Lesionado/a? Así podes volver a facer exercicio de xeito seguro e eficaz

Algunha vez sufriches unha lesión? Tanto se practicas regularmente actividade física coma se o fas de maneira puntual, o risco de sufrir unha lesión está sempre presente. Pero, sabes como retomar de novo o exercicio despois dela? Dende García e Lestón dámosche algúns consellos para volver á rutina.

Cando nos lesionamos debemos saber cal foi o factor que o ocasionou para evitar que ocorra de novo. Na maioría de casos, pode derivar dunha falta de quecemento, estiramento, forza, flexibilidade, unha mala técnica, etc.

Tamén temos que ter claro que non todas as doenzas teñen o mesmo tempo de recuperación. Por exemplo, a gravidade dunha fractura non é a mesma que a dunha sobrecarga. Debemos acudir a un/unha profesional que estableza un diagnóstico e un tratamento claro para saber como recuperarnos e cando volver a practicar deporte.

Un dos procesos que se adoita seguir para retomar o exercicio con normalidade é o seguinte:

  • Fase 1. Readaptación deportiva: traballar cun/cunha profesional do adestramento que paute exercicios adaptados ás necesidades da persoa para que, unha vez superada a fase médica da lesión, o corpo e a zona da doenza volvan a unha certa normalidade física.
  • Fase 2. De aceleración: o/a especialista empeza a elaborar táboas de exercicios máis complexas para aumentar o grao de actividade. É necesario seguir os pasos e tempos estipulados polo/a profesional.
  • Fase 3. Mellorar a potencia: neste momento pódese empezar a practicar deporte de maneira gradual para que se vaia desenvolvendo a forza muscular.
  • Fase 4. Recuperar toda a forza: nesta etapa final xa se comeza a adestrar con normalidade. Se se seguiron todos os obxectivos e prazos correctos non haberá un risco de recaída.

Tamén consideramos importante que teñas en conta os seguintes consellos:

  • Ter paciencia: non se debe establecer un obxectivo temporal. Cada un/unha coñece o seu corpo e só se a sensación é positiva se pode pasar á seguinte fase.
  • Facer exercicio de forma progresiva: débese evitar os sobreesforzos. É necesario lembrar que non volvemos na mesma forma física na que estabamos antes da lesión.
  • Non deixar de adestrar: se se ten unha lesión nunha única parte do corpo, pódese incidir nas restante para perder a menor forma física posible. Por exemplo, se tes dor nunha perna, podes centrarte no tren superior.
  • Realizar adestramento de flexibilidade e mobilidade articular: é importante estirar todos os músculos, pero en especial os adxacentes á zona lesionada para evitar recaídas por culpa da descompensación.

En García e Lestón contamos con profesionais do adestramento que che axudarán a recuper ao completo a túa saúde despois dunha lesión a través dun proceso de rehabilitación como o que acabamos de ver, sempre adaptado ás túas necesidades. Non o dubides máis e contacta connosco sen compromiso!

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *