Dous cerebros no teu corpo: a relación entre a psicoloxía e o Sindrome de Intestino Irritable

Algunha vez estiveches sometido/a a moito estrés e iso repercutiu na túa saúde intestinal? O certo é que existe unha relación entre o cerebro e este aparello, o cal se coñece como “o segundo cerebro” pola gran cantidade de neuronas que contén e que recollen información sobre o estado do organismo.

Nos últimos anos abríronse investigacións sobre as posibles consecuencias que ten a nosa saúde mental sobre enfermidades intestinais, unha das máis estudadas foi a Síndrome do Intestino Irritable (SII). Este trastorno caracterízase polas manifestacións crónicas ou recorrentes de dor abdominal e cambios na evacuación de feces, con diarrea, estrinximento ou ambos.

Esta afección conta cunha elevada incidencia na poboación e, a pesar diso, aínda non se coñece a causa exacta do seu desenvolvemento. Grazas aos avances das investigación neste campo, afirmouse que as emocións afectan o noso corpo.

Un estudo xenético internacional, coliderado polo centro vasco de investigación CIC bioGUNE, decidiu probar esta teoría coa Síndrome do Intestino Irritable e, malia que non atopasen feitos que demostrasen que os trastornos psicolóxicos como a ansiedade causasen síntomas desta enfermidade ou viceversa, si que atoparon unha estreita relación.

Na súa investigación descubriron que os xenes asociados cun maior risco da enfermidade  de SII exprésanse predominantemente no tecido cerebral ou nos nervios dentro do intestino que reciben as sinais do cerebro. Ademais, tamén atoparon que a mesma composición xenética que pon ás persoas en maior risco de SII, aumenta o risco de trastornos comúns do estado de ánimo (ansiedade, depresión, etc.).

Deixando ao carón o estudo, é certo que moitos/as pacientes con este e outros problemas dixestivos empeoran os seus síntomas durante períodos de estrés. Cando os/as afectados/as están a vivir esta situación, fan cambios nos seus hábitos -alimentación, soño, relacións sociais, etc.- que  non só afectan á enfermidade, senón que tamén empeoran a súa calidade de vida.

A xestión das emocións neste caso é un factor chave que pode axudar aos pacientes na súa convivencia cos trastornos psicolóxicos. En García e Lestón contamos cun equipo de profesionais da psicoloxía que che ofrecerán os recursos e estratexias necesarias para axudarche a mellorar as túas habilidades de afrontamento e xestión das emocións, promovendo unha mellora continuada da túa calidade de vida e benestar. Non o dubides máis e contacta connosco sen compromiso!

Que o paso do tempo non restrinxa a túa vida: a importancia dos estiramentos

A medida que imos envellecendo, o noso corpo vaise debilitando, diminuíndo o noso rango de movemento e a nosa capacidade para realizar diferentes actividades diarias. Para retardar e mesmo mellorar esta situación, é necesario fortalecer o corpo con rutinas de adestramento adaptadas á idade adulta. O problema atópase cando moitas persoas prefiren non darlle importancia polo esforzo que supón ou por outros factores.

Dende García e Lestón animamos a todas aquelas persoas da terceira idade a dar un primeiro paso cara a actividade física, introducindo estiramentos no seu día a día. Este tipo de exercicios teñen unha faceta terapéutica, facéndolle sentir máis independente á xente que o practica.

Realizar estiramentos cada mañá axuda a levar a cabo con máis facilidade tarefas cotiás como vestirse, ducharse, coller cousas do chan, etc. A pesar de que este quecemento se aconsella a calquera idade e sobre todo antes dun adestramento, é moi recomendable nos/as adultos/as polos seus múltiples beneficios, algúns deles son:

  • Aumento da flexibilidade: como comentamos anteriormente, os estiramentos axilizan os seus movementos outorgándolles unha maior flexibilidade, o que lles permitirá gañar máis autonomía e aumentar a súa autoestima.
  • Incremento do rango de movemento: non só melloran a forma na que se moven, senón tamén o seu rango. Por exemplo, levantando máis dunha soa perna para subir escaleiras.
  • Mellora da circulación: manter os músculos activos favorece o fluxo sanguíneo, algo de especial interese na idade adulta xa que, a medida que envellecemos, este tende a retardarse. Con este tipo de exercicios chega máis sangue aos músculos, fortalecéndoos e evitando dores relacionadas co sedentarismo e algunhas enfermidades -como ictus, pé diabéticos, tromboses, etc.-

Dende a nosa unidade de adestramento escollemos algúns estiramentos moi útiles e sinxelos que podedes practicar na casa ou ensinarllos aos/ás vosos/as maiores:

  • Círculos coa cadeira: ponte de pé coas pernas abertas á altura dos ombreiros e a man na cintura. Comeza movendo a túa cadeira realizando círculos no sentido das agullas do reloxo. Fai este movemento seis veces e logo cambia de sentido.
  • Apertura de brazos: tamén de pé e coas pernas abertas á altura dos ombreiros, entrelaza as túas mans por detrás das costas á altura do cóccix e mantente mirando de fronte. Aos poucos  segundos vai levantando os brazos tan alto como poidas, detente cando notes o estiramento sen que teñas dor. Respira profundamente e volve á posición inicial.
  • Queixo ao peito: este exercicio pódelo realizar de pé ou sentado/a. Coloca os teus brazos diante de ti cos dous cóbados tocándose e as palmas das mans xuntas mirando cara arriba. Despois leva as túas mans á cabeza e empúxaa suavemente cara abaixo coa intención de que chegue ao peito, pero sen tocalo. Tes que notar un lixeiro estiramento no pescozo e os ombreiros. Mantén esta posición durante 15 segundo e reincorpórate.

En García e Lestón contamos con profesionais do adestramento que che axudarán a realizar unha táboa de estiramentos adaptada ás túas necesidades, para que nin o paso do tempo poida reducir a túa calidade de vida!

Que o teu verán non se paralice. Evita as lesións de pulso.

As lesións alteran a nosa calidade de vida interferindo na realización de actividades cotiás ou de lecer e, malia que todas chegan a ser molestas, hai algunhas que nos poden afectar máis que outras, como a dor de pulso, posto que se trata dunha articulación que temos en constante movemento.

Dende García e Lestón queremos amosarche as principais lesións de pulso que existen e como podes chegar a previlas.

En primeiro lugar, os síntomas poden variar segundo a causa, non temos as mesmas molestias cando sufrimos unha escordadura que cando nos diagnostican artrose, polo que o tipo de dor e a localización poden ser diferentes dependendo da enfermidade. Nestes casos, é esencial acudir a un/unha profesional que nos axude establecer unha diagnose concreta.

As principais lesións que nos atopamos nesta articulación son:

  • Traumatismos: son as máis comúns e ocorren cando sufrimos caídas repentinas, xa que adoitamos estender a man para evitar un golpe maior. Isto pode provocar escordaduras, distensións e mesmo fracturas.
  • Tensión repetitiva: calquera actividade que implique un movemento reiterado da articulación  -conducir, xogar ao tenis, tocar o violín- pode inflamar os tecidos que se atopan arredor ou provocar fracturas por sobrecarga, especialmente se se realiza durante horas e sen descanso.
  • Artrose: prodúcese cando a cartilaxe que amortece os extremos dos ósos se deteriora co paso do tempo. Esta afección é pouco común no pulso e adóitase dar en persoas que lesionaron  anteriormente esta parte do corpo.
  • Artrite reumatoide: trastorno no que o sistema inmunolóxico do organismo ataca aos seus propios tecidos. Esta enfermidade é habitual que afecte a ambos os dous pulsos.
  • Síndrome do túnel carpiano: esta afección maniféstase cando hai un aumento de presión no nervio mediano a medida que pasa polo túnel carpiano, unha canle que esta situada entre os ósos do pulso.

Existen moitos factores que poden orixinar as lesións que acabamos de ver, e é que a dor nesta articulación pode afectar a calquera persoa (tanto se é sedentario/a como deportista). Nestes casos, é imposible predicir se imos recibir un golpe ou non, pero si que podemos tomar algunhas precaucións como:

  • Fortalecer os ósos consumindo alimentos con calcio e realizando actividade física.
  • Intentar evitar as caídas (utilizando calzado adecuado, agarradoiras no baño, etc.)
  • Utilizar pulseiras ou equipos de protección á hora de realizar deporte.
  • Utilizar materiais ergonómicos no día a día que non manteñan o pulso en tensión.

En García e Lestón contamos con profesionais da fisioterapia que estudarán o teu caso en profundidade para aplicar o mellor tratamento adaptado ás túas necesidades. Tamén podes solicitar asesoramento personalizado de como previr este tipo de lesións. Non o dubides e contacta connosco sen compromiso!

Cando o verán é toda unha odisea: coñece a tanofobia

Durante o verán, moitas persoas queren conseguir o maior bronceado posible. Isto trae consigo unha sobreexposición á luz solar que pode prexudicar gravemente a saúde de quen o realice, chegando a desenvolver problemas graves como cancro de pel. Pero, doutra banda, existe unha minoría que, máis que buscar o sol, tratan de fuxir del: o que se coñece como tanofobia.

A tanofobia (ou heliofobia) é un trastorno psicolóxico que se manifesta como un medo irracional á exposición ao sol. As persoas que sofren esta doenza utilizan como argumento os danos que a radiación ultravioleta causa na nosa saúde, pero sen considerar os problemas que pode traer ao seu organismo a falta de luz solar.

Do mesmo xeito que ocorre con outras fobias, a persoa trata de non entrar en contacto co que teme. Neste caso, adoitan utilizar varias pezas de vestir -como sombreiros, lentes, panos, etc.-, protección solar en exceso e mesmo paraugas para filtrar a radiación e así protexerse.

Este trastorno pode desenvolverse durante a infancia ou a adultez e pode deberse a múltiples factores, entre eles destacan:

  • Un evento traumático que condicionase o comportamento do/a paciente. Por exemplo, se de pequeno/a experimentou unha forte queimadura por culpa do sol.
  • Unha resposta aprendida dun pai ou unha nai que sofre esta doenza e que lla transmite aos seus fillos/as.
  • A exposición constante a noticias sobre os problemas que produce a luz solar tamén pode incentivar a aparición desta enfermidade.

Despois de escoitar a unha gran cantidade de especialistas falar sobre as consecuencias negativas da exposición descontrolada e sen protección á radiación ultravioleta é normal que nos preocupemos e tomemos medidas. Con todo, temos que ser conscientes de que o noso corpo precisa de vitamina D, para o cal é necesario que a pel estea en contacto coa luz solar. Este nutriente é esencial para absorber o calcio, axudándonos a combater futuros problemas de osteoporose ou raquitismo. Ademais, inflúe na saúde cardiovascular, no estado de ánimo e no correcto funcionamento do organismo.

A chave atópase en buscar un equilibrio entre a exposición e a protección. Os/As profesionais recomendan 15 minutos ao día para absorber uns niveis suficientes de vitamina D. Iso si, sempre con medidas de seguridade como lentes de sol, cremas, manternos hidratados/as, etc.

A tanofobia pode interferir na realización de actividades cotiás, sobre todo nesta época do ano, provocando unha perda na calidade de vida. En García e Lestón contamos cun equipo de psicoloxía que che axudará a tratar este trastorno en base ás túas necesidades, acompañándote a superar o medo e a recuperar o benestar na túa rutina diaria.

Mellora a túa saúde paso a paso. Non dubides e camiña!

O bo tempo que acompaña ao verán convida a realizar exercicio, xa sexa só/soa ou con amigos/as. Por iso, dende García e Lestón animámoste a saír á rúa e gozar das boas temperaturas e das paisaxes para practicar o deporte máis sinxelo, económico e aventureiro: camiñar.

Malia que pareza un deporte aburrido que facemos habitualmente, o certo é que a xente tende a evitalo, optando por outras formas de mobilidade (coche, autobús, patinete eléctrico, etc.) que non requiran tanto esforzo. Camiñar todos os días achega numerosos beneficios que seguramente descoñecías:

  1. Mellora a saúde cardiovascular: andar constitúe unha forma de exercicio de baixo impacto que axuda a controlar a presión arterial, mellora a circulación e fortalece o sistema inmunolóxico, ademais de aumentar a capacidade de resistencia do teu organismo.

  1. Pódelo practicar onde queiras: aproveita para facer rutas pola natureza e descubrir novos lugares.

  1. Fortalece os músculos do tren inferior (cuádriceps, glúteos, nocellos, etc.): intenta incrementar a intensidade camiñando costa arriba durante os teus adestramentos, así aumentarás a tonificación destes grupos musculares.

  1. Mellora o estado de ánimo: practicar deporte reduce os niveis de estrés do corpo, a adrenalina e o cortisol, axudándoche a sentirte mellor contigo mesmo/a.

  1. Acelera o metabolismo: a medida que aumentamos a intensidade, vanse queimando máis calorías.

  1. Mellora a forma física: axuda a activar todo o corpo e a mellorar a nosa saúde.

Dende García e Lestón animámoste a que camiñes polo menos 30 minutos todos os días a paso moderado. Se non tes tempo, procura adaptar este exercicio á túa rutina. Por exemplo, no canto de coller o bus para ir traballar, trata de ir andando. Se ves que isto non é factible, intenta achegarte a pé á seguinte parada máis próxima.

O obxectivo mínimo ao día que deberías realizar serían 7.000 pasos ou camiñar polo menos 150 minutos á semana. Para conseguilo, pode seguir estes pasos:

  • Fixa o teu obxectivo: sentirte mellor, baixar de peso, aumentar a túa resistencia, etc.

  • Establece un plan para conseguilo: trata de integralo na túa rutina e cumprilo sempre.

  • Adapta as túas metas a medida que te vaias superando: non é o mesmo o teu obxectivo cando empezas que cando levas xa varios meses, para seguir crecendo debes aumentar as túas expectativas a futuro.

Tamén é vital preparar o corpo, aínda que non sexa exercicio de alta intensidade é imperativo que nos coidemos:

  • Evita as horas de maior calor.

  • Hidrátate constantemente.

  • Utiliza roupa e calzado cómodo.

  • Realiza estiramentos antes e despois da actividade física.

En García e Lestón contamos cun equipo de profesionais do adestramento que che axudarán a establecer unha rutina adaptada ás túas necesidades que che permita conseguir os teus obxectivos establecidos. Non o dubides máis e contacta connosco sen compromiso!

Non teñas mala pata este verán: descubre como tratar e previr a escordadura de xeonllo

A chegada do verán é algo que tanto adultos como nenos/as desexan. O bo tempo, ir á praia, vacacións… moitos son os factores que fan que esta época do ano sexa a máis esperada.  Estas condicións inflúen nun maior número de persoas practicando deporte, pero o incremento da actividade física tamén leva consigo un aumento no número de lesións e doenzas. Por iso, dende García e Lestón querémosvos amosar unha das máis comúns, para que coñezades como tratala e previla.

A escordadura de xeonllo prodúcese cando un dos catro ligamentos que suxeita a articulación sofre un estiramento repentino e brusco ou se desgarra total ou parcialmente. Esta lesión pódese deber a un golpe ou a unha flexión, torsión ou movemento violento do xeonllo, co pé apoiado firmemente no chan ou despois dun salto.

Os síntomas desta doenza adoitan ser moi concretos e aparecen xusto no momento no que se produce, o que facilita a súa identificación:

  • Sentir un estalo na articulación (pode incluso escoitarse).
  • Dor continua e intensa ao tentar camiñar ou ao tacto.
  • Redución da capacidade de movemento e rixidez na mesma.
  • Inflamación.
  • Posible aparición dun negrón na zona afectada.

Esta lesión pode dificultar a calidade de vida da persoa que a sofre, e máis nesta época do ano cando aparecen constantemente plans de lecer que poden implicar o movemento desta parte do corpo (nadar, xogar ao pádel, ao baloncesto, facer sendeirismo, etc.). Por iso, queremos darvos algúns consellos para previla:

  • Manter un bo estado físico.
  • Fortalecer e tonificar a musculatura do xeonllo.
  • Realizar exercicios de propiocepción e estabilidade: a propiocepción é un tipo de adestramento necesario para facer que o corpo se adapte a calquera cambio: saltar un charco, mudar a dirección, un tropezón, etc.
  • Utilizar calzado axeitado.
  • Controlar o peso corporal.
  • Realizar estiramentos antes e despois de facer deporte.

O tratamento para a escordadura de xeonllo depende do ligamento que se viu afectado e a súa gravidade. No caso máis leve, basta con utilizar xeo e xeonlleiras articuladas que a manteñan no seu sitio. En casos máis graves, será necesario o uso de muletas ou mesmo cirurxía. En ambas as dúas situacións, é necesario un período de fisioterapia posterior á retirada da escaiola ou da operación. O tempo de recuperación nestes casos pode ser de catro ata oito semanas.

En García e Lestón contamos cun equipo de profesionais da fisioterapia que te acompañarán durante todo o proceso de rehabilitación para devolverche canto antes a calidade de vida.

Vivindo en múltiples realidades: coñece os trastornos disociativos

Algunha vez, mentres estabas a conducir, esquecícheste por un momento de que o estabas a facer? É posible que non o lembres porque ías pensando noutras cousas, atendendo á radio ou inmerso nunha conversación cun amigo/a. Isto é o que se denomina disociación normal e é habitual na maioría da poboación. Pero, existen persoas que experimentan unha desconexión moito maior, interferindo nas actividades cotiás, o que se coñece como trastornos disociativos.

Estas doenzas caracterízanse por unha interrupción ou falta de continuidade entre pensamentos, lembranzas, contornas, accións, identidade, corpo ou comportamento. Unha persoa que sofre este tipo de enfermidades tende a escapar da realidade de maneira involuntaria, o que pode provocar moitos problemas en diferentes ámbitos da súa vida. Esta afección adoita desencadearse a raíz dun acontecemento traumático ou estresante como mecanismo de defensa para controlar os pensamentos intrusivos.

Existen tres tipos de trastornos disociativos:

  • Amnesia disociativa: perda de memoria selectiva sobre acontecementos traumáticos. Ás veces,  esta doenza pode provocar unha fuga disociativa, é dicir, deambular sen rumbo nun estado de confusión. Os episodios de amnesia adoitan aparecer de maneira repentina e tenden a durar uns minutos ou horas.
  • Trastorno de identidade disociativo: esta afección, coñecida antes como “trastorno da personalidade múltiple”, caracterízase por alternar dentro dunha mesma persoa varias identidades, as cales teñen nomes, historias, personalidades, xéneros e mesmo tons de voz diferentes. Os/as pacientes con esta enfermidade tenden a sentir a presenza dunha ou varias persoas falando ou vivindo na súa cabeza, tomando o control do seu corpo e da súa mente por momentos. Con frecuencia tamén sofren de amnesia disociativa.
  • Trastorno de despersonalización-desrealización: a despersonalización recae na desconexión dun/dunha mesmo/a, converténdose nun/nunha espectador/a da súa propia vida. Por outra banda, a desrealización é unha sensación de irrealidade ante situacións, percibindo o arredor distante, borroso ou coma un soño.

Os síntomas que nos poden alertar de se sufrimos de trastornos disociativos dependen de cada tipo, pero os máis comúns son:

  • Perda de memoria de certos períodos de tempo, persoas, feitos ou aspectos propios.
  • Confusión mental.
  • Sensación de estar separado/a dun/dunha mesmo/a e dos seus sentimentos ou emocións.
  • Falta de contacto coa realidade.
  • Identidade confusa.
  • Percepción alterada das cousas ou persoas.
  • Problemas nas relacións persoais, sociais e laborais.
  • Pensamentos e comportamentos suicidas.

O tratamento tamén depende do tipo de trastorno disociativo que se padeza, pero todos necesitan da psicoterapia para a súa recuperación. En García e Lestón contamos cun equipo de profesionais da psicoloxía que traballará para axudarche a entender a causa da túa doenza e a desenvolver novos mecanismos para lidar con elas. Contacta connosco sen compromiso!

A praia: un bo sitio para adestrar neste verán?

Cando chega o verán, moitos/as de nós aproveitamos os días solleiros para cambiar a nosa rutina e ir ata a costa. Este cambio nos nosos hábitos pode que altere o compromiso cos nosos adestramentos pero, quen dixo que a praia non pode ser o noso novo ximnasio? A maioría das veces, non contamos cun centro de adestramento no lugar onde pasamos as nosas vacacións. Por iso, é esencial aproveitar a contorna que nos rodea e practicar deporte dunha forma diferente.

Dende García e Lestón ensinámosche algúns exercicios para seguir coidando da túa calidade de vida este verán:

  • Quecemento: empeza por preparar o teu corpo para o adestramento. Podes camiñar dende 5 a 10 minutos a ritmo lixeiro. Aconséllase facelo pola area que está húmida xa que é máis estable e así poderás evitar lesións. Unha vez remates, tes que activar os músculos e articulacións que vas utilizar mediante estiramentos.
  • Sentadas: abre as túas pernas ata o ancho dos teus ombreiros, flexiona os xeonllos e baixa o corpo mantendo as costas ergueitas e evitando inclinarte cara adiante. Este exercicio pódelo facer con ou sen peso, a maior carga, maior fortalecemento dos músculos.
  • Elevacións de xeonllos: sitúa as pernas ao ancho das túas cadeiras e leva o peso do corpo cara a unha das pernas, sube e baixa o teu xeonllo oposto o máis alto que poidas.
  • Pranchas de antebrazos: colócate boca abaixo coa punta dos pés e os antebrazos apoiados na area. Sube o teu corpo ata lograr unha liña recta dende os ombreiros aos nocellos e aguanta esta posición de 30 segundos a 1 minuto.
  • Jumping Jacks: este exercicio é ideal para fortalecer costas, glúteos e pernas. Primeiro, ponte de pé coas pernas xuntas e os brazos a ambos os dous lados. Dobra lixeiramente os xeonllos e salta. Mentres o fas, separa as pernas ao ancho do ombreiros, estira á súa vez os brazos sobre a cabeza e retoma a posición inicial.

A praia é un espazo que nos permite facer multitude de actividades. Por iso, podes aproveitar para alterar a túa rutina de exercicios con deportes como o voleibol, fútbol, xogar ás raquetas, nadar, pádel surf, kaiak, ioga…

Por outra banda, aínda que adestrar na praia sexa saudable, é necesario realizar un quecemento previo e estiramentos ao rematar e lembrar que nesta época do ano as temperaturas son elevadas. Por iso, dende García e Lestón dámosche algúns consellos:

  • Evita facer exercicio no exterior dende as 12h ata as 16h.
  • Hidrátate constantemente.
  • Aplica protector solar.
  • Utiliza gorras ou lentes de sol.
  • Refréscate no mar cando acabes os exercicios.

En García e Lestón contamos cun equipo de profesionais do adestramento que che axudarán a escoller os mellores exercicios para practicar este verán na area. Contacta connosco sen compromiso!

“Non máis curvaturas”: Faille fronte á escoliose coa fisioterapia

Unha gran cantidade de doenzas desenvólvense durante a infancia ou a adolescencia. Para non ocasionar unha perda da calidade de vida segundo as persoas van medrando, é necesaria unha detección precoz destas afeccións.

Con todo, a maioría das veces os síntomas son pouco perceptibles nunha primeira ollada. Dende García e Lestón axudámosche a tratar unha enfermidade que, de non facelo, pode ter consecuencias graves na sosa saúde: a escoliose.

A escoliose é unha desviación lateral da columna vertebral, que ocorre con maior frecuencia no período anterior á puberdade, é dicir, cando o desenvolvemento do corpo é maior. Malia que a súa aparición pode deberse a doenzas como a parálise cerebral infantil ou a dismorfia corporal e incluso ser transmitida de pais/nais a fillos/as, pero a maioría de nenos/as que a padecen non teñen antecedentes familiares.

Para detectar canto antes esta enfermidade é necesario prestar atención aos seguintes sinais:

  • Ombreiros a distinta altura.
  • Curvatura da columna.
  • Prominencia dunha omoplata sobre a outra.
  • Extremos da cintura a distinta altura.
  • Un lado das costas sobresae máis ao inclinarse cara adiante.

En xeral, os casos tenden a ser leves e non necesitan unha intervención cirúrxica, pero algunhas deformidades da columna poden ir empeorando a medida que a persoa vai medrando. A escoliose grave pode ser incapacitante, xa que unha desviación moi grande pode reducir o espazo dentro do peito, dificultando o funcionamento correcto dos pulmóns e creando problemas respiratorios. Outras complicacións que poden aparecer son:

  • Problemas nas costas: hai unha maior probabilidade de sufrir dor crónica nas costas na adultez, sobre todo se non se aplica ningún tratamento.
  • Aspecto: pode causar cambios no corpo, como cadeiras e ombreiros desiguais, desprazamento do tronco cara a un lado e costelas prominentes.

Detectar a escoliose a tempo e comezar un tratamento de fisioterapia canto antes é de vital importancia para diminuír o seu avance e mesmo para chegar a corrixila parcial ou totalmente. Para tratar a curvatura, é común o uso dun corpiño ortopédico, combinado con diferentes técnicas de fisioterapia como:

  • Terapia manual: que se aplica sobre tecidos óseos, musculares, nerviosos e viscerais para equilibrar e corrixir as alteracións corporais.
  • Indución miofascial: combinación de presións, estiramentos e posicións destinadas a eliminar as restricións da fascia muscular e equilibrar a zona alterada.
  • Reeducación Postural Global: determinadas posturas que estiren todo o noso corpo.
  • Fisioterapia clásica: estiramentos e exercicios co obxectivo de flexibilizar e fortalecer a columna vertebral.

En García e Lestón contamos cun equipo de profesionais da fisioterapia que estudarán o teu caso en profundidade, vendo a gravidade da desviación da columna e valorando outros factores relevantes para escoller o mellor tratamento. Contacta connosco sen compromiso!

Unha realidade chea de cadeas. Coñece os perigos dos trastornos da conduta alimentaria

Segundo a Sociedade Española de Urxencias en Pediatría (SEUP), dende 2019 a 2021 os casos de trastornos da conduta alimentaria (TCA) aumentaron ao redor do 40%. Esta doenza é sumamente grave e é máis que alarmante que nos últimos anos o número de casos aumentara tan drasticamente.

Os TCA son trastornos psicolóxicos relacionados coa autopercepción e a distorsión da imaxe, que provocan alteracións da conduta alimentaria. As persoas que o padecen mostran unha preocupación excesiva e obsesiva pola súa imaxe corporal.

Cada trastorno da conduta alimentaria é diferente, ao igual que a experiencia de cada persoa que o sofre. As consecuencias desta enfermidade impactan nas distintas esferas vitais, reducindo o contacto social, xerando problemas a nivel persoal e interferindo de forma significativa na saúde física e mental, podendo chegar, nos casos máis extremos, a provocar a morte (por suicidio ou desnutrición). Esta afección pode aparecer a calquera idade, sendo máis frecuente na adolescencia. A maior incidencia prodúcese entre os 12 e os 18 anos, pero cada vez hai máis casos en idades temperás, ao redor dos 8 ou 9 anos. En canto ao xénero, os homes e as mulleres poden padecelo por igual, pero a incidencia é maior nelas.

A causa desta enfermidade pódese deber a múltiples factores como a presión social, as redes, a necesidade de ser aceptado/a, a preocupación por un ideal estético imperante na sociedade asociado ao éxito social, familiar e laboral, etc. Do mesmo xeito, ter un alto grao de perfeccionismo e esixencia, baixa autoestima e pouca tolerancia á frustración son factores de risco.

Dentro dos TCA, existen diferentes tipos, os máis comúns son:

Anorexia nerviosa: caracterízase pola restrición do consumo de alimentos, o que provoca unha diminución severa do peso. Ademais, a persoa pode recorrer ou non a atacadas ou a purgas e a miúdo realizan exercicio físico intenso coa intención de seguir perdendo peso.

Bulimia nerviosa: caracterizada por realizar atacadas frecuentes sen control, con condutas compensatorias pouco axeitadas como inducir o vómito, utilizar laxantes, exercicio excesivo, xaxuar, etc.). Este trastorno é menos perceptible que a anorexia, xa que non necesariamente se baixa de peso.

Trastornos de atacadas: do mesmo xeito que o anterior, a súa característica principal son as atacadas sen control e producen un malestar intenso na persoa, aínda que sen condutas compensatorias. Esta situación pode provocar un aumento de peso e mesmo chegar ao sobrepeso ou obesidade.

O tratamento para esta doenza recae na atención médica dun profesional da saúde mental, co obxectivo de recuperar uns hábitos alimentarios saudables, á vez que se resolven todos aqueles problemas psicolóxicos que deron lugar á aparición deste trastorno.

En García e Lestón contamos cun equipo especializado en psicoloxía que estudará en profundidade o teu caso e buscará a mellor solución para a túa saúde física e mental. Contacta connosco sen compromiso!