A importancia dunha boa vendaxe. Aprende a realizala correctamente ante unha emerxencia

De seguro que en máis dunha ocasión estiveches nesta situación: unha persoa da familia, un amigo ou amiga sofre unha ferida ou lesión e a atención por parte de persoas profesionais non pode ser inmediata. Que podemos facer? Saber como realizar unha boa vendaxe provisional ante este tipo de incidentes evitará moitos problemas posteriores na persoa doente e facilitará o seu proceso de recuperación. Por iso, hoxe compartímosche algúns consellos:

O primeiro paso sempre é lavar ou desinfectar as nosas mans, posto que nunca debes tratar unha zona afectada sen cumprir certas medidas de hixiene. Posteriormente, asegúrate de retirar a roupa e os complementos como aneis ou pulseiras que se atopen na parte que vas proceder a vendar e que poidan entorpecer o proceso. Do mesmo xeito, é igual de importante colocar o membro a tratar (perna, man, brazo, etc.) nunha posición funcional, é dicir, naquela na que quedará despois da vendaxe.

Unha vez teñas listos eses pasos iniciais, selecciona unha venda que, por tamaño, se axuste ben á parte do corpo afectada: non é o mesmo vendar unha man que facelo cunha perna. De seguido, debes comezar a vendaxe cunhas cantas voltas circulares arredor do membro, envolvendo de esquerda a dereita e dende unha zona externa á lesión, sendo recomendable non deixar ningún oco sen cubrir. Finalmente, remata a vendaxe con voltas, de novo, e axúdate dun adhesivo para fixala.

Lembra medir moi ben a presión cando realices unha vendaxe. Se non apertas a venda o suficiente, podería non ter ningún efecto sobre a lesión. Pola contra, se te excedes na forza, podería chegar a causar problemas circulatorios.

Cales son os beneficios de aplicar esta técnica despois de calquera incidente? Unha vendaxe a tempo axuda a inmobilizar o membro para evitar que se produzan máis complicacións, para deter a perda de sangue e para favorecer tanto a cicatrización como a recuperación da mobilidade. Con todo, debes saber que esta vendaxe é provisional e que, unha vez a persoa doente poida ser atendida, serán profesionais e especialistas quen se encarguen de vendar a lesión dun xeito seguro e eficaz que garanta unha boa recuperación.

O equipo da área de fisioterapia de García e Lestón asegurarase de tratar do mellor xeito posible calquera lesión, como escordaduras ou roturas, para que non supoñan un maior impacto na realización das actividades do teu día a día. Polo tanto, aínda que agora xa sabes como realizar unha vendaxe provisional, non dubides en acudir a el para un tratamento profesional.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *