Cando non atopas o equilibrio entre o esforzo e o descanso: Coñece a sindrome do sobreadestramento

Es dos/das que o dan todo no ximnasio? Pois ten moito coidado, porque un adestramento excesivo pode ser máis prexudicial que beneficioso para a túa saúde!

Cando unha persoa quere mellorar o seu aspecto físico nun curto período de tempo, adoita aumentar a intensidade dos exercicios e reducir o número de descansos entre eles. Esta práctica é moi daniña para o corpo, xa que non permite que os músculos se recuperen correctamente do esforzo e pode levar a sufrir a coñecida como síndrome do sobreadestramento.

Esta doenza é unha condición psicolóxica e fisiolóxica que se produce como resultado dun adestramento excesivo e prolongado sen un adecuado período de recuperación. Moitos/as atletas chegan a sufrir esta afección porque aumentan de xeito erróneo a intensidade da súa rutina para mellorar o seu rendemento.

O exceso de exercicio pode levar a un desequilibrio entre o estrés e a recuperación, producindo unha serie de síntomas negativos que poden manifestarse tanto a nivel físico como mental. Algúns dos máis comúns son:

  • Fatiga crónica e falta de enerxía.
  • Dor muscular.
  • Insomnio.
  • Diminución do rendemento deportivo.
  • Cambios no estado de ánimo.
  • Perda do apetito.
  • Irritabilidade, ansiedade ou depresión.
  • Dificultade para concentrarse.

Ademais de ter a súa orixe nos adestramentos excesivos ou na falta de descanso, tamén poden incrementar a aparición desta síndrome:

  • Factores psicolóxicos: o estrés, a presión, as altas expectativas ou a falta de motivación poden contribuír á aparición deste trastorno.
  • Factores nutricionais: unha mala alimentación pode afectar á capacidade do corpo para reparar os tecidos despois da actividade física.

Para previr esta enfermidade, dende a unidade de adestramento de García e Lestón dámosche algúns consellos que podes comezar a aplicar na túa rutina:

  • Establece un plan de adestramento adecuado ás túas necesidades, equilibrando os tempos de exercicio e os de recuperación.
  • Escoita ao teu corpo: se tes algún sinal de fatiga ou lesión debes descansar de inmediato.
  • Mantén unha alimentación equilibrada e hidrátate constantemente.
  • Incorpora técnicas de relaxación para reducir os niveis de estrés e xestionar as túas emocións.
  • Consulta a profesionais do adestramento, da fisioterapia ou da psicoloxía calquera dúbida que teñas.

Manter un equilibrio entre a actividade física e o descanso é esencial para previr calquera tipo de lesión e mellorar progresivamente as túas capacidades. En García e Lestón contamos con profesionais do adestramento que che axudarán a planificar unha rutina de exercicios adaptada ás túas necesidades e obxectivos. Contacta connosco sen compromiso!

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *