Ciberacoso e violencia en internet. Que as redes sociais non sexan unha arma psicolóxica

Ciberacoso e violencia en internet. Que as redes sociais non sexan unha arma psicolóxica

Coas tecnoloxías formando parte das nosas vidas de xeito cada vez máis activo é inevitable que, en especial os e as adolescentes, fagamos un maior uso de internet e as redes sociais. Con todo, estes lugares poden converterse en ferramentas de violencia e acoso se se fai un uso indebido deles.

O ciberacoso é cada vez máis común entre os mozos e mozas menores de idade. Por iso, neste blog analizamos as chaves deste tipo de violencia, para saber recoñecela e evitala.

Para comezar, debemos ser conscientes de en que programas ou aplicacións podemos ser vítimas deste acoso. Neste sentido poñeremos atención a redes sociais como Instagram, Tik Tok, Twitter ou Facebook, pero tamén a apps de mensaxería instantánea como pode ser Whatsapp. Porén, non debemos esquecer a intimidación que se pode experimentar en salas de chat de vídeo ou en comunidades de videoxogos.

Pero, como podo recoñecer se estou a ser vítima de ciberacoso? Esta violencia pode manifestarse de múltiples maneiras:

  • Difusión de información falsa e mentiras sobre outra persoa
  • Publicación de fotografías sen ter o permiso de alguén
  • Suplantación de identidade
  • Envío de mensaxes agresivas ou ameazantes

Con todo, existen outras formas de expresión do acoso a través de internet. Unha delas, e das que máis afecta aos/ás adolescentes, é a violencia de xénero. Cada vez é máis común que, nas relacións destas idades, se utilicen as novas tecnoloxías como ferramentas de control do lugar no que se atopa a parella, das fotografías que comparte ou das persoas coas que fala.

Outros tipos poden ser a extorsión, de carácter sexual, que pode realizar un agresor sobre a súa vítima, ameazándoa coa publicación de fotografías íntimas ou o coñecido como grooming, que se produce cando un adulto acosa a un menor con intencións sexuais.

Agora que xa coñeces como pode aparecer o ciberacoso, que podes facer no caso de estar a sufrilo?

  • Restrinxe a información que das ás persoas descoñecidas. Non compartas información persoal ou fotos comprometidas.
  • Non dubides en denunciar e reportar publicacións e fotografías que atenten en contra túa.
  • Se denuncias, non dubides en recoller probas (mensaxes, capturas de pantalla, fotografías, etc.)
  • Pide axuda canto antes a familiares, adultos de confianza ou en liñas telefónicas de axuda.

As agresións na rede é algo contra o que debemos loitar por eliminar da nosa sociedade, posto que, de sufrila, pode provocar numerosas consecuencias psicolóxicas como a aparición de estrés, ansiedade, perda de autoestima, depresión ou mesmo pode derivar en casos de suicidio.

Se buscas apoio para saír dunha situación semellante, en García e Lestón contamos co mellor equipo profesional da nosa área de psicoloxía para axudarche en todo o que sexa necesario.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *