“Non máis curvaturas”: Faille fronte á escoliose coa fisioterapia
Unha gran cantidade de doenzas desenvólvense durante a infancia ou a adolescencia. Para non ocasionar unha perda da calidade de vida segundo as persoas van medrando, é necesaria unha detección precoz destas afeccións.
Con todo, a maioría das veces os síntomas son pouco perceptibles nunha primeira ollada. Dende García e Lestón axudámosche a tratar unha enfermidade que, de non facelo, pode ter consecuencias graves na sosa saúde: a escoliose.
A escoliose é unha desviación lateral da columna vertebral, que ocorre con maior frecuencia no período anterior á puberdade, é dicir, cando o desenvolvemento do corpo é maior. Malia que a súa aparición pode deberse a doenzas como a parálise cerebral infantil ou a dismorfia corporal e incluso ser transmitida de pais/nais a fillos/as, pero a maioría de nenos/as que a padecen non teñen antecedentes familiares.
Para detectar canto antes esta enfermidade é necesario prestar atención aos seguintes sinais:
- Ombreiros a distinta altura.
- Curvatura da columna.
- Prominencia dunha omoplata sobre a outra.
- Extremos da cintura a distinta altura.
- Un lado das costas sobresae máis ao inclinarse cara adiante.
En xeral, os casos tenden a ser leves e non necesitan unha intervención cirúrxica, pero algunhas deformidades da columna poden ir empeorando a medida que a persoa vai medrando. A escoliose grave pode ser incapacitante, xa que unha desviación moi grande pode reducir o espazo dentro do peito, dificultando o funcionamento correcto dos pulmóns e creando problemas respiratorios. Outras complicacións que poden aparecer son:
- Problemas nas costas: hai unha maior probabilidade de sufrir dor crónica nas costas na adultez, sobre todo se non se aplica ningún tratamento.
- Aspecto: pode causar cambios no corpo, como cadeiras e ombreiros desiguais, desprazamento do tronco cara a un lado e costelas prominentes.
Detectar a escoliose a tempo e comezar un tratamento de fisioterapia canto antes é de vital importancia para diminuír o seu avance e mesmo para chegar a corrixila parcial ou totalmente. Para tratar a curvatura, é común o uso dun corpiño ortopédico, combinado con diferentes técnicas de fisioterapia como:
- Terapia manual: que se aplica sobre tecidos óseos, musculares, nerviosos e viscerais para equilibrar e corrixir as alteracións corporais.
- Indución miofascial: combinación de presións, estiramentos e posicións destinadas a eliminar as restricións da fascia muscular e equilibrar a zona alterada.
- Reeducación Postural Global: determinadas posturas que estiren todo o noso corpo.
- Fisioterapia clásica: estiramentos e exercicios co obxectivo de flexibilizar e fortalecer a columna vertebral.
En García e Lestón contamos cun equipo de profesionais da fisioterapia que estudarán o teu caso en profundidade, vendo a gravidade da desviación da columna e valorando outros factores relevantes para escoller o mellor tratamento. Contacta connosco sen compromiso!
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!