Non te deixes levar pola preguiza este verán. Que lle ocorre ao noso corpo se non facemos exercicio?
Calor, vacacións, reunións con amigos e amigas… Para moitas persoas o verán é unha época do ano na que o exercicio muda a ser algo secundario e mesmo esquecido na rutina diaria. A actividade física é fundamental para o coidado do noso benestar sexa a estación que sexa e deixala completamente de lado pode ser fatal para a nosa saúde. Queres saber como nos afecta? Contámoscho neste blog:
Para comezar, a nosa musculatura é a que sofre unha das consecuencias máis inmediatas de non facer deporte. A atrofia muscular non só pode manifestarse co paso dos anos, tamén o fará se non utilizamos os músculos. Así, estes perderán forza, volume e flexibilidade, chegando a dificultar moito a realización de certas actividades do día a día.
Por outra banda, ter unha vida moi sedentaria incrementará o risco de obesidade e de desenvolver algunha doenza cardiovascular. Isto ocorrerá porque o noso corazón non estará acostumado ao esforzo e non bombeará tan ben o sangue do noso corpo, encargado de transportar o osíxeno e os nutrientes ao resto de órganos. Así, se non facemos exercicio, teremos moitas máis posibilidades de padecer problemas de circulación, colesterol, presión arterial alta ou mesmo infartos.
Do mesmo xeito, o noso metabolismo tornará máis lento. Por que ocorre isto? Ao estar en forma e ter unha musculatura traballada, esta precisará e gastará máis enerxía para funcionar. Por esa mesma razón, ter unha vida activa tamén evitará que aumente o noso nivel de azucre no sangue, reducindo a posibilidade de padecer diabetes.
Ademais, facer exercicio tamén é fundamental para o coidado da nosa pel. Ao suar, estaremos eliminando toxinas do noso corpo, o que axudará a que o noso órgano máis grande teña menos risco de desenvolver engurras, manchas e demais sinais de envellecemento.
Con todo, deixar de facer deporte tamén afectará negativamente á nosa saúde mental. Algunha vez escoitaches o dito de “mens sana in corpore sano”? A actividade física favorecerá a produción de endorfinas, as coñecidas como hormonas da felicidade, polo que contribuirá a reducir o risco de padecer doenzas como o estrés, a ansiedade ou a depresión, axudando mesmo a mellorar a nosa autoestima.
Agora que xa sabes o importante que é manternos activos/as para a saúde, seguro que non pensas deixar o deporte de lado neste verán. A nosa área de adestramento é o lugar indicado se queres comezar a facer exercicio. Os nosos grupos de adestramento funcional adáptanse á túa condición, sexa a que sexa, axudándoche a desenvolver dun xeito correcto os movementos do teu día a día.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!