NON DEIXES QUE AS COMIDAS DESTAS FESTAS LLES PASEN FACTURA EMOCIONAL AOS TEUS SERES QUERIDOS
Estamos a piques de rematar o Nadal, unha das épocas máis bonitas e especiais. Non obstante, estas datas tamén poden ser un pesadelo para moitas persoas que padecen un Trastorno da Conduta Alimentaria (TCA).
Unha festividade marcada polas abundantes comidas e ceas son unha gran preocupación para as persoas que sofren este trastorno e nós temos un papel moi importante nas súas vidas. Pode que nos últimos días viras como achegados/as a ti pasaban por esta situación, polo que neste blog ímosche contar que podes facer ti para axudalos/as.
O primeiro que debemos facer é ter empatía pola eles/elas e comprender que o seu trastorno é algo real, importante e que afecta a súa saúde tanto física como mental. Neste sentido, debemos coidar a forma na que nos comunicamos coa persoa doente, non obrigala a comer ou a deixar de facelo e evitar cuestionala con preguntas que poden ser incómodas sobre a súa relación coa comida e o seu comportamento ante esta.
As épocas de Nadal, por exemplo, están protagonizadas por xuntanzas multitudinarias nas que se poden escoitar comentarios que, malia que poidan non ter unha mala intención, repercuten negativamente sobre as persoas con TCA. Cal é o noso consello?
Evita calquera opinión acerca do seu corpo ou o de outros/as, das dietas, da cantidade de comida sobre a mesa ou do exercicio como ferramenta para compensar os excesos destas datas. Coidar a nosa linguaxe é fundamental para calquera tipo de relación social, pero no caso das persoas cun trastorno alimentario, cobra máis importancia, posto que poden desencadear nelas comparacións ou obsesións. Pola contra, é moi favorable que destaquemos aptitudes ou calidades súas fóra do aspecto físico, facerlle saber que nos sentimos orgullosos/as do seu proceso de curación, dos seus avances e o seu esforzo e traballo constante.
Do mesmo xeito, procura propoñerlle plans que non teñan que ver coa alimentación: ir ao cine en familia, pasear, ver as luces de Nadal da cidade… todas son actividades que poden distraer á persoa doente e facer que se esqueza momentaneamente dos pensamentos negativos que roldan pola súa mente.
Padecer un Trastorno da Conduta Alimentaria é todo un reto os 365 días do ano, pero especialmente nestas datas. Non dubides en contar con apoio profesional se te atopas nesta situación ou queres axudar a alguén e non sabes como. En García e Lestón temos ao mellor equipo no ámbito da psicoloxía para todo o que precises.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!