Educación postural. Non lle xogues unha mala pasada ás túas costas
Educación postural. Non lle xogues unha mala pasada ás túas costas
Sobrecargas, esforzos, doenzas como a artrite ou algúns tipos de cancro… A dor de costas afecta a persoas de calquera idade e por diferentes motivos. Aínda así, o mantemento do noso corpo nunha mala postura pode ser tamén causante deste malestar.
Por iso, neste blog darémosche as indicacións que precisas para unha correcta hixiene postural no teu día a día, coa que reducirás a carga e as lesións que poden afectar ás túas costas.
Con todo, primeiro debemos coñecer por que é tan importante conservar esta boa posición nas nosas accións cotiás. Que efectos negativos pode traer non aplicala? Á dor de costas súmanselle a de cabeza, mandíbula, pescozo, ombreiros, cadeira, xeonllos, pés e mesmo problemas respiratorios ou dixestivos.
Unha mala postura pode vir condicionada por numerosos factores:
- Estilo de vida sedentario: ben sexa por realizar un traballo que che obriga a estar sentado/a e a non moverte ou porque non tes actividades ao longo do día.
- Alimentación: non comer de xeito san e equilibrado afecta aos nosos ósos e articulacións.
- Cargas excesivas de peso: non é aconsellable transportar obxectos demasiado pesados para as nosas capacidades.
- Malestar psicolóxico: os problemas e preocupacións que ocupan a nosa mente tamén poden afectar á disposición do noso corpo.
Coidar a nosa postura fará que as nosas articulacións se desgasten menos, diminuirá a fatiga, incrementará a enerxía, terá efectos positivos sobre o estrés, aumentará a nosa mobilidade e flexibilidade e mellorará a nosa concentración, entre outros tantos beneficios.
Entón, que podo facer para ter o meu corpo nunha mellor posición? Aquí van algúns consellos.
- Se pasas o día sentado/a ao carón dunha mesa mentres traballas, procura manter as costas ergueitas, os ombreiros cara atrás, os brazos estirados cara adiante e coloca a pantalla á altura da túa cabeza para non forzar o pescozo.
- Evita cruzar as pernas ou colocar unha delas debaixo dos glúteos para non apoiar todo o peso no mesmo lado.
- Camiña tratando de aliñar pescozo, costas e cintura e evita mirar ao chan.
- Para durmir, a postura máis recomendada é a fetal, na cal recollemos as pernas para liberar a nosa columna de carga.
- Recorda pisar de xeito correcto cando camiñes, é dicir, primeiro co talón e logo coa punta.
Como podes comprobar, a nosa postura inflúe en gran medida sobre o noso benestar. Por iso, se tes dúbidas á hora de aplicar estes consellos ou precisas axuda para a túa dor de costas, en García e Lestón temos ao mellor equipo profesional na nosa área de fisioterapia para coidar da túa saúde.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!