Levántate fresco/a como unha leituga. Coñece as chaves dun bo descanso
Un bo descanso é esencial para ter a suficiente enerxía coa que afrontar o día. Con todo, especialmente nos meses de verán, durmir pode converterse nunha auténtica odisea para moitas persoas: altas temperaturas, posturas pouco axeitadas, superficies incómodas, etc. No blog de hoxe non falaremos de alimentación, pero si que che daremos todas as chaves que precisas para levantarte fresco ou fresca como unha leituga! Sigue lendo:
Sabemos que a calor pode chegar a ser realmente insoportable nestas datas. Como podes evitar que se che peguen as sabas da suor durante a noite? Usar un pixama fresco e manterte hidratado/a é algo fundamental, pero arrefriar o cuarto é o que marcará a diferenza.
Ten coidado se usas aire acondicionado, é doado marcar unha temperatura demasiado baixa, así que procura programalo para que manteña uns 22 graos, aproximadamente. Ademais, lembra non abrir as fiestras e ventilar durante as horas centrais do día, pois o cuarto acumulará a temperatura do exterior. Faino a primeira hora da mañá e mantén as persianas ou as contras pechadas para que non entre a luz ata o atardecer.
Supoñamos que a temperatura xa non é un problema para o teu descanso. Que postura empregas para durmir? Si, a posición que mantés cando descansas inflúe na calidade do teu sono, no ben ou mal que espertas ou incluso na posibilidade de padecer algunha lesión, así que moito ollo.
Se dormes boca abaixo, sentimos dicirche que non é a postura máis recomendable, posto que pode xerar tensión e dor na zona cervical e nas costas debido a que a columna non descansa ben. De novo, malia que esta posición sexa boa, por exemplo, para evitar os ronquidos, non é para nada aconsellable.
Con todo, mudar os nosos hábitos á hora de durmir é realmente complicado polo que podes colocar un coxín debaixo do abdome para non danar tanto as túas costas. En canto á almofada, procura utilizar unha fina e branda.
Durmir cara arriba é moito mellor para a túa saúde e hixiene postural, aínda que te podes axudar dun coxín debaixo dos xeonllos para evitar arquear as costas. Por outra banda, se decides durmir de lado, tampouco será unha mala opción, pero é bo que uses un coxín entre as coxas para aliviar a presión sobre a columna. Do meso xeito ocorre coa posición fetal, na que ademais deberás ter coidado de non curvar demasiado as túas costas. En ambas posicións usarás unha almofada grosa, especialmente se dormes de lado, pero cuxa altura non supere os 13 centímetros.
Aplica estes trucos e consellos no teu día a día, e verás como o teu descanso será moito máis profundo e eficaz!
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!