Que a síndrome de Sinding-Larsen-Johansson non estrague a túa adolescencia!
A adolescencia é unha época de cambios, non só porque empezan novas etapas escolares, senón porque tantos nenos coma nenas experimentan cambios no seu corpo. É aquí cando aparecen os coñecidos como “estiróns”, onde nun curto período de tempo conseguen gañar moita altura e, malia que este proceso é algo natural, un cambio tan brusco nos tecidos pode dar lugar a problemas físicos. Dende García e Lestón amosámosche unha das enfermidades máis características da puberdade.
A síndrome de Sinding-Larsen-Johansson é unha afección dolorosa na base da rótula (xeonllo) que afecta a adolescentes que están a ter un etapa de crecemento rápida. Para ser máis exactos/as, o xeonllo está conectado á tibia por medio do tendón rotuliano. Cando aínda estamos a pegar o estirón, o tendón permanece unido a unha cartilaxe de crecemento. A tensión no tendón pode provocar unha irritación e inflamación desta cartilaxe.
Esta enfermidade adoita desenvolverse en nenos e nenas de entre 10 e 15 anos e é máis propensa a súa aparición naqueles casos nos que se practican deportes onde se lles esixan saltar ou correr a alta intensidade, xa que este tipo de actividades someten ao xeonllo a unha tensión excesiva e repetitiva. Outros factores que poden desenvolver a afección nestas idades son:
- Adestramentos incorrectos: unha forma inadecuada de facer exercicio ou o simple feito de non levar uns zapatos que suxeiten ben o pé pode afectar á articulación.
- Musculatura dos cuadríceps débil: uns músculos fortes e flexibles reducen a tensión que se exerce sobre a rótula e o tendón rotuliano.
- Actividades que sobrecargan os xeonllos: como levantar peso, subir e baixar escaleiras, agacharse, etc.
Algúns dos síntomas que nos poden alertar da aparición da síndrome de Sinding-Larsen-Johansson son:
- Dor na parte anterior do xeonllo.
- Inchazo e sensibilidade arredor da rótula.
- Aparición dun edema ou inchazo na parte baixa da articulación.
- Aumento da dor ao practicar deporte, ao axeonllarse ou agacharse.
- Pódese palpar un vulto na parte baixa do xeonllo.
Para evitar a aparición desta enfermidade é recomendable fortalecer os músculos das pernas e realizar exercicios de estiramento. En García e Lestón contamos cun equipo de profesionais da fisioterapia que axudarán aos teus fillos/as ou familiares adolescentes a previr a dor de xeonllo mediante a execución dunha táboa de exercicios adaptados ás súas necesidades, para que nada lles impida gozar ao máximo da súa adolescencia!
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!