Parálise cerebral. Como nos axuda a fisioterapia?
Parálise cerebral. Como nos axuda a fisioterapia?
Cando falamos de parálise cerebral, referímonos a un conxunto de trastornos permanentes derivados dunha lesión que afecta a múltiples funcións do sistema nervioso como o movemento, a postura, a visión, a audición, pensamento, emocións, linguaxe, etc.
Esta lesión é permanente e non hai xeito de curala ou eliminala, pero existen formas de mellorar a calidade de vida das persoas pacientes con parálise cerebral para aumentar a súa autonomía na realización de actividades cotiás. Neste sentido, a fisioterapia pode ser de grande axuda para a mobilidade. Neste blog contarémosche como.
Con todo, primeiro debemos ser conscientes de que os síntomas de parálise cerebral aparecen, comunmente, nos primeiros tres anos de idade e as lesións que a provocan poden producirse durante o embarazo, o parto, ou nos primeiros anos de vida. O primeiro sinal dunha posible lesión cerebral pode ser a dificultade para desenvolver habilidades motoras como gatear ou camiñar. Outros indicativos físicos poden ser:
- Hipotonía: ton muscular diminuído (corpo relaxado e abatido)
- Hipertonía: ton muscular aumentado (corpo ríxido)
- Favorecer o uso dun lado do corpo fronte ao outro mediante a postura
- Espasmos ou movementos involuntarios
- Torpeza ou descoordinación
Algúns destes síntomas poden estar presentes en persoas que non teñan parálise cerebral, por iso é importante acudir a un/unha profesional que realice as probas pertinentes e examine aspectos como o desenvolvemento das capacidades motoras, a postura, o equilibrio ou a marcha. Así mesmo pódense realizar probas como unha resonancia magnética cranial ou un electroencefalograma.
Unha vez obtido o diagnóstico, a fisioterapia constitúe un dos pilares no tratamento da parálise cerebral e é fundamental para manter a funcionalidade dos músculos e dos ósos a favor da mobilidade e da independencia física e para evitar o deterioro e a contractura dos músculos en desuso.
A fisioterapia torna aínda máis necesaria cando falamos dos nenos e nenas que aínda están na súa etapa de desenvolvemento. Os mozos e mozas que crecen sen parálise cerebral camiñan, saltan e corren, o que lles permite que os seus músculos medren ao mesmo ritmo que os seus ósos. Isto non sucede nos e nas pacientes desta parálise polo que, coa axuda da fisioterapia evitamos a contractura ao estirar os músculos. Esta disciplina tamén consegue mellorar aspectos como o equilibrio, a flexibilidade, o control da cabeza, o agarre ou o balanceo.
A fisioterapia é unha das mellores aliadas para as persoas pacientes de parálise cerebral. Por iso é fundamental poñerse nas mans de profesionais que che axuden a garantir unha boa calidade de vida e unha certa independencia nas accións do día a día.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!