Que a auga non che chegue ao pescozo. Descúbreo todo sobre as cervicalxias
Do mesmo xeito que a dor de costas, as doenzas nas cervicais son outro dos problemas máis frecuentes que sofren os/as nosos/as pacientes cada día. Por iso, dende García e Lestón dámosvos algúns consellos e exercicios para evitar e tratar unha das molestias máis comúns na nosa sociedade: a cervicalxia.
Esta patoloxía coñécese como a dor que afecta á noca e ás vértebras cervicais e que pode chegar a estenderse ao pescozo, cabeza ou extremidades superiores. Esta afección limita o rango de movemento e pode vir acompañada de náuseas, vómitos, debilidade, trastornos visuais, vertixe, formigo, zunidos nos oídos e, nun 1% dos casos, pode chegar a provocar disfunción neurolóxica.
As principais causas da cervicalxia adoitan deberse a dúas circunstancias: as sobrecargas musculares provocadas por hábitos desaconsellables e posturas cotiás ou as contusións de gran impacto. Malia que estas son as razóns máis habituais, existen outros factores que poden provocar esta doenza como: artrose cervical, lesións do disco intervertebral, tumores, infeccións, etc.
O tratamento desta patoloxía recae na fisioterapia, sendo a terapia manual, a rehabilitación e os programas de exercicios destinados a fortalecer os músculos da zona os grandes aliados dos/as pacientes. O prognóstico é xeralmente bo se se permanece activo/a e se seguen as indicacións do/a profesional.
Dende a nosa unidade de fisioterapia, dámosche algunhas recomendacións para evitar que unha lesión cervical torne nunha posible cervicalxia.
- Aplicar calor na zona durante 15 minutos e varias veces ao día.
- Evitar movementos que provoquen dor, non facer repouso total en cama e non cargar peso.
- Tras a primeira semana, e se a dor mellora, podes empezar a estirar a zona. Algúns exercicios cervicais de flexibilidade que poderás realizar para mellorar e aliviar a dor, son os seguintes:
- Rotación de pescozo: rota o pescozo 90° ata que o queixo toque un dos ombreiros. Descansa uns segundos e repite o movemento cara ao lado contrario. É importante que realices este exercicio de forma lenta e pausada.
- Rotación de ombreiros: coas costas rectas, xira os ombreiros nun movemento circular, primeiro cara adiante durante uns segundos e logo cara atrás.
- Inclinación lateral de pescozo: inclina todo o pescozo cara a un lado, tentando que a orella toque o ombreiro. Non forces o estiramento, detén o movemento cando notes que o músculo se estira sen chegar a sentir dor. Volve á postura inicial e repíteo en sentido contrario.
En García e Lestón contamos con profesionais da fisioterapia que estudarán o teu caso en profundidade e aplicarán o mellor tratamento adaptado ás túas necesidades para reducir o teu malestar e recuperar canto antes a túa calidade de vida. Contacta connosco sen compromiso!
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!