Verán e redes sociais. Non todo o que ves é real
Acabamos de entrar no verán: a época de vacacións por excelencia. É certo que os meses de estío van estreitamente relacionados cunha desconexión e cun bo estado de humor e relaxación asociado ao bo clima e aos plans que realizamos no noso tempo libre. Moitos e moitas de nós compartimos estas experiencias por redes sociais con fotografías e vídeos que capturamos especificamente para amosarllos aos nosos/as seguidores/as. Pero non é ouro todo o que reloce.
Estas plataformas e aplicacións cambiaron o xeito no que vivimos e nos relacionamos, conectándonos máis facilmente cos nosos seres queridos e axudando a descubrir a novas persoas e celebridades. Malia todo, tamén se converteron nun lugar no que lucir a nosa mellor cara resulta máis “interesante” e máis “gratificante”: as redes sociais permítennos enmascarar a realidade e amosarnos ao resto do mundo como nos gustaría ser: unha versión admirable por todos e todas de nosoutros/as mesmos/mesmas.
Así, durante este meses verás en publicacións e historias as vacacións dese/desa influencer en lugares incribles, coa cara perfecta, o ton de pel morena envexable e un corpo canonicamente ideal. Pero o certo é que esas pequenas mostras da súa vida son coidadosamente seleccionadas para transmitir sensacións positivas e non reflicten a súa realidade completa. Moi poucas son as persoas que se atreven a compartir as partes negativas do seu día a día.
Isto súmase ao reforzo que supón para todos/todas os “me gusta” e os “compartidos”. Cantas máis cifras teñamos, máis interese estamos a xerar e mellor nos sentimos. Con todo, esta é unha sensación pasaxeira que provoca que actuemos en función do que pensarían os demais: “se fago isto, gañarei máis seguidores/as”. Isto pode desembocar nunha necesidade constante de aprobación por parte das demais persoas, chegando a afectar á nosa autoestima de non cumprir as expectativas.
Cando a dependencia por estas tecnoloxías chega a un extremo, podemos falar incluso de nomofobia: o medo irracional a non dispoñer do teléfono móbil ou de cobertura. Entón, que consellos podes aplicar para gozar máis das túas vacacións de verán e non preocuparte pola imaxe que ofreces en internet?
Malia que vexas a moitas persoas compartir nos seus perfís a súa estancia en destinos paradisíacos, a realidade é que non todo o mundo pode ter vacacións nesta época nin moito menos viaxar os seus lugares soñados. Non te frustres, aproveita o verán para desconectar e deixar a un lado as redes, céntrate en ti mesmo/mesma e proba novos escenarios e actividades que che permitan coñecerte mellor e gozar de novas experiencias.
Agora xa o sabes: non todo o que vemos en internet é un reflexo da realidade das persoas nin temos que buscar a aprobación dos/das demais por este tipo de vías. Con todo, se necesitas axuda para xestionar a túa relación coas redes sociais, o equipo profesional da área de psicoloxía de García e Lestón poderá axudarche con todo o que precises.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!