Cando o reflexo só é un engano. Coñece o trastorno de dismorfia corporal

Os estándares de beleza foron durante décadas e ata a actualidade os causantes dunha infinidade de estereotipos relacionados coa imaxe e a aparencia, unha procura do máximo atractivo constante que afecta a unha gran parte da poboación e en especial ás mulleres, dada a presión que sempre existiu sobre elas nunha sociedade que promove corpos esculpidos como única forma de éxito. Isto fai que mozas e mozos medren baixo esta idea e poidan desenvolver afeccións psicolóxicas.

O trastorno dismórfico corporal (TDC) é unha doenza mental que se caracteriza por non poder parar de pensar nun ou máis defectos percibidos na aparencia física, os cales non adoitan ser visibles para o resto de persoas. Isto pode provocar nos pacientes certas condutas repetitivas e obsesivas (mirarse constantemente ao espello, compararse cos demais, etc.) en resposta á súa preocupación.

En consecuencia, estas persoas queren corrixir esas imperfeccións, xeralmente mediante operacións cirúrxicas ou tratamentos de beleza, para acougar a angustia que lles provoca esa situación. O habitual é que a satisfacción sexa temporal e a ansiedade regrese, o que leve a buscar novas formas de arranxar o dano percibido.

As causas deste trastorno, do mesmo xeito que noutras enfermidades psicolóxicas, non se coñecen con exactitude e poden ser unha resposta a múltiples situacións. Existen moitos factores que contribúen ao seu desenvolvemento, como antecedentes familiares con esta afección, experiencias ou críticas negativas sobre o corpo, niveis anormais de serotonina no cerebro, presión social, unha personalidade perfeccionista, outras doenzas como a depresión, etc.

Por outra banda, a dismorfia corporal adoita aparecer nos primeiros anos de adolescencia e afecta tanto a homes como a mulleres. Os síntomas desta enfermidade poden desenvolverse de forma gradual ou de xeito máis repentino. Algúns dos sinais que nos advirten da presenza deste trastorno son os seguintes:

  • Estar convencido/a de ter unha imperfección ou deformidade.
  • Ter unha preocupación extrema por ese defecto no corpo que os demais non son capaces de percibir.
  • Comparar continuamente a súa aparencia física coa dos demais.
  • Buscar frecuentemente a aceptación do seu corpo.
  • Ter tendencias perfeccionistas.

A preocupación excesiva, os comportamentos repetitivos e os pensamentos obsesivos pola imaxe poden dificultar a calidade de vida das persoas que sofren esta doenza, provocando grandes problemas á hora de ter relacións sociais ou dificultando incluso a realización de tarefas cotiás. Se cres que podes padecer este trastorno ou coñeces a alguén que o teña, é imprescindible que empece a tratar esta afección cun/cunha especialista.

En García e Lestón contamos cun equipo de profesionais da psicoloxía que estudarán o teu caso e che ofrecerán o tratamento necesario para mellorar o teu benestar psicolóxico e físico.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *