Pilates: o segredo para unha terceira idade saudable e activa
Nunha entrada anterior falaramosvos dos beneficios que tiña o pilates durante o embarazo, pero esta disciplina é tan versátil que se adapta a todo tipo de necesidades. Por iso, hoxe comentámosvos que lle achega esta actividade á terceira idade.
A medida que imos envellecendo, o noso corpo debilítase con máis facilidade e imos perdendo mobilidade e habilidades esenciais para a vida. Grazas ao exercicio físico, esta perda vai diminuíndo, axudándonos a manternos independentes e realizar tarefas diarias sen apenas dificultades. Dentro das diferentes disciplinas que existen en relación á actividade física, o pilates permite a adaptación dos seus exercicios ás necesidades de cada persoa.
Como comentamos con anterioridade, esta é unha disciplina de baixo impacto que combina diferentes exercicios dirixidos a estirar e fortalecer o corpo mediante o control da respiración. Esta práctica baséase en movementos harmónicos e fluídos que axudan a mellorar a flexibilidade e a tonificar os músculos sen sobrecargalos.
Esta actividade ten uns beneficios xenéricos para todas aquelas persoas que o practican -como a mellora do equilibrio, a flexibilidade e a postura ou o aumento da forza muscular-, pero hai certas vantaxes moi importantes na terceira idade. Algunhas delas son:
- Prevención de caídas: co paso dos anos, o organismo experimenta a deterioración da masa muscular -en especial nas pernas e nas costas-, e se ademais o xuntamos coa perda do equilibrio, o risco de sufrir unha caída aumenta considerablemente. Grazas ao pilates, logramos fortalecer toda a musculatura do tronco (core) e das pernas, axudando a previr estas situacións.
- Osteoporose: como xa comentamos na entrada anterior do noso blog, esta doenza esta directamente relacionada coa idade. Caracterízase pola perda do tecido óseo en todo o noso corpo, o que incrementa a aparición de fracturas nos nosos ósos. A práctica desta disciplina favorece o aumento da densidade mineral ósea, ademais de axudar a mitigar a dor e a mellorar a calidade de vida das persoas que sofren esta afección.
- Mellora a circulación: do mesmo xeito que noutras actividades físicas, o pilates activa o fluxo sanguíneo, favorecendo o transporte de nutrientes aos diferentes tecidos do noso corpo. Ademais, axúdanos a controlar os niveis da presión sanguínea, o que beneficia a aquelas persoas que sofren de hipertensión arterial e outras enfermidades relacionadas co corazón.
- Funcionalidade: a práctica deste tipo de exercicios mellora a motricidade, a atención e a memoria, aspectos vitais para a realización de tarefas cotiás e que diminúen a dependencia doutras persoas.
- Aumento do estado de ánimo: o pilates permite relaxar o noso corpo e a nosa mente, do mesmo xeito que liberamos tensións. Ademais, ao ver que a nosa vida mellora grazas á súa práctica, a nosa autoestima tamén aumenta, xa que as limitacións da idade e as doenzas vanse atenuando.
Estas son algunhas das múltiples vantaxes que acompañan a esta actividade física. En García e Lestón contamos con grupos de pilates terapéutico dirixidos por profesionais do adestramento que adaptan cada un dos exercicios ás necesidades e capacidades dos/as pacientes. Non o penses máis e empeza a coidarte! Contacta connosco sen compromiso.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!