Sabes tomar correctamente o sol? Posturas e beneficios

Vaias á praia que vaias este verán, de seguro que pasarás un bo anaco deitado ou deitada sobre a area na túa toalla para tomar o sol. Esta acción repercute en nós de xeitos moi positivos, malia todo, debemos ter moita cautela coas posicións que adoptamos para facelo, pois poden provocar danos nas nosas costas ou mesmo no noso pescozo. Queres coñecer as chaves que se agochan detrás destas posturas? Pois permanece atento/a a este blog.

Para comezar, é necesario destacar que tomar o sol é moi beneficioso para a nosa saúde, sempre e cando o fagamos de xeito responsable, é dicir: non durante moito tempo, evitando as horas centrais do día e usando unha protección de factor 50 na medida do posible. Algúns dos seus efectos positivos son:

  • Axuda a producir vitamina D, esencial para fortalecer os nosos ósos e dentes.
  • Reforza as nosas defensas mediante o aumento da produción de glóbulos brancos.
  • Mellora a aparencia da nosa pel, favorecendo incluso síntomas de doenzas como a psoriase.
  • Contribúe a mellorar o noso estado de ánimo, posto que os raios UV estimulan a produción de serotonina, o cal tamén axudará a regular o noso sono.

Agora ben, debes ter moito coidado coa posición que adoptas para tomar o sol. Para iso, o primeiro paso será acomodar a area á forma do noso corpo. Cando imos á praia, partimos coa vantaxe de que o terreo é brando e maleable: axustándoo a nós, evitaremos que nos teñamos que adaptar á súa irregularidade.

Malia que non é moi recomendable, se decides acomodarte boca abaixo na túa toalla, debes evitar xirar a cabeza cara un lado para non danar a túa zona cervical. Axúdate dun coxín ou dunha prenda de roupa para poder encarar a túa cabeza de xeito que mire cara a toalla, así manterás a posición natural da columna. Nesta postura é común elevar o peito do chan, o que pode causar molestias nas nosas costas.

Pola contra, se tomas o sol boca arriba, tamén deberás recorrer a un coxín, prenda ou calquera método que che permita subir de forma lixeira a túa cabeza para que esta non repouse directamente sobre a superficie e cause unha tensión innecesaria no pescozo. Ademais, se dobras as pernas e colocas as plantas dos teus pés no chan, evitarás unha curvatura excesiva das túas costas.

Que posturas son as máis recomendables?

  • Podes optar por sentar directamente na toalla, sempre e cando non despraces as túas costas cara adiante.
  • Nesta postura, proba tamén a cruzar as túas pernas.
  • Outra variable: estira as pernas e apoia as túas mans no chan cos brazos estendidos cara atrás.
  • Posición de efixie: coloca o teu corpo cara abaixo e apóiate sobre os teus antebrazos, coa parte superior do teu tronco elevada e cos ombreiros o máis separados posibles da túa cabeza para afastar as omoplatas entre si.

Agora xa coñeces como tomar o sol dun xeito saudable. Con todo, se neste verán precisas de atención profesional para tratar calquera doenza ou lesión e ir á praia sen preocupación algunha, o noso equipo de fisioterapia é a solución que precisas.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *