Fisioterapia respiratoria. Que a alerxia da primavera non te deixe K.O
Nun primeiro momento, pode que relaciones a fisioterapia exclusivamente co tratamento e a prevención de lesións, pero o certo é que se trata dunha disciplina que actúa sobre moitas áreas e unha das que máis che pode interesar, agora que entramos na primavera, é a fisioterapia respiratoria.
Esta é unha especialidade da fisioterapia destinada ao tratamento de patoloxías respiratorias e pode servir tanto a modo de prevención como a modo de apoio ou complemento a intervencións cirúrxicas ou medicamentos. Non supón ningún tipo de dor para a persoa paciente, posto que é un tipo de fisioterapia moi pouco invasiva. Algunhas das doenzas que se benefician dela son:
- Asma
- EPOC
- Fibrose quística
- Bronquite
- Pneumonía
- Alerxias
- Catarro
Ademais, pódese aplicar tanto a persoas adultas como a nenas ou mesmo a bebés e axudará, entre outros beneficios, a mellorar a capacidade respiratoria, expulsar secrecións do nariz e dos pulmóns, reducir a cantidade de medicación que precisemos e mesmo pode influír nun mellor descanso e na redución da ansiedade e o estrés.
A alerxia é unha resposta inmunolóxica do noso organismo fronte a algún tipo de substancia. Coa chegada do bo tempo na primavera, as persoas tendemos a saír máis á rúa e a inhalar partículas como o pole que poden causar en nós proído de garganta, de ollos ou tose, entre outros efectos. A fisioterapia respiratoria tamén pode axudar a aliviar ditos síntomas. Como? Existen varias técnicas, aquí algunhas delas:
- Drenaxe postural: consiste en colocar á persoa doente en varias posicións para lograr unha expulsión das secrecións mediante o efecto da gravidade.
- Percusión torácica: son golpes repetidos no tórax para eliminar as secrecións que se manteñen pegadas nas paredes dos bronquios.
- Compresión torácica: facilita a respiración ao comprimir o esterno e o tórax.
- Expansión torácica: lógrase ao inspirar o máximo posible e manter o aire durante un breve período de tempo para despois expulsalo de forma lenta.
- Respiración diafragmática: inspirar polo nariz e expirar pola boca.
- Outros exercicios enfócanse á aprendizaxe dunha forma eficaz de tusir. É dicir, tusir para expulsar as secrecións facilmente sen que supoña ningún tipo de dor.
Con todo, cómpre recordar que o labor do/da profesional sempre será o de realizar unha valoración e exploración previa do sistema respiratorio do/da doente para identificar as súas necesidades e para descartar calquera tipo de risco provocado por algunha enfermidade. En García e Lestón temos ao mellor equipo profesional na nosa área de fisioterapia para que a respiración non che tapone o teu día a día.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!