QUE A CEFALALXIA NON TE TRAIA DE CABEZA. APÓIATE NA FISIOTERAPIA
As dores de cabeza poden estragar un bo día en máis ocasións das que nos gustaría, impedindo traballar e vivir con comodidade. Na maioría dos casos, estas molestias non agochan ningún tipo de doenza, pero é preciso controlalas para que non rematen afectando á nosa rutina. Queres saber que papel xoga a fisioterapia nese proceso? Permanece atento/a.
Para comezar, é preciso que identificamos os distintos focos de dor dunha cefalalxia. O máis común é sentir que o malestar se produce na fronte e ao redor dos ollos, tendo a súa orixe no sistema oculomotor. Tamén é habitual que afecte á caluga e aos laterais da cabeza, esta dor vén da zona cervical e debemos prestarlle moita atención. Cómpre saber diferenciar estes dous casos das xaquecas, que veñen acompañadas doutra sintomatoloxía como náuseas e cambios na visión.
A ansiedade e o estrés son as causas máis comúns deste tipo de doenza, pero tamén poden vir provocadas por malas posturas á hora de traballar ou durmir, pola tensión nos dentes ou na mandíbula, o consumo de alcohol, tabaco e cafeína, arrefriados e gripes, esforzos físicos que supoñan un mal movemento ou, simplemente, cansazo.
Como podemos poñerlle fin de xeito natural? A fisioterapia é a resposta. O máis habitual é que a persoa profesional neste campo, poida identificar que é o que nos está provocando esa dor. Unha vez analizada a causa, decidirase a técnica a utilizar para tratala. Entre as máis comúns temos:
- Terapia manual: coa realización de masaxes, manipúlase o tecido muscular, óseo e fascial, buscando a reactivación dos mecanismos de rexeneración do noso corpo e desta zona en concreto.
- Punción seca: mediante a cal se atravesa a pel cunha agulla para eliminar os puntos de gatillo ou de dor e estimular a rexeneración do tecido danado. É moi útil para as dores de cabeza que son causadas pola tensión muscular.
- Estiramentos: unha serie de exercicios e movementos que activan a zona para reducir a tensión muscular e, polo tanto, a dor.
- Diatermia: consiste na aplicación de calor na parte afectada, contribuíndo así a relaxación e alivio da molestia na cabeza ou mesmo no pescozo. Ademais, favorece a circulación e a mobilidade.
Padecer cefalalxia é moi común, especialmente nas vidas tan ocupadas e rápidas que levamos hoxe en día. Con todo, como ves, poden ter unha solución simple e efectiva. En García e Lestón contamos coas mellores persoas profesionais no ámbito da fisioterapia que poden axudarche a poñerlle fin.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!