Non teñas mala pata este verán: descubre como tratar e previr a escordadura de xeonllo
A chegada do verán é algo que tanto adultos como nenos/as desexan. O bo tempo, ir á praia, vacacións… moitos son os factores que fan que esta época do ano sexa a máis esperada. Estas condicións inflúen nun maior número de persoas practicando deporte, pero o incremento da actividade física tamén leva consigo un aumento no número de lesións e doenzas. Por iso, dende García e Lestón querémosvos amosar unha das máis comúns, para que coñezades como tratala e previla.
A escordadura de xeonllo prodúcese cando un dos catro ligamentos que suxeita a articulación sofre un estiramento repentino e brusco ou se desgarra total ou parcialmente. Esta lesión pódese deber a un golpe ou a unha flexión, torsión ou movemento violento do xeonllo, co pé apoiado firmemente no chan ou despois dun salto.
Os síntomas desta doenza adoitan ser moi concretos e aparecen xusto no momento no que se produce, o que facilita a súa identificación:
- Sentir un estalo na articulación (pode incluso escoitarse).
- Dor continua e intensa ao tentar camiñar ou ao tacto.
- Redución da capacidade de movemento e rixidez na mesma.
- Inflamación.
- Posible aparición dun negrón na zona afectada.
Esta lesión pode dificultar a calidade de vida da persoa que a sofre, e máis nesta época do ano cando aparecen constantemente plans de lecer que poden implicar o movemento desta parte do corpo (nadar, xogar ao pádel, ao baloncesto, facer sendeirismo, etc.). Por iso, queremos darvos algúns consellos para previla:
- Manter un bo estado físico.
- Fortalecer e tonificar a musculatura do xeonllo.
- Realizar exercicios de propiocepción e estabilidade: a propiocepción é un tipo de adestramento necesario para facer que o corpo se adapte a calquera cambio: saltar un charco, mudar a dirección, un tropezón, etc.
- Utilizar calzado axeitado.
- Controlar o peso corporal.
- Realizar estiramentos antes e despois de facer deporte.
O tratamento para a escordadura de xeonllo depende do ligamento que se viu afectado e a súa gravidade. No caso máis leve, basta con utilizar xeo e xeonlleiras articuladas que a manteñan no seu sitio. En casos máis graves, será necesario o uso de muletas ou mesmo cirurxía. En ambas as dúas situacións, é necesario un período de fisioterapia posterior á retirada da escaiola ou da operación. O tempo de recuperación nestes casos pode ser de catro ata oito semanas.
En García e Lestón contamos cun equipo de profesionais da fisioterapia que te acompañarán durante todo o proceso de rehabilitación para devolverche canto antes a calidade de vida.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!