Quen dixo que un snack non pode ser saudable? Descubre este TOP 6!

Pensas que o teletraballo é o invento do século e estás encantado/a de poder traballar dende o teu fogar ou pola contra botas en falta o teu lugar na oficina e as conversas cos compañeiros e compañeiras?

 

Aínda que as dúas opcións teñen diferentes vantaxes e inconvenientes, a verdade é que os paseos ao teu lugar habitual de traballo foron, en moitos casos, substituídos polas visitas á neveira, a ben poucos pasos de ti. O consumo de alimentos ultraprocesados ademais de provocar a perda no control da túa alimentacións tamén reduce a súa calidade, un problema para o que dende García e Lestón che traemos unha solución!

 

Petiscar dun xeito san e rico existe, pero hai que escoller os alimentos axeitados. A chave é consumir snacks saudables moi nutritivos e ricos en vitaminas, minerais, proteínas e fibras. Tamén axudarán a calmar o teu apetito ao aportar moita saciedade, pero non esquezas que o seu consumo non debe desprazar nin eliminar o protagonismo das comidas principais.

 

Tanto se teletraballas como se vas á oficina non perdas o noso TOP 6 de snacks saudables que preparamos para ti e che vai deixar coa boca feita auga.

 

  1. Flocos de millo

 

Un bo alimento que che trasladará inmediatamente ao cine e dun xeito san debido ao seu alto contido en fibra, antioxidantes, minerais e vitamina B. Ao facelos evita sempre os excesos de sal e se queres dálles un toque orixinal condimentándoas con outras especias.

 

  1. Hummus

 

Tan só precisas garavanzos cocidos, aceite, sal, zume de limón e tahini e nuns minutos terás unha forma deliciosa de comer legumes. Ademais podes acompañalo con pequenos paus de cenoria, pemento ou pan e mudar os garavanzos por xudías ou remolacha para darlle un toque ben orixinal.

 

  1. Chips de verduras ou froitas

 

Ao igual que o anterior, non precisas moitos ingredientes para conseguir este crocante snack, de feito tan só tres: a verdura ou froita que ti queiras, aceite e mais sal. Recomendámosche que as fagas ao forno para limitar a inxestión de calorías e reducir a cantidade de aceite empregado.

 

  1. Froita con canela ou coco relado

 

Non hai nada mellor que unha peza de froita ou macedonia variada para tomar as racións necesarias deste alimento ao día, pero e se a cortas en cachiños e botas por enriba dela un pouco de canela ou coco relado? Resultará moito máis apetecible para o gusto e a vista, ademais de aportar ao teu organismo unha boa dose de vitaminas, minerais e nutrientes.

 

  1. Galletas de avea e plátano

 

Con tan só dous ingredientes podes facer unhas galletas perfectas para tomar en calquera momento. Mestura os copos de avea xunto cos plátanos maduros e logo ao forno. Para facelas máis variadas podes engadir froitos secos como pasas ou noces.

 

  1. Pudin de chía

 

As sementes de chía son un superalimento, pois son ricas en antioxidantes, calcio, fósforo, fibra, ácidos graxos omega 3… Xunto con leite ou unha bebida vexetal (avea, arroz, améndoas…) e por enriba algunha froita como as framboesas ou arandos será o teu petisco saudable preferido.

 

Sabemos que con estes seis snacks non che puxemos nada doada a escolla, pero seguro que a partir de agora os teus petiscos entre horas serán moito máis sans e non porás a túa saúde en risco. Non dubides máis e adéntrate nun estilo de vida saudable grazas ao equipo profesional do noso Centro Integral de Saúde e Benestar García e Lestón.

 

Adestramento persoal e pilates terapéutico, unha combinación gañadora

No noso día a día facémoslles fronte a numerosos cambios que alteran en maior ou menor medida a nosa vida, por iso, é ben importante manter unha rutina básica diaria que nos axude a funcionar adecuadamente e a ter certa estabilidade.

 

Calquera momento é bo para comezar a coidar do teu benestar. Neste sentido, a práctica deportiva habitual contribúe a mellorar a túa vida en varios aspectos: fai que esteas de mellor humor ao liberar no organismo endorfinas durante a súa realización e ademais permíteche gozar dun sono reparador e de calidade.

 

Por estes motivos, dende García e Lestón sumámonos á recomendación da Organización Mundial da Saúde de facer polo menos 150 minutos de exercicio á semana. Queres saber como seguir este consello dunha forma efectiva e gozar moito máis dos beneficios que proporciona o deporte?

 

A solución que che propoñemos pasa por combinar o adestramento persoal co pilates terapéutico nun plan de adestramento semanal de tres días. Sabemos que cada persoa é única, polo que precisas un plan individualizado e adaptado ás túas necesidades e obxectivos que queiras conseguir. Pero ademais, ao mesmo tempo que realizas exercicio físico tamén resulta importante lograr unha conexión entre o corpo e a mente, onde axuda enormemente o pilates terapéutico.

 

Esta práctica, ao traballar por igual todas as partes do teu físico, orixina un equilibrio e unha compensación que mellorará o teu rendemento dun modo moi equitativo. Igualmente, a súa realización favorece a mellora da hixiene postural, o que evita serios problemas e lesións.

 

A súa contribución na relaxación da mente e na liberación de tensións compleméntase coa motivación que produce o adestramento persoal, pois ao estar baixo a supervisión profesional podes saber os erros que cometes nalgúns dos exercicios e corrixilos no mesmo intre coa súa axuda. Da mesma forma, o feito de contar cun seguimento periódico permíteche que coñecer os teus logros e avances sexa unha tarefa moito máis doada e obxectiva.

 

Ambas as dúas disciplinas poden complementarse dunha gran forma, ademais a súa combinación permite maximizar as adaptacións das sesións, polo que notarás un incremento positivo nos resultados.

 

Agora que descubriches os beneficios de levar a cabo conxuntamente estas dúas prácticas tes aínda máis ganas de probalos no teu propio corpo? No noso Centro Integral de Saúde e Benestar García e Lestón poñémoscho doado grazas á nova posibilidade que ofrecemos de facer adestramentos tres días á semana: dúas sesións de adestramento persoal e unha de pilates terapéutico. Desta forma conseguirás que o mantemento dunha rutina sexa moito máis doado para ti, á vez que cumpres coa recomendación dos 150 minutos por semana da OMS. Non agardes máis e anímate!

 

 

 

 

 

 

 

 

A presión non sempre é negativa. Descubre a presoterapia con nós!

Seguro que ben sabes que unha parte principal do noso sistema inmunitario é o sistema linfático, e que este, xunto ao circulatorio, son os encargados de eliminar os refugallos do organismo. Mais, coñecías que neste proceso pode contribuír positivamente e dun xeito enorme a contracción muscular?

 

A presoterapia é unha das técnicas de tratamento de fisioterapia que está a ser bastante empregada nestes últimos anos. Tal e como di o seu nome, consiste en aplicar presión en determinadas zonas do corpo para estimular a drenaxe linfática. É recomendable para as persoas que sofren alteracións na circulación a nivel venoso ou linfático, pero tamén adoitan empregar a presoterapia os e as deportistas despois dun adestramento de alta intensidade ou de competicións.

 

Pero como se realiza? Nesta técnica, tes que introducirte nun traxe pneumático dotado dunhas cámaras que aplican presións de aire ao longo das zonas do corpo afectadas. Estas ondas permiten que a corrente sanguínea dispoña do impulso que precisa para volver rapidamente ao corazón.

 

Non te preocupes nin teñas medo, ademais de non provocar ningunha dor, a presión de aire aplicada está en todo momento controlada, así como depende de cada paciente e da parte que queiramos tratar. Neste sentido, é ben importante que coñezas algúns dos beneficios que proporciona esta técnica:

 

  • Elimina toxinas ao favorecer a circulación e as linfas poden expulsar mellor os residuos metabólicos.
  • Diminúe os riscos de lesión ao ter unha musculatura mellor osixenada.
  • Reduce a fatiga muscular e acelera a recuperación.
  • Estimula o sistema circulatorio.
  • Contribúe a reducir os niveis de estrés e tamén de rixidez no corpo.

 

Chegados a este punto, cómpre destacar que no noso Centro Integral de Saúde e Benestar García Lestón dispoñemos dunha vangarda tecnolóxica que nos permite ofrecerche un servizo de calidade e axustado ás túas necesidades. Deste xeito, a partir de hoxe mesmo vas poder gozar dunha nova incorporación: a Recovery Pump.

 

Con esta nova máquina coa que contamos, os resultados non tardarán moito tempo en aparecer! Entre as súas características destaca a presión axustable para cada paciente coa que conta, e que ademais imita o bombeo natural do corpo.

 

Se queres descubrir de primeira man todas os beneficios desta novidosa tecnoloxía, non dubides en visitarnos na nosa área de Fisioterapia de García e Lestón. Ao igual que sempre, entrarás pola porta cun problema e sairás cunha solución… e un sorriso baixo a túa máscara.

A terapia psicolóxica, chave no coidado da saúde mental

Non hai dúbidas de que a pandemia da COVID-19 impactou de cheo na nosa saúde física, pero non o fixo dunha menor forma na mental. De feito, a “nova normalidade” na que nos atopamos resulta ser o seu espello nesta última, pois os seus graves efectos incrementaron o nivel de incerteza da poboación en xeral.

Neste punto de gran demanda da atención psicolóxica, e por mor da súa carencia tanto de recursos humanos como económicos, moitas veces a solución máis rápida (que non a máis efectiva, polo menos a longo prazo) é tratar a doenza con medicamentos.

De feito, tal e como manifesta o último informe da Junta Internacional de Fiscalización de Estupefacientes (JIFE) do 2020, España é o primeiro país do mundo no índice de consumo por cada 1.000 habitantes de benzodiacepinas. Estes son fármacos psicotrópicos empregados para tratar os casos leves de insomnio, ansiedade ou trastornos emocionais.

Os datos que recolle a JIFE foron recollidos no ano 2019, polo que son anteriores á pandemia coa que estamos a convivir e ao aumento dos casos de malestar psicolóxico derivados dela.

Deste xeito, no contexto actual, un dos principais problemas cos que bate un ou unha paciente que sofre ansiedade ou depresión é coa falta de profesionais nesta área na Atención Primaria. Nestes casos, a solución que reciben para as súas doenzas pasa por tomar fármacos como as benzodiacepinas que, de consumilas durante máis tempo do indicado, poden provocar unha dependencia e adición.

Así, é certo que os antidepresivos poden formar parte do tratamento desta enfermidade cando se dan síntomas graves, porén, cómpre tamén valorar os riscos que pode presentar para a saúde do/a paciente fronte á súa eficacia.

Chegados a este punto, debemos destacar o importante papel que cumpre nesta cuestión a terapia psicolóxica grazas á axuda que proporciona para que a propia persoa poida ser quen de manexar o seu problema e de afrontalo do mellor xeito posible.

Aspectos como o illamento, a falta de contacto social ou os cambios de rutina ou laborais poden xerarte un gran malestar e afectar á túa saúde mental, pero moitas veces non fai falta unha receita de tranquilizantes para poñerlles fin. No noso Centro Integral de Saúde e Benestar García Lestón contamos cunha área específica de psicoloxía na que te podemos axudar a superar todos os obstáculos que teñas diante e que volvas ver a luz.

As présas non son boas, planificación contra a frustración

Seguro que máis dunha vez escoitaches, ou mesmo ti tamén o dixeches nalgún momento: “o próximo mes comezo no ximnasio”. Pero logo dunhas semanas de facer deporte non ves os resultados no teu corpo que esperabas e rematas por deixalo. Sóache esta historia?

As metas inalcanzables son o noso peor inimigo á hora de adestrar, e resultan ser máis frecuentes do que pensas. Perder 3 quilos en dúas semanas, ter os abdominais definidos en 20 días… Estes obxectivos, ademais de seren ficticios, o único que conseguirán é que remates frustrado/a ao non conseguilos dunha forma tan rápida como pensabas.

Deste xeito, todo comeza por fixar uns propósitos concretos, realistas e marcar un prazo para logralos. Tenta propoñerte pequenos retos que poidas superar pouco a pouco, e que poden contribuír a que teñas unha motivación extra para facer exercicio. Reducir o tempo no que percorres unha distancia, aumentar o peso que ergues ou o adestrar catro veces por semana… escolle os que máis se adapten a ti e mantenos sempre na túa mente.

Igualmente, algo importante é que con eles vexas a práctica deportiva dunha maneira divertida e gratificante, e non como unha obriga. O feito de acadar con éxito unha meta marcada produce tanto no teu corpo coma na túa mente un elevado estado de satisfacción, necesario para seguir con motivación e non abandonar o teu percorrido ata a liña final.

Neste sentido, algo que tamén pode axudar é levar un pequeno rexistro dos teus avances. Con eles poderás ver a túa evolución e analizar e entender os factores que inflúen de maneira positiva ou negativa no teu rendemento deportivo.

Por outra banda, un elemento chave que debe estruturar a organización do adestramento é o descanso. Grazas a el poderás afrontar perfectamente a seguinte sesión, ao tempo que o corpo se adapta e produce as acomodacións necesarias para xerar máis forza ou masa muscular. Ás veces pensamos que canto máis deporte realicemos, antes veremos os resultados, pero a realidade é que é mellor a calidade que a cantidade.

Se buscas a forma máis efectiva de practicar deporte a mellor opción é acudir a especialistas. En García e Lestón sabemos que cada persoa é única, polo que precisas dun adestramento totalmente individualizado e planificado dun xeito gradual e controlado. Nas nosas instalacións de Arteixo contamos cun equipo profesional que che axudará a conseguir os teus obxectivos deportivos e ver os resultados que desexas sen ningunha frustración.

Estrés e dores de lombo, non lle deas as costas á ansiedade

Cantas veces ao día sentes estrés por algo que tes que facer: estudar para un exame, entregar unha tarefa laboral, non dispoñer de tempo para ti? Pensas que por mor da pandemia tendes a sufrir unha maior ansiedade? E se che dixéramos que esta ademais pode ser a causa das túas dores de costas?

O primeiro que temos que saber é que a ansiedade é un estado mental que provoca unha elevada inquietude e inseguridade. Ao mesmo tempo produce unha reacción psicofisiolóxica de activación intensa do sistema nervioso central e de todo o organismo.

Ambas as dúas son doenzas que, por separado, son cada vez máis frecuentes, sobre todo como consecuencia do actual contexto no que nos atopamos. Pero tamén o son dunha forma conxunta. Existen varios estudos, como os realizados pola Universidade de Porto (Portugal), que sinalan a relación entre este trastorno psicolóxico e a cronificación da lumbalxia.

Ás costas hai que engadir tamén os ombreiros, a base do pescozo e a rexión posterior dos brazos. De xeito global, estes son os músculos que adoitamos empregar cando nos atopamos nunha posición de defensa. A súa tensión permite preparar o corpo para reaccionar e, cando a situación de estrés remata, estes volven ao seu estado de relaxación.

Porén, se o estrés é algo común no teu día a día, ou se acumula durante un longo período de tempo, pode que a ansiedade que che produce chegue a convertelo en algo permanente. Neste caso, os músculos pasan a ficar nun estado de tensión constante. Como consecuencia, é moi doado que se produza unha contractura que pode desencadear graves dores de costas.

Por estes motivos é ben importante que prestes atención se comezas a ter estes malestares físicos, pois pode que así entendas a súa orixe. Afondar na túa vida diaria e facer unha análise dela contribúe a que poidas coñecer se te atopas baixo pequenos episodios de ansiedade que, aínda que semellen inofensivos, poidan rematar nestas dores de costas.

En García e Lestón sabemos que a saúde mental e a física se inflúen a unha á outra, polo que a mellor solución é abordar o teu problema dunha forma multidisciplinar, mediante tratamentos combinados de psicoloxía e fisioterapia. Nas nosas instalacións de Arteixo contamos cun equipo profesional experto nestas áreas que te axudará a conseguir que a túa recuperación sexa máis eficaz e doada. Non deixes que a ansiedade e as dores te paren!

Adestramento a primeira hora, razóns de peso

Non hai dúbidas de que calquera hora do día pode ser boa para realizar exercicio físico, pois ao final o que importa é ser constante. Porén, hai un momento en concreto que resulta ser moi beneficioso para o noso corpo, sabes cal é?

Se a túa resposta foi que a primeira hora da mañá, punto para ti! Xunto coa saída do sol ou incluso antes é a ocasión perfecta para practicar deporte. Canto máis cedo adestres, máis probable é que non teñas ningún tipo de imprevisto ou escusa (como quedar no sofá cunha película ou serie) que che impida cumprir co teu plan. Deste modo conseguirás ter unha maior persistencia e serás quen de manter un horario fixo.

Co metabolismo acontece algo semellante, o adestramento matutino favorece a súa aceleración, polo que queimarás máis calorías durante todo o día que de forma regular

Así, outro dos beneficios de realizar exercicio nada máis erguerte e antes da xornada laboral é que este produce a activación do teu organismo de xeito inmediato e fai que te sintas con máis enerxía no traballo. Igualmente, ao ter liberado endorfinas, gozarás dun menor nivel de estrés e estarás de mellor humor.

Por outra banda, o deporte a primeira hora, tanto indoor, como pode ser nos nosos adestramentos persoais, ou outdoor ao saír a correr pola túa contorna, axuda a regular o teu ritmo circadiano (o reloxo natural do sono). Así que xa non pasarás as noites cos ollos abertos coma pratos e cravados no teito!

Tamén é moi importante a sensación de realización creada pola satisfacción de acadar xa pola mañá un dos teus obxectivos: facer exercicio. Cada día terás unha motivación maior e sentirás que es quen de afrontar calquera reto que se che poña diante.

Agora que xa coñeces todos os beneficios de realizar actividade deportiva ben cedo pola mañá, o único que tes que facer é animarte a poñelo en práctica, e dende García e Lestón podemos axudarte. Co noso servizo de adestramento persoal do que podes gozar xa a partir das sete da mañá conseguiremos que o mantemento dunha rutina sexa máis doado para ti e ata irás máis ledo/a ao traballo! Non dubides en contactar connosco!

Psicoloxía e menores, é momento de romper tabús

No coidado do noso benestar a saúde mental cumpre un gran papel pero, por mor da pandemia que vivimos, está a ser moi afectada. Co paso do tempo é máis difícil afrontar unha situación cada vez máis longa e chea de restricións que nos afectan dun xeito negativo e se acumulan en nós. Pero sabes que as persoas novas están a resultar gravemente prexudicadas?

Tanto a chegada do verán como a posterior volta aos colexios evidenciaron o incremento da demanda de atención psicolóxica nas persoas menores. Deste xeito, as consultas nos últimos meses aumentaron ao redor dun 20%, por problemas como a depresión, ansiedade e incluso trastornos da alimentación.

No caso dos nenos e nenas, aínda que gozan dunha maior capacidade de adaptación, o que precisan para ter certa tranquilidade é a previsibilidade, algo moi complexo na actualidade ao atopármonos nunha situación totalmente descoñecida para nós. Como consecuencia, presentan inquietude e irritabilidade, ao tempo que sofren máis rabechas porque non poden canalizar totalmente a súa enerxía.

Chegados a este punto, queres coñecer algunhas pautas ou técnicas que seguir para reducir os efectos psicolóxicos nas persoas máis novas?

 

Unha forma adecuada de actuar dende unha perspectiva familiar é tentar comunicarnos cos fillos e fillas. O feito de falar sobre a situación actual e dos seus sentimentos pode axudarlles a entender o que está a acontecer e o que senten ao respecto. Así, é moi importante escoitar as súas palabras dunha forma empática e en ningún momento menosprezalas. A conversa familiar é fundamental neste sentido.

Igualmente, cómpre favorecer un clima agradable no interior do fogar que podes aproveitar para achegarte máis aos teus fillos/as. Desta maneira, facilitarás un diálogo caracterizado polo cariño e a comprensión, o que os fará sentir seguros/as e con confianza no seu día a día.

Aínda así, é importante prestar atención aos seus cambios de ánimo e comportamento e contar coa axuda de especialistas para evitar que os problemas vaian a máis.

Dende a nosa área de Psicoloxía do Centro Integral de Saúde e Benestar García e Lestón podemos apoiarte no coidado da saúde mental dos máis pequenos e pequenas. O noso equipo profesional achegará a luz que precisas para facer este proceso máis doado.

Porque a saúde non debe agardar, nunca

Agora, tras pouco máis dun ano de pandemia, se de algo nos demos de conta é de que o noso benestar nunca debe agardar, porque cando falla a saúde o mundo párase.  Na actualidade, comezan a facerse evidentes algunhas das súas moitas consecuencias que este peculiar ano nos está a deixar. Unha mostra é a actual saturación que padecen as Unidades de Fisioterapia de Atención Primaria debido á súa gran demanda.

 

Sabes cales son os motivos que se atopan tras a conxestión dun servizo que é esencial?

 

Durante varias semanas todos e todas vimos reducida case completamente a nosa práctica deportiva no confinamento, o que inevitablemente deu lugar a unha perda da capacidade muscular e elasticidade.

Deste xeito, o escaso exercicio físico entre a poboación nese momento, sumado á recente recuperación da actividade, ven provocando nestes últimos meses o xurdimento de certas dores en partes do corpo como as pernas ou as costas.

Tamén hai que engadir que o teletraballo, pese a ser moi vantaxoso, ten parte de culpa, pois a xente non conta cunha educación postural axeitada. Así, o feito de colocarnos de forma incorrecta na cadeira pode implicar a aparición de contracturas e lumbalxias.

Por estes motivos, aos/ás pacientes con doenzas crónicas tamén hai que sumar as numerosas persoas que acoden xunto a especialistas por mor de patoloxías típicas que son consecuencia do actual contexto no que nos atopamos.

A gran demanda que estamos a ver no servizo de fisioterapia fai que este, ao contar cunha media en Galicia no SERGAS de tan só un/unha profesional por cada 17.000 habitantes, non poida facerlle fronte e se dea unha gran demora nas consultas.

Porén, a saúde das persoas non debe nin pode agardar, sobre todo na actualidade. Neste sentido é moi importante o papel que exerce esta disciplina na prevención da deterioración física.

Un exemplo é nas lesións de xeonllo, onde a fisioterapia é a base do tratamento rehabilitador. Ao ser esta unha peza imprescindible dentro do noso corpo por permitirnos a mobilidade, cómpre comezar canto antes o seu proceso de coidado e convertelo nunha rutina para obter os mellores resultados.

Actuar rápido nestes casos conleva certos beneficios como son a diminución da dor, a recuperación da forza e da flexibilidade e tamén o aumento da mobilidade articular, así como tamén se pode evitar que unha doenza nun principio leve pase a ser crónica por non proceder a tempo.

En García e Lestón somos moi conscientes disto, e sabemos que a túa saúde ten que ser o primeiro. Nas nosas instalacións, en Arteixo, contamos cunha área específica de fisioterapia, cun equipo profesional experto en coidar do teu benestar e facer que a túa recuperación sexa máis doada e eficaz. Non deixes que as dores te paren!

Chegar ao verán si, pero con saúde

Atopámonos no mes de abril, a ben pouco do verán, e xa comezamos a escoitar a necesidade de facer dietas de cara á “operación bikini” para perder uns quiliños.

Dentro destas existe unha gran variedade, pero hai algunhas que ofrecen uns resultados incríbeis en moi pouco tempo e con practicamente nada de esforzo: as dietas milagre. Queres saber en que consisten realmente e por que se consideran tan daniñas?

As dietas milagre prometen perder peso rapidamente pero omiten que a forma en que o conseguen é prexudicial para a túa saúde, tanto física como mental. Ao carecer de fundamento científico poden aumentar o risco de padecer enfermidades cardiovasculares, algúns tipos de cancro e diabetes.

Unha das súas características é que adoitan quitar un grupo concreto de alimentos ou, pola contra, poden basearse no consumo de tan só un. Deste xeito, causan a falta de nutrientes esenciais para o bo funcionamento do organismo, o que incluso pode derivar en trastornos alimentarios como a anorexia ou a bulimia.

Así mesmo, a súa eficacia é temporal pois teñen un efecto rebote logo de rematalas, polo que ao final ganas máis peso do perdido. Isto prodúcese porque o primeiro que elimina o corpo con esta clase de dietas son os líquidos e proteínas, destinados como reserva para as situacións de necesidade.

Igualmente, canto máis rápido adelgazas maior é a probabilidade de que se reduza o músculo e a masa ósea, o que incrementa o risco de sufrir osteoporose.

Se queres baixar de peso, a mellor forma é non suprimir ningún grupo de alimentos, realizar un cambio de hábitos progresivo e acompañalo de exercicio frecuente. Pero o máis importante é acudir sempre a especialistas, os e as dietistas-nutricionistas.

No Centro Integral de Saúde e Benestar García e Lestón, en Arteixo, contamos cunha área específica de nutrición na que che axudaremos a adquirir unhas rutinas axeitadas e sen poñer en risco a túa saúde. Pide cita connosco e goza dunha alimentación personalizada e equilibrada.