Blues de Nadal: como evitar que a tristeza invada a época máis feliz do ano
O Nadal xa aterrou nas nosas vidas. As rúas énchense de luces, os máis pequenos/as agardan a chegada de Papá Noel, comezan as primeiras compras, reunións familiares… Estas datas son consideradas para moitos/as as favoritas do ano pola ilusión e a alegría. Pero non todo o mundo vive estas festas do mesmo xeito: existen persoas que o único sentimento que experimentan é a tristeza.
Dende García e Lestón contámosche a cara oculta desta época e que podes facer para evitala.
A depresión do Nadal (ou depresión branca), malia que non é considerada un trastorno psicolóxico, é un estado de ánimo negativo e temporal cara todo o que caracteriza esta festividade. Os síntomas máis habituais son o rexeitamento deste período do ano, ansiedade, illamento ou irritabilidade.
As razóns que poden desencadear este estado depresivo poden variar en cada caso. Os factores máis comúns son:
- Perda dun ser querido: as reunións familiares fan que acentúe máis a ausencia de persoas, sobre todo no primeiro e segundo ano de dó.
- Diminución da exposición á luz solar: un abastecemento mínimo de luz provoca cambios nos ritmos naturais do organismo. A falta de vitamina D pode ser o causante dunha alteración no estado de ánimo.
- Estrés por todas as obrigacións pendentes: agasallos que mercar, comidas que organizar, ceas ás que asistir… Esta época pode provocar altos niveis de estrés por todas as tarefas que se adoitan facer e que, en moitas ocasións, as persoas realizan non por gusto, senón por presión social.
Pero, que se pode facer para evitar que a tristeza e a melancolía acaben co noso espírito do Nadal? Dende a nosa unidade de psicoloxía dámosche algúns consellos para poñer en práctica durante estas datas:
- Organiza todas as tarefas con tempo e non as deixes para o último momento.
- Delega ou reparte con familiares e amigos/as aquelas actividades que non che fagan sentir ben, como organizar os eventos, mercar os agasallos, decorar a casa ou preparar as comidas.
- Antepón o teu benestar e tranquilidade: reduce as túas expectativas e esixencias para evitar calquera presión engadida.
- Realiza actividades de autocoidado: é moi importante dedicar tempo a un/unha mesmo/a. Fai aquilo que desexes: saír a pasear, quedar con amigos/as…
- Acude a un/unha profesional que che axude a atopar a mellor solución para afrontar os teus problemas.
En García e Lestón contamos cun equipo de psicoloxía que escoitará as túas inquietudes e seleccionará o mellor tratamento para recuperar a túa calidade de vida durante este Nadal. Lembra que non estás só/soa! Contacta connosco sen compromiso.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!