Aumento da dor ao practicar deporte, ao axeonllarse ou agacharse.
  • Pódese palpar un vulto na parte baixa do xeonllo.

Para evitar a aparición desta enfermidade é recomendable fortalecer os músculos das pernas e realizar exercicios de estiramento. En García e Lestón contamos cun equipo de profesionais da fisioterapia que axudarán aos teus fillos/as ou familiares adolescentes a previr a dor de xeonllo mediante a execución dunha táboa de exercicios adaptados ás súas necesidades, para que nada lles impida gozar ao máximo da súa adolescencia!