Exercicio para todos/as! Ti tamén podes prepararte para este verán grazas ao adestramento funcional

Moita xente relaciona facer exercicio, estar en forma e levar unha vida saudable unicamente con ir ao ximnasio e utilizar a maquinaria específica para cada grupo muscular. Existen moitas disciplinas que fortalecen e tonifican o noso corpo de forma xeral sen necesidade de crear rutinas separadas para cada zona que queiramos activar. Unha das modalidades que se converteu na máis coñecida e seguida pola súa efectividade e a adaptación a todo tipo de persoas é o adestramento funcional.

O adestramento funcional é unha disciplina que ten como finalidade mellorar a motricidade do noso corpo -é dicir, a capacidade de controlar os nosos movementos-. Para iso, realízanse exercicios que nos axuden a desempeñar tarefas do noso día a día sen problema, á marxe da nosa condición física, nivel ou idade.

Así, as rutinas adáptanse en intensidade e dificultade á persoa que as vaia a realizar. Nesta modalidade, a figura do/a adestrador/a é esencial para asignar unha táboa adecuada a cada caso.

Por outra banda, os exercicios desta disciplina están pensados para que todas as partes do noso corpo traballen xuntas e non de forma illada, buscando activar e fortalecer todos os músculos a través da imitación de movementos habituais como, por exemplo, saltar, subir escaleiras, levantar peso, etc.

Outros factores que destacan son a non utilización de maquinaria específica para os exercicios  -polo que podemos practicalo onde nós queiramos- e o tempo que ocupan estas sesións, inferior aos 60 minutos na meirande parte dos casos.

Os beneficios que acompañan a esta disciplina son múltiples:

  • Incrementa o equilibro e a coordinación
  • Reduce a dor de costas
  • Prevén as lesións
  • Achega melloras na velocidade e axilidade do movemento.
  • Axuda á perda de peso
  • Mellora a nosa saúde en xeral, favorecendo aos nosos sistemas respiratorio, cardiovascular, dixestivo e inmunolóxico.

En García e Lestón contamos con grupos de adestramento funcional dirixidos polos/as mellores profesionais, que adaptarán cada exercicio ao teu nivel, obxectivos e necesidades. Contacta connosco sen compromiso!

Hernia de disco lumbar: non deixes que a dor sexa a protagonista da túa historia

A semana pasada falabamos en redes dun dos problemas de costas máis comúns na sociedade: a lumbalxia. Pero as doenzas que se poden experimentar nesta zona do corpo son varias e, por normal xeral, moi dolorosas para quen as padece. Dende García e Lestón traémosvos ao noso blog outra das afeccións máis frecuentes que chegan á nosa consulta de fisioterapia, a hernia de disco lumbar.

A hernia de disco fai referencia a un problema cun dos amortecedores cartilaxinosos (discos) que se atopan entre as vértebras e forman a espiña dorsal. Un disco espiñal está formado por un núcleo que se atopa rodeado por un anel. Unha hernia aparece cando a parte do núcleo se despraza cara fóra a través dun racho no anel. Cando isto acontece, pode exercer presión sobre un ou máis nervios raquídeos, causando dor, entumecemento ou debilidade.

A maioría das hernias de disco aparecen na zona máis baixa das costas (lumbar) e a dor adoita manifestarse ao tusir ou moverse cara unha certa posición. Por normal xeral, as hernias só afectan a unha parte do corpo. Os sinais máis comúns que nos advirten desta doenza son:

  • Dor nas pernas: ademais de padecer unha dor intensa nesa zona, tamén pode causar molestias nos glúteos, nas coxas ou nos pés.
  • Entumecemento: aparece na zona do corpo onde se conectan os nervios afectados.
  • Debilidade: se a hernia presiona un nervio, o músculo ao que está conectado debilitarase, o que pode provocar tropezos e caídas.

As causas desta afección adoitan deberse ao desgaste natural gradual que acontece mentres envellecemos. A medida que nos imos facendo maiores, os discos tornan menos flexibles e máis propensos a romperse. Algunhas veces, o uso forzado das costas dá lugar a esta situación, por exemplo, cando torcemos e viramos o noso lombo mentres levantamos un obxecto pesado.

De todos xeitos, existen factores que aumentan o risco de sufrir unha hernia de disco:

  • Traballos fisicamente esixentes.
  • Exceso de peso corporal.
  • Familiares que sufrisen esta doenza.
  • O tabaquismo, ao diminuír a subministración de osíxeno aos discos.
  • Ter unha vida sedentaria.
  • A condución frecuente, xa que a vibración do motor pode exercer presión sobre a columna.

O tratamento inicial para esta doenza adoita ir orientado cara o consumo de medicamentos antiinflamatorios xunto coa axuda da fisioterapia. Nos casos máis complicados é necesaria unha intervención cirúrxica para solucionar a hernia.

A dor e as molestias que acompañan a este problema poden interromper a realización de actividades cotiás, o que provoca unha perda do benestar xeral. En García e Lestón contamos con profesionais da fisioterapia que estudarán o teu caso en profundidade e elaborarán un programa de recuperación adaptado ás túas necesidades para que poidas superar esta afección e recuperar de novo a túa calidade de vida.

Cando o reflexo só é un engano. Coñece o trastorno de dismorfia corporal

Os estándares de beleza foron durante décadas e ata a actualidade os causantes dunha infinidade de estereotipos relacionados coa imaxe e a aparencia, unha procura do máximo atractivo constante que afecta a unha gran parte da poboación e en especial ás mulleres, dada a presión que sempre existiu sobre elas nunha sociedade que promove corpos esculpidos como única forma de éxito. Isto fai que mozas e mozos medren baixo esta idea e poidan desenvolver afeccións psicolóxicas.

O trastorno dismórfico corporal (TDC) é unha doenza mental que se caracteriza por non poder parar de pensar nun ou máis defectos percibidos na aparencia física, os cales non adoitan ser visibles para o resto de persoas. Isto pode provocar nos pacientes certas condutas repetitivas e obsesivas (mirarse constantemente ao espello, compararse cos demais, etc.) en resposta á súa preocupación.

En consecuencia, estas persoas queren corrixir esas imperfeccións, xeralmente mediante operacións cirúrxicas ou tratamentos de beleza, para acougar a angustia que lles provoca esa situación. O habitual é que a satisfacción sexa temporal e a ansiedade regrese, o que leve a buscar novas formas de arranxar o dano percibido.

As causas deste trastorno, do mesmo xeito que noutras enfermidades psicolóxicas, non se coñecen con exactitude e poden ser unha resposta a múltiples situacións. Existen moitos factores que contribúen ao seu desenvolvemento, como antecedentes familiares con esta afección, experiencias ou críticas negativas sobre o corpo, niveis anormais de serotonina no cerebro, presión social, unha personalidade perfeccionista, outras doenzas como a depresión, etc.

Por outra banda, a dismorfia corporal adoita aparecer nos primeiros anos de adolescencia e afecta tanto a homes como a mulleres. Os síntomas desta enfermidade poden desenvolverse de forma gradual ou de xeito máis repentino. Algúns dos sinais que nos advirten da presenza deste trastorno son os seguintes:

  • Estar convencido/a de ter unha imperfección ou deformidade.
  • Ter unha preocupación extrema por ese defecto no corpo que os demais non son capaces de percibir.
  • Comparar continuamente a súa aparencia física coa dos demais.
  • Buscar frecuentemente a aceptación do seu corpo.
  • Ter tendencias perfeccionistas.

A preocupación excesiva, os comportamentos repetitivos e os pensamentos obsesivos pola imaxe poden dificultar a calidade de vida das persoas que sofren esta doenza, provocando grandes problemas á hora de ter relacións sociais ou dificultando incluso a realización de tarefas cotiás. Se cres que podes padecer este trastorno ou coñeces a alguén que o teña, é imprescindible que empece a tratar esta afección cun/cunha especialista.

En García e Lestón contamos cun equipo de profesionais da psicoloxía que estudarán o teu caso e che ofrecerán o tratamento necesario para mellorar o teu benestar psicolóxico e físico.

Pilates: o segredo para unha terceira idade saudable e activa

Nunha entrada anterior falaramosvos dos beneficios que tiña o pilates durante o embarazo, pero esta disciplina é tan versátil que se adapta a todo tipo de necesidades. Por iso, hoxe comentámosvos que lle achega esta actividade á terceira idade.

A medida que imos envellecendo, o noso corpo debilítase con máis facilidade e imos perdendo mobilidade e habilidades esenciais para a vida. Grazas ao exercicio físico, esta perda vai diminuíndo, axudándonos a manternos independentes e realizar tarefas diarias sen apenas dificultades. Dentro das diferentes disciplinas que existen en relación á actividade física, o pilates permite a adaptación dos seus exercicios ás necesidades de cada persoa.

Como comentamos con anterioridade, esta é unha disciplina de baixo impacto que combina diferentes exercicios dirixidos a estirar e fortalecer o corpo mediante o control da respiración. Esta práctica baséase en movementos harmónicos e fluídos que axudan a mellorar a flexibilidade e a tonificar os músculos sen sobrecargalos.

Esta actividade ten uns beneficios xenéricos para todas aquelas persoas que o practican -como a mellora do equilibrio, a flexibilidade e a postura ou o aumento da forza muscular-, pero hai certas vantaxes moi importantes na terceira idade. Algunhas delas son:

  • Prevención de caídas: co paso dos anos, o organismo experimenta a deterioración da masa muscular -en especial nas pernas e nas costas-, e se ademais o xuntamos coa perda do equilibrio, o risco de sufrir unha caída aumenta considerablemente. Grazas ao pilates, logramos fortalecer toda a musculatura do tronco (core) e das pernas, axudando a previr estas situacións.
  • Osteoporose: como xa comentamos na entrada anterior do noso blog, esta doenza esta directamente relacionada coa idade. Caracterízase pola perda do tecido óseo en todo o noso corpo, o que incrementa a aparición de fracturas nos nosos ósos. A práctica desta disciplina favorece o aumento da densidade mineral ósea, ademais de axudar a mitigar a dor e a mellorar a calidade de vida das persoas que sofren esta afección.
  • Mellora a circulación: do mesmo xeito que noutras actividades físicas, o pilates activa o fluxo sanguíneo, favorecendo o transporte de nutrientes aos diferentes tecidos do noso corpo. Ademais, axúdanos a controlar os niveis da presión sanguínea, o que beneficia a aquelas persoas que sofren de hipertensión arterial e outras enfermidades relacionadas co corazón.
  • Funcionalidade: a práctica deste tipo de exercicios mellora a motricidade, a atención e a memoria, aspectos vitais para a realización de tarefas cotiás e que diminúen a dependencia doutras persoas.
  • Aumento do estado de ánimo: o pilates permite relaxar o noso corpo e a nosa mente, do mesmo xeito que liberamos tensións. Ademais, ao ver que a nosa vida mellora grazas á súa práctica, a nosa autoestima tamén aumenta, xa que as limitacións da idade e as doenzas vanse atenuando.

Estas son algunhas das múltiples vantaxes que acompañan a esta actividade física. En García e Lestón contamos con grupos de pilates terapéutico dirixidos por profesionais do adestramento que adaptan cada un dos exercicios ás necesidades e capacidades dos/as pacientes. Non o penses máis e empeza a coidarte! Contacta connosco sen compromiso.

Coida dos teus ósos. Así nos axuda a fisioterapia contra a osteoporose

Os malos hábitos -como unha mala alimentación, sedentarismo, consumo de tabaco, etc.- condicionan a nosa calidade de vida, favorecendo a aparición de numerosas doenzas, tanto físicas como psicolóxicas, incluso aquelas nas que a principal causa é a idade. Un exemplo diso é o aumento de casos de pacientes cada vez máis novos con osteoporose.

A osteoporose é unha enfermidade que se caracteriza pola debilitación dos ósos debido á perda de masa ósea que producen os mesmos. Dende que nacemos e ata que chegamos á idade adulta, os nosos ósos están en constante rexeneración e hai un equilibro entre a masa que se destrúe “vella” e a renovación con masa “nova”. A partir dos 30 anos, esta rexeneración torna máis lenta, o que provoca un desequilibrio que propicia a aparición de fracturas, xa que os nosos ósos son máis fráxiles e, polo tanto, máis vulnerables.

Esta afección prexudica maioritariamente ás mulleres. Isto asóciase á falta de estróxenos tras a menopausa, xa que uns niveis baixos de hormonas e poucos períodos de menstruación provocan unha perda da densidade da masa ósea.

A principal causa que desenvolve esta doenza é a calidade dos nosos ósos. Con todo, hai diversos factores -como a xenética, a mala alimentación, certos medicamentos, falta de vitamina D ou a menopausa- que axudan á aparición desta afección.

O diagnóstico adoita darse cando a enfermidade xa está moi desenvolta, xeralmente cando a persoa sofre unha fractura, xa que non existen uns síntomas específicos que alarmen ao/á paciente.

A continuación, imos nomear algún dos aspectos máis comúns que poden experimentar as persoas con osteoporose:

  • Perda de estatura: malia que imos perdendo altura cando envellecemos, a perda é bastante brusca no caso desta afección.
  • Costas dobradas.
  • Dor intensa nalgunha zona do noso corpo despois dunha caída: isto pódese deber a unha fractura dalgún óso.

Un dos tratamentos máis eficaces para combater esta doenza recae na fisioterapia, xa que axuda nas estratexias de xestión da dor, mellora a postura e o equilibrio e fortalece os nosos músculos e ósos. Hai multitude de técnicas que poden utilizar os/as profesionais, as máis habituais son:

  • Usar electroterapia para favorecer o desenvolvemento e a absorción de calcio a nivel intracelular.
  • Traballar a actividade física a través da cinesiterapia activa, onde o/a fisioterapeuta establecerá unha serie de exercicios segundo as necesidades do/a paciente que mellorarán a mineralización do óso.
  • Reeducar a postura para evitar malos hábitos.

En García e Lestón contamos con profesionais da fisioterapia que estudarán o teu caso e aplicarán as técnicas que mellor se adapten ás túas necesidades para frear o avance da osteoporose. Mellorar a túa calidade de vida é posible, contacta connosco sen compromiso!

“Primeiro eu, despois eu e por último eu”. Aprende a recoñecer o comportamento dunha persoa narcisista

As relacións interpersoais están presentes en todos os ámbitos da nosa vida e son esenciais para o noso desenvolvemento persoal, profesional e social. Pero ás veces, estas pódense ver afectadas polo noso comportamento ou o da outra persoa. Aínda que existen varios factores que dificultan o contacto social, dende García e Lestón queremos facer fincapé nun dos trastornos que causa maior conflito: o narcisismo.

O trastorno da personalidade narcisista é unha doenza de saúde mental que se caracteriza por un patrón xeneralizado de sentimento de superioridade, necesidade de atención e admiración excesiva, relacións conflitivas e falta de empatía polos demais.

A pesar de que as persoas con este trastorno comparten unha aparencia de seguridade e confianza en si mesmas, o certo é que adoita ser todo o contrario, tenden a ter unha autoestima moi fráxil que ven vulnerada coa máis mínima crítica.

Esta afección afecta máis aos homes que ás mulleres e desenvólvese na etapa da adolescencia ou a principios da idade adulta. Malia que os/as máis pequenos/as poden manifestar trazos de narcisismo, isto adoita ser parte do seu proceso de crecemento.

Dependendo do grao de narcisismo, os sinais que nos alertan desta doenza poden pasar máis ou menos desapercibidos. Os comportamentos máis habituais son:

  • Sentimento de superioridade: estas persoas adoitan considéranse mellores que os/as que a rodean. Por iso, agrádalles ter privilexios e ser tratados/as dunha forma especial. Neste sentido, cren que só as persoas que están ao seu nivel poden comprendelos/as, o que leva a un menosprezo e crítica constante a quen non ven relevante.
  • Necesidade de admiración excesiva: presumen moito das súas capacidades e esixen que a súa contorna os admire por iso, mesmo cando non conseguiron ningún logro.
  • Preocupación polo éxito: unha das súas maiores inquedanzas é a de acadar grandes metas, derivando nunha obsesión polo poder, a grandeza e a excelencia en todos os aspectos da súa vida.
  • Falta de empatía: carecen de capacidade ou vontade para recoñecer e identificarse cos sentimentos e as necesidades dos demais. A maioría das veces non senten culpa ou arrepentimento das súas accións negativas.

Por suposto, a convivencia con estas persoas pódese converter nunha auténtica odisea, especialmente se se trata da nosa parella, un familiar ou  un mellor amigo/a, posto que o seu comportamento pode afectar directamente á nosa saúde mental e á nosa calidade de vida.

Se tes dificultades á hora de manexar as túas relacións con persoas narcisistas, ou mesmo se te identificas con algunha das características que mencionamos e queres comenzar a cambiar os teus hábitos sociais, en García e Lestón contamos con profesionais da psicoloxía que che axudarán a atopar unha solución.

Que a alimentación non sexa unha carga máis. Como afecta a nutrición ás nosas costas?

De seguro que sufriches dor de costas máis dunha vez no último ano. España é un dos países con maior número de persoas que padecen esta afección. Moitas son as causas que a promoven, entre as que se atopan o embarazo, unha mala hixiene postural, o sobrepeso, a tensión, a idade e ata a nosa dieta.

Unha mala alimentación debilita o noso sistema inmune, facendo que sexamos máis propensos/as a sufrir inflamacións e doenzas que prexudiquen o noso corpo e alteren a nosa calidade de vida. Para coidar a nosa saúde é necesario manter unha nutrición equilibrada. Por iso, dende García e Lestón contámosche cales son os alimentos que tes que empezar a incorporar no teu día a día para evitar estas dores.

  • Alimentos antiinflamatorios: existen diferentes produtos naturais que axudan a combater e reducir a inflamación, como son os froitos vermellos, cereais integrais, xenxibre, apio, té verde, cogomelos, aceite de oliva virxe extra, noces, améndoas, ananás, etc. Esta última, ademais, conta con bromelina, unha encima moi beneficiosa para estes casos.
  • Alimentos antioxidantes: algunhas das comidas mencionadas anteriormente tamén conteñen propiedades antioxidantes que neutralizan os radicais libres do noso organismo, evitando diversas doenzas. Nós recomendámosche o allo, cebola, remolacha, col, repolo, brócoli e en xeral os vexetais de folla verde.
  • Alimentos ricos en Omega 3: o peixe azul é unha opción excelente para mellorar a saúde do noso organismo. Ademais, hai certos produtos como a carne, o marisco ou os ovos que achegan vitamina B12, que axudan á formación de glóbulos vermellos na medula ósea.

Outro factor fundamental é a hidratación, situando a auga como bebida principal e evitando o consumo de bebidas azucradas e gasosas. Outros hábitos menos aconsellables que debemos evitar son:

  • O alcohol: esta substancia en exceso impide a absorción de micronutrientes e favorece as dores de costas.
  • A cafeína: a súa función estimulante pode provocar tensión muscular.
  • O tabaco: contribúe á dexeneración dos discos intervertebrais, xa que diminúe a achega de osíxeno incrementando o risco de padecer esta doenza de forma crónica.

Se estes consellos non son suficientes, dende García e Lestón contamos cun equipo de profesionais da fisioterapia que establecerá un tratamento adaptado ás túas necesidades que libere calquera malestar que afecte á túa calidade de vida.

Que adestrar cando estás agardando? Beneficios do pilates nas embarazadas

Cando unha muller comenza un embarazo, a súa rutina cambia completamente, desde a alimentación ata a intensidade coa que realiza deporte. Isto débese a que hai moitos factores da vida cotiá que poden traer complicacións e afectar ao estado do bebé, pero tamén é certo que hai algunhas técnicas que axudan a mellorar a saúde da nai e a preparar o seu corpo para o parto. Contámosche que é o pilates e que beneficios ofrece durante a xestación.

O pilates é unha disciplina de baixo impacto que combina diferentes exercicios dirixidos a estirar e fortalecer o corpo mediante o control da respiración. Esta práctica baséase en movementos harmónicos e fluídos, que axudan a mellorar a flexibilidade e a tonificar os músculos sen sobrecargalos.

Esta actividade é recomendable durante todo o embarazo, aínda que con menor intensidade durante o primeiro trimestre debido ao aumento dos riscos; e ata despois de dar a luz, xa que nos achega a unha recuperación física total ao reforzar os músculos do solo pélvico.

Algúns dos efectos positivos que ten en nós son os seguintes:

  • Fortalece a parede abdominal, o solo pélvico e os músculos en xeral: axuda a soportar cada vez máis peso e a controlar mellor toda a zona da pelve, facilitando o parto natural. Ademais, prevén as disfuncións da vexiga, como a incontinencia urinaria.
  • Aumenta a flexibilidade, coordinación e axilidade do noso corpo, facilitando todos os movementos e mellorando a calidade de vida no día a día.
  • Achega un maior control da respiración, conseguindo unha relaxación completa dos músculos, moi necesaria durante as contraccións e no momento de dar a luz. Tamén aumenta a capacidade pulmonar da embarazada, reducindo a fatiga.
  • Mellora o sistema cardiovascular: regula o ritmo cardíaco, mellora a circulación e a tensión arterial e prevén a aparición de varices.
  • Reduce a dor lumbar: grazas á estabilización da pelve, a respiración e á postura que se obtén a través dos exercicios.
  • Aumenta a autoestima: debido a que se reducen os niveis de estrés e fatiga, mentres que logramos conectar con nós mesmos/as.

Con todo, os beneficios que nos ofrece o pilates abranguen moito máis que a saúde física, xa que axuda a un elemento fundamental, a mente, que se atopa na maioría de casos chea de medos e inseguridades.

Esta disciplina axuda a conseguir un embarazo saudable e un parto máis cómodo, pero debemos ter en conta que antes de practicar calquera exercicio é necesario coñecer o noso estado e ter o consentimento do/a noso/a médico/a para non presentar posibles complicacións.

En García e Lestón contamos cun equipo de profesionais do adestramento que che darán asesoramento durante as clases de pilates segundo as túas necesidades.

O mellor dos respiros: esquécete do estrés coa fisioterapia

Fatiga, desánimo, irritabilidade… son algúns dos síntomas que acompañan á xa coñecida como enfermidade do século XXI, o estrés. Malia que moita xente adoita asocialo unicamente á saúde mental, este prexudica todo o noso organismo a nivel físico.

O estrés é unha resposta que dá o noso corpo, mediante a produción de cortisol (hormona do estrés), a calquera estímulo ou ameaza que xere certa tensión. Maniféstase na maioría de sistemas do noso organismo, afectando principalmente ao nervioso e ao dixestivo. Tamén impacta nos músculos e tendóns, centrándose gran parte das veces na zona cervical e lumbar. Por iso, é normal que, se sofres desta doenza constantemente, poidas notar problemas dixestivos e respiratorios, contracturas, dores de pescozo e lombo e músculos entumecidos.

Para poder xestionar o estrés e mitigar as súas consecuencias, é necesario non só acudir a profesionais da psicoloxía, senón tamén da fisioterapia, xa que esta disciplina é capaz de mellorar a funcionalidade e calidade de vida dos pacientes que sofren fisicamente esta enfermidade. Mediante diferentes técnicas, o que se busca é reducir os niveis de cortisol do corpo e liberar endorfinas, tamén coñecidas como a hormona da felicidade.

Esta tensión non afecta a todos por igual, é necesario que o/a profesional da fisioterapia avalíe a condición de cada persoa e escolla o procedemento que mellor se adapte ao seu corpo e ritmo de vida.

Os tratamentos máis utilizados para aliviar e combater as consecuencias do estrés son os seguintes:

  • Masoterapia: empréganse distintas técnicas de masaxe para descomprimir os músculos e mellorar a circulación sanguínea, liberando endorfinas e aliviando dores de calquera parte do corpo, principalmente da cabeza e as costas.
  • Osteopatía: axuda a liberar e corrixir a hipersensibilidade dos órganos, equilibra a estrutura postural e reduce a alteración do sistema nervioso.
  • Tratamento cranio-sacral: destinado a afeccións sensitivas, motoras e neurolóxicas, ademais de a liberar tensións.
  • Técnicas de relaxación física: controlan os estados de rixidez muscular de diferentes partes do corpo mediante exercicios de contracción e relaxación.
  • Técnicas de respiración: a respiración é capaz de calmar o estrés, por iso a realización destes exercicios provoca unha liberación da tensión.

Grazas á fisioterapia, a calidade de vida de todas aquelas persoas que se ven afectadas polo estrés constante no seu día a día empezará a mellorar. En García e Lestón contamos cos/cas mellores profesionais da psicoloxía e fisioterapia, que estudarán xuntos/as cada caso para poder crear un diagnóstico e un tratamento personalizado para cada paciente. Non deixes que o estrés condicione a túa vida!

“Que ves na seguinte imaxe?”: as técnicas proxectivas da psicoloxía

A psiconálise é unha das prácticas máis coñecidas da psicoloxía, que consiste en investigar e comprender o inconsciente dunha persoa. Os problemas do/da paciente trátanse por medio das experiencias que puidese ter durante a infancia, a interpretación dos seus soños, os erros cometidos e as técnicas de asociación libre.

Dentro das terapias de psiconálise, atopámonos as técnicas proxectivas, mediante as cales o/a paciente se “proxecta” noutra persoa, nun obxecto, nunha situación, nunha calidade ou desexo que lle é propio. Esta técnica consiste en presentarlle estímulos ambiguos á persoa tratada de maneira que ao describilos reflicta ideas ou sensacións reprimidas. Isto permite que se exprese de forma inconsciente, xa que se estimula o seu pensamento máis emocional.

A continuación imos ver os tipos de técnicas proxectivas máis utilizadas:

  • Tests temáticos: nesta terapia preséntase un material visual onde o/a paciente debe crear unha historia a raíz del. NoTest de percepción temática de Murray”, que é un dos máis coñecidos, a persoa debe contextualizar o que pasou antes e despois da toma dunha fotografía ou imaxe que se lle presenta para expresar os seus propios pensamentos, medos ou desexos.

  • Tests gráficos: neles o/a paciente ten que debuxar nunha folla en branco un personaxe ou unha escena que el/ela imaxine. O debuxo é completamente libre, polo que se proxectará nel os seus desexos ou medos de maneira inconsciente. Unha das terapias máis utilizadas é o “Test da figura humana”, onde se debe debuxar a unha persoa. Con esta terapia demostrouse que se representa unha profunda e íntima expresión da personalidade do autor.

  • Tests estruturais: consiste na interpretación de imaxes abstractas. Os resultados poden servir de orientación para determinar a patoloxía dun/dunha paciente. Nesta técnica atópase un dos test máis famosos, o “Test de Rorschach”, no que a persoa tratada ten que interpretar unha serie de láminas con diferentes formas e cores.

  • Tests asociativos: a persoa debe completar frases verbais ou escritas co primeiro que as asocie. Neste caso, a técnica máis utilizada é o “Test de frases incompletas de Sacks”.

Todos estes métodos axudan a que as persoas poidan expresar de xeito inconsciente todo o que lles está afectando no seu interior e non son capaces de xestionar. Con esta información, os/as profesionais da psicoloxía poden facilitar a identificación do diagnóstico do/da paciente.

En García e Lestón contamos co mellor equipo de profesionais no campo da psicoloxía para darche a asistencia que precisas. O noso principal obxectivo é asegurar a túa calidade de vida e a túa saúde tanto mental como física.