Remata o ano, non o teu coidado. Prepara unha cea saudable en Noitevella

Estamos a piques de rematar o ano, xuntarnos coas nosas familias para comer as doce uvas e poñerlle fin aos retos que nos propuxemos en xaneiro. Con todo, hai algo que non debe rematar este 31 de decembro: os nosos hábitos saudables. Sabemos que unha das grandes preocupacións nestas datas son as comidas. Por iso, hoxe traémosche unhas recomendacións para que a túa cea de fin de ano sexa o máis equilibrada posible.

Nunha cea tan importante e popular, é moi común comezar cuns entrantes. Por que non optar por uns aperitivos saudables á vez que atractivos? Podes probar con un pouco de queixo fresco cun tartar de froitas como aguacate ou mazá. Ademais da súa facilidade á hora de elaboralo, este prato achega ao noso corpo potasio, calcio, vitamina D, graxas, antioxidantes e ten unha gran cantidade de proteína, que axuda a saciar a nosa fame.

Seguindo por orde, os primeiros pratos caracterízanse por ser pouco abundantes, polo que podemos optar por cremas de hortalizas, como a cabaza, que nos achega ferro e vitamina A, ou ben algo máis típico do Nadal, como os mexillóns e as gambas, que teñen alto contido de omega 3, potasio, calcio e ferro.

O segundo prato ou prato principal é, habitualmente, o que máis nos sacia. Por iso, debemos partir de alimentos que conteñan unha gran cantidade de nutrientes. Os dous grandes titáns entre os que adoitamos decidir son a carne e o pescado. Dentro do segundo temos algunhas opcións como a robaliza ou o peixe sapo.

Se optamos pola carne, debemos ter en conta o tipo, o corte e a súa preparación. É preferible evitar o cordeiro, as aves con pel e os cortes de costelas, costeleta e o entrecosto. Unha boa opción é o solombo de porco, un corte de carne magra, de fácil dixestión, económico para o noso peto e que se pode combinar con outros alimentos como cunha salsa de uvas ou con cebolas e castañas. Outra alternativa infalible é o polo e o pavo asado.

Por último, temos as sobremesas: proba cunha torta de queixo sen azucres engadidos, bombóns xeados, froita, améndoas ou iogur natural. Con todo, é importante que non nos castiguemos se, nestas datas, comemos de forma moi puntual algo de turrón ou polvoróns, pero para coidar da nosa saúde debemos restrinxir o seu consumo o máximo posible.

Este 31 de decembro remata o ano por todo o alto e non botes abaixo todos os hábitos saudables nos que estiveches a traballar. En García e Lestón temos ao mellor equipo en nutrición para que unha alimentación completa sexa posible calquera día do ano.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *