Non teñas mala pata este verán: descubre como tratar e previr a escordadura de xeonllo

A chegada do verán é algo que tanto adultos como nenos/as desexan. O bo tempo, ir á praia, vacacións… moitos son os factores que fan que esta época do ano sexa a máis esperada.  Estas condicións inflúen nun maior número de persoas practicando deporte, pero o incremento da actividade física tamén leva consigo un aumento no número de lesións e doenzas. Por iso, dende García e Lestón querémosvos amosar unha das máis comúns, para que coñezades como tratala e previla.

A escordadura de xeonllo prodúcese cando un dos catro ligamentos que suxeita a articulación sofre un estiramento repentino e brusco ou se desgarra total ou parcialmente. Esta lesión pódese deber a un golpe ou a unha flexión, torsión ou movemento violento do xeonllo, co pé apoiado firmemente no chan ou despois dun salto.

Os síntomas desta doenza adoitan ser moi concretos e aparecen xusto no momento no que se produce, o que facilita a súa identificación:

  • Sentir un estalo na articulación (pode incluso escoitarse).
  • Dor continua e intensa ao tentar camiñar ou ao tacto.
  • Redución da capacidade de movemento e rixidez na mesma.
  • Inflamación.
  • Posible aparición dun negrón na zona afectada.

Esta lesión pode dificultar a calidade de vida da persoa que a sofre, e máis nesta época do ano cando aparecen constantemente plans de lecer que poden implicar o movemento desta parte do corpo (nadar, xogar ao pádel, ao baloncesto, facer sendeirismo, etc.). Por iso, queremos darvos algúns consellos para previla:

  • Manter un bo estado físico.
  • Fortalecer e tonificar a musculatura do xeonllo.
  • Realizar exercicios de propiocepción e estabilidade: a propiocepción é un tipo de adestramento necesario para facer que o corpo se adapte a calquera cambio: saltar un charco, mudar a dirección, un tropezón, etc.
  • Utilizar calzado axeitado.
  • Controlar o peso corporal.
  • Realizar estiramentos antes e despois de facer deporte.

O tratamento para a escordadura de xeonllo depende do ligamento que se viu afectado e a súa gravidade. No caso máis leve, basta con utilizar xeo e xeonlleiras articuladas que a manteñan no seu sitio. En casos máis graves, será necesario o uso de muletas ou mesmo cirurxía. En ambas as dúas situacións, é necesario un período de fisioterapia posterior á retirada da escaiola ou da operación. O tempo de recuperación nestes casos pode ser de catro ata oito semanas.

En García e Lestón contamos cun equipo de profesionais da fisioterapia que te acompañarán durante todo o proceso de rehabilitación para devolverche canto antes a calidade de vida.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *