Trastorno por déficit de atención e hiperactividade. Coñéceo a fondo para non caer en falsas crenzas
Malia que cada vez as persoas estamos máis concienciadas sobre a saúde mental, segue a existir moito descoñecemento en torno a certas doenzas e trastornos. Por iso, sumámonos ao Día Internacional do Trastorno por déficit de atención e hiperactividade, celebrado durante o día de onte, contándoche todo o que precisas coñecer del. Permanece atento/a a este blog!
O TDAH é un trastorno que afecta ao desenvolvemento cerebral, que se acostuma diagnosticar en nenos/nenas e adolescentes e que supón unha das afeccións da saúde mental máis comúns neste rango de idade. Caracterízase, especialmente, pola dificultade para prestar e manter a atención, para controlar o movemento, a conducta (impulsividade) e mesmo os sentimentos.
Con todo, podemos distinguir ata tres tipos distintos de TDAH con diversos síntomas:
- Presentación dominante de falta de atención: a persoa pode parecer que está ausente, inmersa nos seus pensamentos, que esquece as cousas con moita facilidade ou presentar moita dificultade para concentrarse e para rematar tarefas. Con todo, non presentan problemas de conduta.
- Presentación dominante hiperactiva: neste caso, a persoa é incapaz de controlar os seus impulsos, amósase inqueda, non permanece sentada na cadeira (incluso durante as clases), é impaciente, fala constantemente e interrompe de forma recorrente.
- Presentación combinada: neste tipo de TDAH, pódense observar todos os síntomas dos dous anteriores.
Algúns dos factores de risco para desenvolver un Trastorno por déficit de atención e hiperactividade poden ser a compoñente hereditaria, posto que se pode transmitir de pais/nais a fillos/as, o consumo de alcohol, tabaco ou drogas durante o embarazo da nai, un nacemento prematuro do/a bebé ou a exposición da persoa a certas toxinas como o chumbo.
Malia toda información que existe hoxe en día sobre o TDAH, son moitos os mitos arredor del. Algúns dos máis estendidos e que debes evitar crer son:
- O TDAH afecta só aos nenos e nenas. Malia que o seu diagnóstico é máis común neste rango de idade e algúns dos seus síntomas desaparecen unha vez chegada a adolescencia, son moitas as persoas que seguen a ter este trastorno durante a súa etapa adulta.
- A súa aparición é culpa da educación inculcada polos pais. Non debemos esquecer que se trata dun trastorno que afecta ao desenvolvemento do cerebro, polo que non podemos atribuír as culpas nin a isto, nin a outras cuestións do ámbito familiar como divorcios ou mudanzas.
- O TDAH é un invento, non ten importancia ou presenta síntomas leves. Isto é absolutamente falso: este trastorno non só é real, senón que, de non tratalo correctamente, pode desembocar en fracaso académico, problemas para integrarse socialmente e para relacionarse con outras persoas, ansiedade ou mesmo depresión.
Agora que xa coñeces un pouco máis sobre a realidade que viven as persoas que padecen o Trastorno por déficit de atención e hiperactividade, debes saber que o apoio por parte dunha persoa profesional da psicoloxía é fundamental para o seu tratamento, grazas ao cal aprenden a controlar os impulsos, xestionar os sentimentos, ter máis organización, planificar mellor o tempo e mellorar a súa conduta.
Na área de psicoloxía de García e Lestón temos ao mellor equipo para atender estas e outras necesidades!
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!