Non deixes que o inverno sexa un deporte de risco. Evita as lesións máis comúns desta época
A semana pasada demos a benvida a unha nova estación, o inverno. Para moitas persoas significa o comezo da mellor época do ano, non porque coincida coa chegada das festas de Nadal, senón porque poden practicar o seu deporte favorito.
E é que algunas actividades comezan agora a súa tempada: esquí, snowboard, skeleton… Moitas delas levan consigo un incremento da probabilidade de sufrir lesións, non só polas condicións meteorolóxicas (como a neve ou o xeo), senón polo risco do propio deporte (caídas, nivel de dificultade, falta de precaución, etc.).
En García e Lestón somos expertos/as no tratamento de lesións deportivas, por iso, neste blog queremos centrarnos nunhas das tempadas nas que máis demanda recibimos. A continuación, a nosa unidade de fisioterapia daravos unha visión xeral sobre as doenzas máis comúns en deportes de inverno e que medidas podes tomar para previlas:
- Lesións de xeonllo: o maior número de incidencias que recibimos nestas datas, e as máis graves, son das articulacións inferiores, xa que nelas recae todo o peso e a presión durante os exercicios. Son habituais as doenzas no ligamento cruzado anterior, así como lesións nos meniscos ao momento de virar bruscamente a perna mentres se está en contacto co chan.
- Luxación de ombreiro e fractura de clavícula: son frecuentes, sobre todo no snowboard e o esquí, xa que se producen por un forte traumatismo directo nunha caída ou ao golpear un obstáculo co ombreiro.
- Polgar de esquiador/a: sucede cando un/unha esquiador/a dobra a man cara atrás para suxeitar o pau de esquí nunha caída. Isto fai que o ligamento da articulación rache e se fracture o polgar nalgúns casos.
Agora que xa coñeces cales son as principais lesións que podes sufrir se vas practicar un deporte de inverno, os/as nosos/as profesionais daranche unha pequena guía para evitalas e gozar da actividade sen perigo:
- Revisa a previsión meteorolóxica: é importante que esteas ao tanto do tempo que vai facer, sobre todo en zonas de montaña.
- Practica deporte en compañía: en actividades de risco é moi recomendable que nunca vaias só/soa, porque, se sofres algún accidente e non contas coa axuda de ninguén, pode ser moi perigoso para a túa saúde e seguridade.
- Descansa e hidrátate regularmente: o esgotamento muscular é unha das principais causas de lesión.
- Realiza unha rutina de quecemento: os músculos tensan cando baixa a temperatura e os vasos sanguíneos contráense, polo que realizar exercicios de quecemento que acondicionen o teu corpo para a actividade física é de vital importancia.
- Revisa o estado do teu equipo deportivo.
- Se sofres unha caída mentres esquías, solta os paus, así evitarás a lesión de polgar.
- Sé precavido/a: non te esforces máis aló dos teus límites e non practiques deporte en zonas que non coñeces ou que están demasiado illadas.
En García e Lestón queremos coidarte e que te coides! Se sofres calquera lesión practicando o teu deporte favorito, os/as nosos/as profesionais da fisioterapia estudarán o teu caso e daranche o tratamento que necesites, ademais dunha atención e seguimento personalizado. Contacta connosco sen compromiso!
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!