O impacto da pandemia nas persoas máis mozas. Non miremos para outro lado
É ben coñecido por todos e todas nós que nestes dous anos de pandemia as nosas vidas deron un xiro de 180 graos. Agora semella que cada vez estamos máis preto do final deste maratón, pero as condicións que tivemos que afrontar todo este tempo como o confinamento, as clases virtuais ou o teletraballo teñen as súas consecuencias sobre o noso estado de ánimo e benestar psicolóxico.
Con todo, son os nenos/as e adolescentes os/as que se atoparon cun muro moi difícil de escalar que se interpuxo no camiño ás súas metas, ambicións e relacións persoais, aspectos moi importantes para o seu desenvolvemento. No blog de hoxe falaremos de como a COVID-19, e todo o que a rodea, puido ou pode estar afectando aos máis pequenos e pequenas da casa.
Para comezar, é necesario que nos poñamos en contexto para ser completamente conscientes da problemática actual. Grazas a un informe realizado por Save the Children, chamado Crecer Saludable(mente). Un análisis sobre la salud mental y el suicidio en la infancia y la adolescencia, sabemos que os trastornos mentais en nenos/as e adolescentes se triplicaron coa chegada da pandemia.
Sentimentos como o medo, a inseguridade, a tristeza, trastornos de ansiedade, depresión ou mesmo aqueles relacionados co sono aumentaron nos últimos meses debido a, entre outros factores:
- Perda de familiares e non poder acompañalos/as nos seus últimos días.
- Rematar relacións de amizade ou amorosas pola falta de contacto.
- Despedirse de oportunidades académicas.
- Problemas económicos na familia.
Ademais, os trastornos da conduta alimentaria tamén se viron incrementados grazas á atención que se poñía en moitos fogares sobre a comida e o peso ante a rutina sedentaria do confinamento.
Do mesmo xeito, o ciberacoso é un perigo aínda máis presente do que o era antes da chegada da COVID-19 debido ao aumento do uso de internet e das redes sociais por parte dos e das adolescentes.
Incluso tivo un impacto negativo sobre os rapaces e rapazas con trastorno do espectro autista, xa que presentan máis dificultades ante os cambios de rutina, deixando de recibir os coidados, terapias e actividades que formaban parte do seu día a día.
Estas condicións que atravesaron as persoas máis mozas e que aínda están a sufrir en certos casos, levaron a que se rexistrara tamén un aumento nas autolesións e nas tentativas de suicidio.
Como podes ver, a pandemia golpeou de xeito moi duro aos nenos/nenas e adolescentes. Os pasados meses foron moi difíciles, por iso resulta de especial importancia que recoñezamos esta realidade e que busquemos apoio psicolóxico para nós ou para os nosos seres queridos no caso de precisalo. Grazas á área de psicoloxía de García e Lestón poderemos axudarche en todo o que precises.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!