Pesadelo ou realidade? Que son os terrores nocturnos e como tratalos

Existe algo máis terrorífico que a noite de Halloween? Polo momento, a época dos disfraces tenebrosos ou as cabazas sinistras chegou á súa fin, pero, por desgraza, hai algunhas persoas para as que o medo non remata o 1 de novembro. Dende García e Lestón contámosche o peor pesadelo de calquera neno/a: os terrores nocturnos.

Este tipo de trastornos do sono denomínanse tamén parasomnias e caracterízanse pola aparición de condutas explosivas de carácter anómalo e irracional que se orixinan mentres a persoa está a durmir. Esta afección baséase en sufrir episodios recorrentes de espertares bruscos que provocan unha sensación de angustia que se adoita exteriorizar con berros e axitación psicomotriz.

Este trastorno afecta maioritariamente aos/ás nenos/as entre os 4 e 10 anos. De feito, a Asociación Española do Sono (ASENARCO) estima que un 40% da poboación sufriu algunha vez un episodio de terrores nocturnos durante a súa infancia. Malia esta alta incidencia nos/as máis pequenos/as, esta alteración do sono adóitase superar xeralmente antes de entrar na adolescencia.

Se es pai ou nai e o/a teu/túa fillo/a sofre este tipo de episodios nocturnos, non debes entrar en pánico. Dende a nosa unidade de psicoloxía dámosche algunhas recomendacións para previr e tratar este tipo de trastornos:

  • Evitar a sobreestimulación: aconséllase que os/as pequenos/as se deiten cedo e sigan unha rutina diaria. Débese evitar que se vaian á cama alterados/as ou sen un momento previo de tranquilidade, xa que os seus niveis de ansiedade poden incrementarse e interromper na conciliación do sono. Tamén pode axudar a descansar mellor unha cea lixeira e non utilizar o teléfono móbil previamente.
  • Manter a calma: a paciencia será a túa mellor aliada durante os terrores nocturnos. É necesario que os pais e nais acheguen tranquilidade e seguridade para acougar ao/á neno/a. Se está a vivir un episodio, déitate ao seu lado e agarda ata que volva durmir.
  • Acudir a un/unha profesional da psicoloxía: a psicoterapia é unha boa opción cando se necesita axuda externa e acompañamento na xestión emocional. Cando se viven trastornos con este tipo de incerteza na súa aparición, pódense experimentar sentimentos de tristeza, medo e desesperanza. Nestes casos, é moi recomendable acudir a un/unha especialista que oriente e axude tanto aos pais/nais como aos/ás fillos/as.

En García e Lestón contamos con profesionais da psicoloxía que axudarán a todo o núcleo familiar a superar esta etapa e volver a recuperar a calidade de vida cada noite. Non o dubides máis e contacta connosco!

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *