Non aceptes as migallas: coñece o “Breadcrumbing”

Sentes que a túa parella só che dá unhas faragullas de atención? Este fenómeno coñécese como “breadcrumbing” (deixar migallas de pan).

Os vínculos sociais (parella, familia, amigos, etc.) requiren de traballo, compromiso e responsabilidade afectiva, pero en moitas ocasións algún destes factores adóitase descoidar chegando a causar dano emocional á outra persoa. Un exemplo diso é o “breadcrumbing”, que fai referencia a un patrón de comportamento onde unha parte da relación lle dá á outra o que lle sobra a modo de reforzo intermitente para que se manteña vinculado/a a ela/el baixo uns mínimos coa esperanza de que, nalgún momento, esa situación poida estabilizarse e mellorar.

Un exemplo claro disto? Unha persoa que, nun principio, presta moita atención á súa parella e, de súpeto, comeza a tratala de xeito distinto ou desagradable, deixa de responderlle ás mensaxes, de interesarse pola súa vida, etc. Isto provoca na outra parte unha sensación de incerteza, malestar, frustración e mesmo dependencia.

Para que poidas identificar este comportamento, queremos amosarche as condutas máis habituais:

  • Parece disposto/a a ter encontros en persoa ou realizar plans, pero anúlaos a última hora.
  • Algúns días móstrase interesado/a e falador/a, pero despois deixa de chamar ou responder ás mensaxes durante un longo período de tempo.
  • Evade temas que impliquen compromiso a futuro.
  • É ambiguo/a ao falar contigo. É dicir, cando se lle propón avanzar dalgún modo na relación, responde con evasivas.
  • Non adoita querer falar de sentimentos.
  • Non quere estar contigo pero tampouco sen ti, polo que non remata coa relación.

Sénteste identificado/a con algún destes sinais? Dende García e Lestón dámosche algúns consellos para saber como actuar ante este tipo de situacións:

  • Trata de ser obxectivo/a: pode que as túas emocións estean nubrando a túa parte máis racional polo que es incapaz de ver que os actos desa persoa están a facerche dano. Neste punto tes que pensar nos feitos e preguntarte: “É este o tipo de relación a que quero?” “Son feliz nela?” “Gustaríame cambiar algo?”
  • Expresa os teus sentimentos: intenta expresarlle as túas emocións e pensamentos á outra persoa, pode que o erro se atope nunha falta de comunicación.
  • Elixe o que mellor che conveña: valora se che compensa estar cunha persoa que, ao mellor, nunca che poderá dar o que buscas nunha parella.

Desvincularse deste tipo de relacións pode ser moi complicado e pode requirir a axuda de especialistas da saúde mental. En García e Lestón contamos con profesionais da psicoloxía que te acompañarán durante todo este proceso e che darán os mellores consellos para afrontalo. As migallas, ao lixo!

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *