Que o medo non chegue tamén aos teus pratos. Coñece as fobias alimentarias

Se pensamos en fobias seguramente se nos veñan á cabeza as máis coñecidas: agorafobia, claustrofobia, aracnofobia, etc. Pero, existe o medo a comer?  O certo é que si, hai unha gran variedade de fobias que afectan á alimentación, e como en calquera outro tipo, poden ser provocadas por unha situación de estrés, un acontecemento traumático ou simplemente poden chegar a ser transmitidas de familiares a nenos/as.

As fobias caracterízanse por ser trastornos de ansiedade que provocan medo xeneralizado por un obxecto ou unha situación en específico. A maioría das persoas que padecen esta doenza, tenden a evitar o seu tratamento, afastándose destas situacións ou estímulos e interferindo así na súa vida diaria.

Dentro das fobias relacionadas coa alimentación podemos atopar diferentes tipos. Malia que pode haber tantas fobias como alimentos existen, imos ver as máis comúns.

  • Neofobia alimentaria: é a máis habitual entre os máis pequenos/as e baséase no rexeitamento a probar novos alimentos. Esta fobia enténdese como un mecanismo de defensa nos/nas infantes para evitar ser intoxicados/as por algún produto ou alimento en mal estado. A neofobia infantil tende a desaparecer co tempo, pero tamén inflúe a actitude dos/das coidadores/as fronte aos comportamentos dos nenos/as.
  • Fagofobia: este é o medo a tragar alimentos tanto sólidos como líquidos por temor a afogar ou asfixiarse. A fagofobia pódese dar en persoas de calquera idade despois de sufrir un episodio traumático de asfixia, por iso tenden a evitar a que esa situación se repita. Para resolver este trastorno é necesario que o afectado/a acuda a profesionais que lle axuden a superar o trauma e que lle establezan unha pauta para ir introducindo pouco a pouco novos alimentos na súa alimentación.
  • Cibofobia ou o medo xeneralizado a comer ou aos alimentos. A causa desta fobia é a preocupación constante de sufrir unha intoxicación alimentaria ou un brote de alerxia e tamén pode ser causada por un episodio traumático.
  • Micofobia: no contexto alimentario, é o temor por consumir fungos ou cogomelos que provoquen un envelenamento, pero tamén pode supoñer un pavor a tocalos ou mesmo velos.
  • Lacanofobia ou o medo a consumir un ou varios vexetais. A orixe deste temor pode deberse a unha situación onde se atopou algún insecto no alimento ou por verse obrigado/a a inxerilo.

Non deixes que estas fobias afecten á calidade da túa alimentación e, polo tanto, á túa saúde. Os equipos profesionais de psicoloxía e nutrición de García e Lestón axudaranche co teu diagnóstico para poder afrontar calquera tipo de medo e coidar así do teu benestar.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *