A fisioterapia. Un apoio máis para o tratamento do Parkinson

O Parkinson é unha doenza cuxo número de casos incrementou nos últimos anos. Trátase dun trastorno do movemento que é progresivo e que se orixina cando as neuronas non producen a cantidade necesaria dunha substancia coñecida como dopamina. Deste xeito, ademais de afectar ao sistema nervioso tamén terá as súas consecuencias sobre os músculos e o nivel de actividade da persoa que o padeza.

Malia que é unha afección moi coñecida, polo momento non existe unha cura,  polo que o/a doente deberá convivir con ela de forma crónica. Con todo, existen moitos xeitos de reducir os seus efectos e de lograr unha mellor calidade de vida durante a doenza, neste blog falámosche dun concreto.

Pero primeiro debemos abordar cales son os síntomas principais para poder recoñecelos. Ademais do xa característico tremor dos membros, pode que esta doenza se manifeste doutros xeitos:

  • Lentitude nos movementos
  • Rixidez nas extremidades
  • Trastornos da postura
  • Cambios na voz cara un ton máis débil
  • Perda de expresividade na cara
  • Debilitación do sentido do olfacto
  • Trastornos do sono
  • Ansiedade ou depresión

Como xa che comentamos, o Parkinson é unha doenza que non se pode curar e que empeora co paso do tempo. Como reducir o seu impacto na nosa saúde? A fisioterapia é unha opción máis que recomendable.

Esta disciplina axuda á recuperación da marcha, á superación dos bloqueos do movemento, a facilitar cambios na postura corporal, a manter a mobilidade muscular ou a diminuír as doenzas físicas.

Deste xeito, procúrase que a persoa doente gañe autonomía e coñeza os mecanismos necesarios para aplicar no seu día a día. Por outra banda, grazas a técnicas como a termoterapia, por exemplo, o/a fisioterapeuta tamén poderá axudar a evitar a retracción dos músculos.

Todo isto, por suposto, dependerá dunha valoración previa por parte da persoa profesional, quen comprobará o estado do/da doente e aplicará os exercicios necesarios dependendo das súas condicións.

Pode que o camiño non sexa doado, pero ter ao carón persoas que che poidan axudar no proceso é imprescindible. En García e Lestón sabémolo, por iso poñemos á túa disposición, non só a nosa área de fisioterapia, tamén as de nutrición, adestramento e psicoloxía para que nada che poida impedir gozar do teu día a día.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *