Que a produtividade non se apodere de ti. Aprende a gozar do teu tempo libre
Na sociedade actual semella que para ser felices e sentirnos completos/as debemos traballar máis horas, comezar novos proxectos, encher e encher a nosa axenda con actividades ao longo do día…
Coa pandemia, esta necesidade de sentirnos produtivos/as incrementouse ante a imposibilidade de realizar os plans que, anteriormente, eran o día a día. Cociñar novas receitas, apuntarse a cursos, comezar a aprender novos idiomas, montar mobles, etc. Todo isto está xenial, pero non é necesario facelo todo á vez nin depender diso para sentirnos ben, temos que aprender a valorar o descanso.
Se nos atopamos nesta situación, o máis probable é que non teñamos tempo no día para facer todo o que nos gustaría. Que provoca isto? A insatisfacción por non lograr o proposto pode converterse en ansiedade ou mesmo depresión. Centrarnos moito no noso traballo, por exemplo, pode producir en nós unha serie de efectos negativos que se coñecen, comunmente, como a Síndrome do Traballador Queimado.
Esta doenza orixínase por un alto nivel de estrés, autoesixencia, moita carga de traballo, que as labores a realizar non cumpran coas expectativas… Isto fará que desenvolvamos un sentimento negativo cara o noso posto e que, ademais de derivar en síntomas psicolóxicos como a depresión ou irritabilidade, pode causar esgotamento físico, dores musculares ou mesmo problemas no noso sistema dixestivo. E é que vivir ocupados/as sen tempo para descansar e para o ocio pode facer incluso que descoidemos as nosas relacións persoais ao non poder contar co tempo necesario para atendelas.
Se o traballo non se apodera de todas as horas do noso día, seremos máis eficientes no momento no que nos dediquemos a el por completo. Pero como logramos esta desconexión?
- Facer exercicio para rebaixar os niveis de estrés e nerviosismo.
- Pasar máis tempo cos nosos seres queridos para evitar apartarnos da nosa contorna.
- Diminuír a cantidade de tempo que estamos co noso móbil e nas redes sociais, posto que nos poden conectar de novo co traballo e a produtividade.
- Realizar unha actividade que nos guste: ler, ver unha serie, pintar…
- Crear espazos para dividir fisicamente as localizacións nas que traballamos e nas que descansamos.
Finalmente, para que estes consellos che resulten de axuda, debes ser consciente de que todos e todas nos merecemos parar e pasar un momento agradable. Non valemos menos por desconectar do traballo cando rematamos a xornada, nin estamos a perder o tempo se usamos as nosas horas libres para ver unha película en lugar de adiantar tarefas.
Con todo, contar co apoio dunha persoa profesional da psicoloxía pode supoñer ese empuxón que necesitamos para gozar máis do noso descanso. En García e Lestón podemos axudarche en todo o que precises para que o traballo e a produtividade non dirixan a túa vida.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!