A adolescencia, esquecida e na sombra da pandemia

Aínda que ao longo da pandemia puidemos coñecer as consecuencias que padeceron -e aínda seguen a sufrir- os colectivos esenciais na loita contra a COVID-19, pouco se fala das grandes esquecidas, as persoas cunha idade comprendida entre os 12 e 19 anos.

Os e as adolescentes estiveron no punto de mira ao longo deste ano en numerosas ocasións por seren supostamente responsables do aumento dos contaxios ou por saltar as restricións, unha xeneralización que pon de manifesto que as persoas novas son estigmatizadas dunha forma inxusta. Pola contra, o certo é que son as máis afectadas por esta pandemia logo do persoal sanitario e das persoas maiores.

De súpeto, bateron co detemento da súa vida nun momento de crecemento vital, onde as relacións sociais son moi importantes para a resolución de conflitos e tamén para o autocoñecemento persoal. Cunha grande incerteza sobre o seu futuro laboral e un elevado desánimo e falta de motivación, refuxiáronse nos seus ordenadores ou móbiles, illándose aínda máis do que o fixo o confinamento.

O inicio da pandemia provocou o emprego destas pantallas tanto para as tarefas educativas como para o lecer, levando consigo unha diminución do tempo de interacción coa familia nun momento no que a convivencia era moi estreita. Coa rebaixa das restricións algúns adolescentes volveron coa súa vida nesta “nova normalidade”, pero que pode acontecer cos que preferiron seguir fronte ao seu ordenador? O uso excesivo de ferramentas dixitais pode chegar a causar malestar e irritabilidade cando non se está conectado ou conectada, creando unha dependencia ou adicción. Para evitar esta problemática cómpre favorecer un clima agradable e saudable no interior do fogar. A comunicación é moi importante, falar de como se senten ou cales son as súas preocupacións pódelles axudar a desafogarse.

Ademais, débese prestar atención aos cambios de ánimo dos/as adolescentes e non dubidar en buscar axuda profesional. Dende a nosa área de Psicoloxía do Centro Integral de Saúde e Benestar García e Lestón podemos apoiarte no coidado da túa saúde mental e tamén á hora de superar os efectos negativos que nos está a deixar esta pandemia.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *