As mentiras teñen as patas moi curtas. Para que mentimos? Cales son as consecuencias?
A mentira forma parte da nosa natureza como seres humanos. Todos e todas mentimos algunha vez nas nosas vidas pero, con que finalidade? Es consciente das consecuencias que ten isto para nós ou para a xente que nos rodea? Coñecer estas cuestións pode axudarnos a non recorrer tan habitualmente ás falsas verdades e a que estas non deriven nunha necesidade constante de ocultar a realidade. Permanece atento/a a este blog.
Para comezar, é necesario aclarar que falamos de mentira cando o facemos dun xeito consciente e voluntario. Entón, para que mentimos as persoas? Existen varias razóns:
- Para mellorar a imaxe que ofrecemos aos demais individuos sobre nós mesmos ou mesmas, buscando establecer novas relacións ou acadar un status dentro dun grupo.
- Para agochar información que non queremos que saia á luz porque nos produce vergoña ou porque pode ter consecuencias negativas sobre nós ou os nosos seres queridos.
- Para conseguir algo que nos interesa ou para lograr os nosos obxectivos, xa sexan materiais ou sentimentais.
- Para non facer dano a alguén coa verdade: as coñecidas como mentiras piadosas.
- Para tapar outras mentiras, e é que se di que teñen as patas moi curtas por que as persoas, tarde ou cedo, acabarán por descubrir a realidade. Isto pode obrigarnos a seguir mentindo para evitar que isto se produza, formando un bucle do que é realmente complicado saír.
Con todo, cumpren as mentiras o seu obxectivo a longo prazo? O certo é que, fágano ou non, os nosos actos sempre teñen as súas consecuencias e as falsas verdades poden interferir de xeito moi negativo nas nosas vidas.
Como dixemos antes, mentimos para ocultar información sobre a nosa persoa, un erro do pasado ou para crear unha realidade ficticia coa que nos sintamos máis integrados ou integradas na sociedade. Isto pode colocarnos en situacións que nos desbordan ou que non podemos controlar cos nosos propios recursos. Así, manter estas falsas verdades provocará en nós angustia e ansiedade ante o medo de que nos descubran, chegando incluso a illarnos e a deixar a un lado certas relacións para evitar o risco a ser expostos/as.
E é que, aínda que sexa un acto natural e inherente ao ser humano, mentir moi poucas veces é unha solución válida. Se sentes que as mentiras controlan a túa vida, as persoas profesionais da nosa área de psicoloxía poden axudarche a non enmascarar a verdade e a aceptar a realidade tal e como é.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!