O mellor dos respiros: esquécete do estrés coa fisioterapia
Fatiga, desánimo, irritabilidade… son algúns dos síntomas que acompañan á xa coñecida como enfermidade do século XXI, o estrés. Malia que moita xente adoita asocialo unicamente á saúde mental, este prexudica todo o noso organismo a nivel físico.
O estrés é unha resposta que dá o noso corpo, mediante a produción de cortisol (hormona do estrés), a calquera estímulo ou ameaza que xere certa tensión. Maniféstase na maioría de sistemas do noso organismo, afectando principalmente ao nervioso e ao dixestivo. Tamén impacta nos músculos e tendóns, centrándose gran parte das veces na zona cervical e lumbar. Por iso, é normal que, se sofres desta doenza constantemente, poidas notar problemas dixestivos e respiratorios, contracturas, dores de pescozo e lombo e músculos entumecidos.
Para poder xestionar o estrés e mitigar as súas consecuencias, é necesario non só acudir a profesionais da psicoloxía, senón tamén da fisioterapia, xa que esta disciplina é capaz de mellorar a funcionalidade e calidade de vida dos pacientes que sofren fisicamente esta enfermidade. Mediante diferentes técnicas, o que se busca é reducir os niveis de cortisol do corpo e liberar endorfinas, tamén coñecidas como a hormona da felicidade.
Esta tensión non afecta a todos por igual, é necesario que o/a profesional da fisioterapia avalíe a condición de cada persoa e escolla o procedemento que mellor se adapte ao seu corpo e ritmo de vida.
Os tratamentos máis utilizados para aliviar e combater as consecuencias do estrés son os seguintes:
- Masoterapia: empréganse distintas técnicas de masaxe para descomprimir os músculos e mellorar a circulación sanguínea, liberando endorfinas e aliviando dores de calquera parte do corpo, principalmente da cabeza e as costas.
- Osteopatía: axuda a liberar e corrixir a hipersensibilidade dos órganos, equilibra a estrutura postural e reduce a alteración do sistema nervioso.
- Tratamento cranio-sacral: destinado a afeccións sensitivas, motoras e neurolóxicas, ademais de a liberar tensións.
- Técnicas de relaxación física: controlan os estados de rixidez muscular de diferentes partes do corpo mediante exercicios de contracción e relaxación.
- Técnicas de respiración: a respiración é capaz de calmar o estrés, por iso a realización destes exercicios provoca unha liberación da tensión.
Grazas á fisioterapia, a calidade de vida de todas aquelas persoas que se ven afectadas polo estrés constante no seu día a día empezará a mellorar. En García e Lestón contamos cos/cas mellores profesionais da psicoloxía e fisioterapia, que estudarán xuntos/as cada caso para poder crear un diagnóstico e un tratamento personalizado para cada paciente. Non deixes que o estrés condicione a túa vida!
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!