Non hai alimentos secretos, pero si segredos nos alimentos
Un paso fundamental para manternos saudables é unha boa alimentación. Pero moitas persoas non son conscientes do que están a consumir nin dos alimentos que deberían compoñer o seu menú. Isto pode facer que dean por imposible seguir unha nutrición boa, rica e completa para o seu organismo. No blog de hoxe desvelámosche algunhas das chaves que se agochan detrás dun bo hábito.
Para comezar é preciso poñer as cartas enriba da mesa. Por que temos que coidar o xeito no que nos alimentamos? Cales son os beneficios de facelo? E os problemas de deixalo de lado? Nutrirnos adecuadamente potencia o noso sistema inmunolóxico, achéganos a enerxía necesaria durante o noso día a día, mellora o funcionamento do noso cerebro, axuda a evitar problemas cardiovasculares, regula o noso tránsito e mesmo ten influencia sobre o noso estado de ánimo e pode axudar a evitar certos síntomas de depresión.
Pola contra, unha mala alimentación pode derivar nalgunhas doenzas como a diabetes, obesidade, osteoporose, anemia, hipertensión ou cancro de colon entre outras consecuencias.
Entón, como debo organizar o meu menú semanal para unha correcta nutrición? Este labor ten moito que ver cos alimentos que seleccionamos para comer e coas proporcións dos mesmos, con medidas recomendables para o seu consumo:
- As verduras, as froitas, os lácteos, os cereais integrais e produtos como o aceite de oliva virxe extra deberían formar parte do teu hábito diario.
- Por outra banda, é recomendable que os pescados, os legumes ou os ovos se consuman nunhas tres ou catro racións á semana.
- A carne branca podería comerse en dúas racións e a vermella só nunha.
O prato de Harvard pode ser outra ferramenta que nos axude a planificar a nosa alimentación. Esta é unha teoría coa que, pola simple división dun prato, podemos observar as cantidades de cada tipo de alimento que debe formar parte da nosa rutina. Así, as verduras, froitas e hortalizas terían que ocupar a metade do prato, os cereais integrais e os tubérculos un cuarto e os alimentos proteicos de orixe animal e vexetal completarían o último cuarto restante.
Por último, para que sexas toda unha persoa experta, ímosche dar algúns consellos para aplicar no teu día a día:
- Reduce a cantidade de sal que utilizas na cociña para evitar problemas cardiovasculares.
- Procura elixir auga para beber.
- Planifica o menú de toda a semana para organizar mellor os alimentos que debes consumir.
Malia todo, sempre é recomendable contar cun seguimento e unhas pautas específicas para a nosa persoa por parte dun/dunha profesional. En García e Lestón temos ao mellor equipo na nosa área de nutrición para que non se che escape ningún segredo cando elabores o teu menú.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!