Non deixes que a calor e as vacacións te freen. Continúa adestrando no verán
A chegada das boas temperaturas e os días libres serven a moitas persoas como escusa para deixar o deporte a un lado nesta época do ano. Malia que continuar coa nosa vida activa sexa fundamental para o noso benestar, é certo que debemos tomar unha serie de precaucións atendendo ás condicións propias do verán. Estás disposto/a a dominar o adestramento nos meses do estío? Pois atende a estes consellos:
Un exceso de calor pode resultar moi prexudicial para nós, especialmente se vai en combinación do esforzo propio dunha actividade física. Para evitar riscos, o máis recomendable é non adestrar nas horas nas que fai máis calor, é dicir, entre as 12:00 e as 17:00 horas, aproximadamente.
As horas da mañá ou as últimas da tarde adoitan ser moito mellores para facer exercicio, pero se só podes facelo nas horas centrais, busca lugares con sombra (se practicas deporte no exterior) ou ben ventilados. Do mesmo xeito, non debemos incrementar a intensidade e a duración dos nosos exercicios, en condicións de calor extrema incluso é recomendable rebaixala.
Pero por que resulta tan importante protexernos da calor? Un exceso da temperatura do noso corpo pode derivar nunha insolación ou golpe de calor. Para tratalo, debemos hidratarnos ben e trasladarnos a un espazo fresco, de non facelo podería provocarnos: mareos, desorientación, cansazo extremo, febre, convulsións, desmaios ou mesmo a morte.
En relación á calor, é igual de esencial usar cremas cun factor de protección solar mínimo de 30, aínda que se aconsella o factor 50. Se nos parece lóxico aplicar protección regularmente contra os raios UVA e UVB se imos pasar un día na praia, por que ía ser distinto se facemos exercicio no exterior? Así evitaremos queimaduras e rebaixaremos o risco de padecer cancro de pel.
Por outra banda, a elección da roupa que usamos para adestrar tamén é un factor chave nestas datas. As cores escuras absorben moita calor, polo que utilizar prendas con cores claras e frescas e lixeiras aumentará considerablemente a nosa comodidade.
Por último, e como xa che temos contado, a hidratación é fundamental para refrixerar o noso corpo, repoñer sales minerais e reducir así o risco de lesións. Para iso, non só nos podemos apoiar no consumo de auga e de bebidas isotónicas, a alimentación tamén está aí para axudarnos. Froitas como o melón ou a sandía contan cun alto contido de auga, o que as fai moi boas para recuperar líquidos e absorber vitaminas antes e despois de cada sesión de exercicio.
Estes son os mellores consellos que podes aplicar para non parar a túa actividade física durante o verán. Con todo, se queres evitar calquera risco, na área de adestramento de García e Lestón poderás facer deporte do xeito máis seguro, fresco e cómodo posible en compañía de persoas profesionais.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!