Que adestrar cando estás agardando? Beneficios do pilates nas embarazadas

Cando unha muller comenza un embarazo, a súa rutina cambia completamente, desde a alimentación ata a intensidade coa que realiza deporte. Isto débese a que hai moitos factores da vida cotiá que poden traer complicacións e afectar ao estado do bebé, pero tamén é certo que hai algunhas técnicas que axudan a mellorar a saúde da nai e a preparar o seu corpo para o parto. Contámosche que é o pilates e que beneficios ofrece durante a xestación.

O pilates é unha disciplina de baixo impacto que combina diferentes exercicios dirixidos a estirar e fortalecer o corpo mediante o control da respiración. Esta práctica baséase en movementos harmónicos e fluídos, que axudan a mellorar a flexibilidade e a tonificar os músculos sen sobrecargalos.

Esta actividade é recomendable durante todo o embarazo, aínda que con menor intensidade durante o primeiro trimestre debido ao aumento dos riscos; e ata despois de dar a luz, xa que nos achega a unha recuperación física total ao reforzar os músculos do solo pélvico.

Algúns dos efectos positivos que ten en nós son os seguintes:

  • Fortalece a parede abdominal, o solo pélvico e os músculos en xeral: axuda a soportar cada vez máis peso e a controlar mellor toda a zona da pelve, facilitando o parto natural. Ademais, prevén as disfuncións da vexiga, como a incontinencia urinaria.
  • Aumenta a flexibilidade, coordinación e axilidade do noso corpo, facilitando todos os movementos e mellorando a calidade de vida no día a día.
  • Achega un maior control da respiración, conseguindo unha relaxación completa dos músculos, moi necesaria durante as contraccións e no momento de dar a luz. Tamén aumenta a capacidade pulmonar da embarazada, reducindo a fatiga.
  • Mellora o sistema cardiovascular: regula o ritmo cardíaco, mellora a circulación e a tensión arterial e prevén a aparición de varices.
  • Reduce a dor lumbar: grazas á estabilización da pelve, a respiración e á postura que se obtén a través dos exercicios.
  • Aumenta a autoestima: debido a que se reducen os niveis de estrés e fatiga, mentres que logramos conectar con nós mesmos/as.

Con todo, os beneficios que nos ofrece o pilates abranguen moito máis que a saúde física, xa que axuda a un elemento fundamental, a mente, que se atopa na maioría de casos chea de medos e inseguridades.

Esta disciplina axuda a conseguir un embarazo saudable e un parto máis cómodo, pero debemos ter en conta que antes de practicar calquera exercicio é necesario coñecer o noso estado e ter o consentimento do/a noso/a médico/a para non presentar posibles complicacións.

En García e Lestón contamos cun equipo de profesionais do adestramento que che darán asesoramento durante as clases de pilates segundo as túas necesidades.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *