Vivindo en múltiples realidades: coñece os trastornos disociativos
Algunha vez, mentres estabas a conducir, esquecícheste por un momento de que o estabas a facer? É posible que non o lembres porque ías pensando noutras cousas, atendendo á radio ou inmerso nunha conversación cun amigo/a. Isto é o que se denomina disociación normal e é habitual na maioría da poboación. Pero, existen persoas que experimentan unha desconexión moito maior, interferindo nas actividades cotiás, o que se coñece como trastornos disociativos.
Estas doenzas caracterízanse por unha interrupción ou falta de continuidade entre pensamentos, lembranzas, contornas, accións, identidade, corpo ou comportamento. Unha persoa que sofre este tipo de enfermidades tende a escapar da realidade de maneira involuntaria, o que pode provocar moitos problemas en diferentes ámbitos da súa vida. Esta afección adoita desencadearse a raíz dun acontecemento traumático ou estresante como mecanismo de defensa para controlar os pensamentos intrusivos.
Existen tres tipos de trastornos disociativos:
- Amnesia disociativa: perda de memoria selectiva sobre acontecementos traumáticos. Ás veces, esta doenza pode provocar unha fuga disociativa, é dicir, deambular sen rumbo nun estado de confusión. Os episodios de amnesia adoitan aparecer de maneira repentina e tenden a durar uns minutos ou horas.
- Trastorno de identidade disociativo: esta afección, coñecida antes como “trastorno da personalidade múltiple”, caracterízase por alternar dentro dunha mesma persoa varias identidades, as cales teñen nomes, historias, personalidades, xéneros e mesmo tons de voz diferentes. Os/as pacientes con esta enfermidade tenden a sentir a presenza dunha ou varias persoas falando ou vivindo na súa cabeza, tomando o control do seu corpo e da súa mente por momentos. Con frecuencia tamén sofren de amnesia disociativa.
- Trastorno de despersonalización-desrealización: a despersonalización recae na desconexión dun/dunha mesmo/a, converténdose nun/nunha espectador/a da súa propia vida. Por outra banda, a desrealización é unha sensación de irrealidade ante situacións, percibindo o arredor distante, borroso ou coma un soño.
Os síntomas que nos poden alertar de se sufrimos de trastornos disociativos dependen de cada tipo, pero os máis comúns son:
- Perda de memoria de certos períodos de tempo, persoas, feitos ou aspectos propios.
- Confusión mental.
- Sensación de estar separado/a dun/dunha mesmo/a e dos seus sentimentos ou emocións.
- Falta de contacto coa realidade.
- Identidade confusa.
- Percepción alterada das cousas ou persoas.
- Problemas nas relacións persoais, sociais e laborais.
- Pensamentos e comportamentos suicidas.
O tratamento tamén depende do tipo de trastorno disociativo que se padeza, pero todos necesitan da psicoterapia para a súa recuperación. En García e Lestón contamos cun equipo de profesionais da psicoloxía que traballará para axudarche a entender a causa da túa doenza e a desenvolver novos mecanismos para lidar con elas. Contacta connosco sen compromiso!
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!