Saltar á corda: máis que un xogo para os pequenos/as da casa

Es desas persoas que pensa que saltar á corda é un xogo de nenos/as e dos profesionais do boxeo? É moi normal atopar este pensamento na sociedade, porque sempre adoitamos relacionar as cousas co que vimos previamente. Por iso, hoxe querémosche amosar o poder que alberga saltar á corda, tanto a nivel físico como psicolóxico.

En primeiro lugar, é un exercicio que mellora a nosa saúde cardiovascular. A súa alta intensidade fai que aumente a circulación sanguínea e que se involucren todos os músculos do noso corpo, fortalecendo brazos, pernas e core e previndo así futuras lesións.

Esta disciplina tamén axuda a aumentar a nosa resistencia e a mellorar a nosa coordinación, porque saltar á corda é un deporte con diferentes niveis, onde a complexidade escala a medida que comezamos a dominar a actividade. Isto tamén pode servir de motivación para aquelas persoas que están a buscar novos retos na súa vida.

Por outra banda, saltar á corda é un exercicio que podes gozar con amigos e familiares, posto que che permite experimentar con diferentes movementos e ritmos para manter a actividade interesante e desafiante. Outro factor chave a nivel psicolóxico é a redución do estrés da persoa que o practica, á vez que segrega endorfinas, mellorando o seu estado de ánimo e a súa calidade de vida.

Ademais, esta é unha actividade de baixo impacto. A diferenza de correr ou facer outros exercicios, saltar á corda non exerce tanta presión nos xeonllos e demais articulacións, o que a converte nunha excelente opción para persoas con problemas articulares.

Do mesmo xeito, para todas aquelas persoas que busquen unha redución de peso, estímase que practicar esta disciplina durante 30 minutos pode chegar a queimar entre 300 e 450 calorías. Aínda así, non hai que esquecer que a perda de peso vai ligada a unha constancia, unha boa alimentación e unha vida activa.

En resumo, saltar á corda é unha das mellores opcións para mellorar a túa saúde e o teu benestar, non necesitas ser un experto/a e non tes que investir unha gran cantidade de diñeiro na disciplina, xa que só precisas unha corda e moitas ganas de empezar a saltar. A que agardas para comezar? Lembra que en García e Lestón contamos con profesionais do adestramento que che axudarán a ter unha vida activa.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *