Xaxún intermitente. É unha opción que debemos ter en conta?

Seguro que tes escoitado falar moitas veces do xaxún intermitente, ou mesmo coñeces a alguén que fixo uso deste hábito de alimentación na súa rutina diaria. Os beneficios que demostra o xaxún intermitente poden chegar a ser moi atractivos pero debemos valorar certos factores do mesmo para saber se podemos aplicar este xeito de alimentarnos ás nosas vidas. No blog de hoxe analizamos as súas chaves.

En primeiro lugar debes coñecer en que consiste o xaxún intermitente. Existe a falsa crenza de que este método implica facer só unha comida ao día, pero o certo é que estamos a falar dun termo máis relacionado coas franxas horarias nas que podemos comer que co número de tomas de alimentos. Desta forma, o xaxún intermitente implica establecer unhas horas durante as cales non se fan comidas máis aló do propio xaxún que todos e todas realizamos entre a cea e o almorzo. De feito, existen varias maneiras de abordar o xaxún intermitente:

  • Alternar os días nos que facemos o xaxún.
  • 12/12: Realizar unha comida cada 12 horas.
  • 20/4: Non comer durante 20 horas e facelo nas 4 restantes.
  • 16/8: Non comer durante 16 horas e facelo nas 8 restantes.

Con todo, non se trata dunha desas “dietas milagre”, só restrinxe as horas nas que comemos, non os alimentos. É esencial que a nosa nutrición continúe sendo equilibrada e variada, contando con froita, legumes, verduras, cereais, pescado, etc. É por iso que trasladar o xaxún intermitente á nosa rutina pode facer que baixemos de peso, si, pero non é un efecto completamente asegurado. De nada serve facer menos comidas ao día se nelas inxerimos máis cantidade do normal ou abusamos de procesados.

Entón, por que podería resultar útil? Debemos ver ao xaxún intermitente non como unha dieta, senón como un modo de alimentación, como unha opción máis. De igual xeito que non todas as persoas precisan realizar 5 comidas ao día, xaxuar pode non ser unha opción ao gusto de todos e todas. Debemos ter en conta variables como o noso horario, as actividades que realizamos ao longo do día ou a reacción do noso corpo ao non comer durante certo tempo, e é que este xeito de consumir a comida non é aconsellable para persoas con ansiedade ou con trastornos alimentarios.

Como podes comprobar, o xaxún intermitente pode ser unha alternativa válida no noso día a día e pode causar beneficios como a perda de peso ou a mellora da sensibilidade á insulina. Con todo, sempre temos que acudir a un/unha profesional que valore a nosa situación e que nos aconselle o procedemento máis axeitado. En García e Lestón temos ao mellor equipo para facer isto posible.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *