Cando o verán é toda unha odisea: coñece a tanofobia
Durante o verán, moitas persoas queren conseguir o maior bronceado posible. Isto trae consigo unha sobreexposición á luz solar que pode prexudicar gravemente a saúde de quen o realice, chegando a desenvolver problemas graves como cancro de pel. Pero, doutra banda, existe unha minoría que, máis que buscar o sol, tratan de fuxir del: o que se coñece como tanofobia.
A tanofobia (ou heliofobia) é un trastorno psicolóxico que se manifesta como un medo irracional á exposición ao sol. As persoas que sofren esta doenza utilizan como argumento os danos que a radiación ultravioleta causa na nosa saúde, pero sen considerar os problemas que pode traer ao seu organismo a falta de luz solar.
Do mesmo xeito que ocorre con outras fobias, a persoa trata de non entrar en contacto co que teme. Neste caso, adoitan utilizar varias pezas de vestir -como sombreiros, lentes, panos, etc.-, protección solar en exceso e mesmo paraugas para filtrar a radiación e así protexerse.
Este trastorno pode desenvolverse durante a infancia ou a adultez e pode deberse a múltiples factores, entre eles destacan:
- Un evento traumático que condicionase o comportamento do/a paciente. Por exemplo, se de pequeno/a experimentou unha forte queimadura por culpa do sol.
- Unha resposta aprendida dun pai ou unha nai que sofre esta doenza e que lla transmite aos seus fillos/as.
- A exposición constante a noticias sobre os problemas que produce a luz solar tamén pode incentivar a aparición desta enfermidade.
Despois de escoitar a unha gran cantidade de especialistas falar sobre as consecuencias negativas da exposición descontrolada e sen protección á radiación ultravioleta é normal que nos preocupemos e tomemos medidas. Con todo, temos que ser conscientes de que o noso corpo precisa de vitamina D, para o cal é necesario que a pel estea en contacto coa luz solar. Este nutriente é esencial para absorber o calcio, axudándonos a combater futuros problemas de osteoporose ou raquitismo. Ademais, inflúe na saúde cardiovascular, no estado de ánimo e no correcto funcionamento do organismo.
A chave atópase en buscar un equilibrio entre a exposición e a protección. Os/As profesionais recomendan 15 minutos ao día para absorber uns niveis suficientes de vitamina D. Iso si, sempre con medidas de seguridade como lentes de sol, cremas, manternos hidratados/as, etc.
A tanofobia pode interferir na realización de actividades cotiás, sobre todo nesta época do ano, provocando unha perda na calidade de vida. En García e Lestón contamos cun equipo de psicoloxía que che axudará a tratar este trastorno en base ás túas necesidades, acompañándote a superar o medo e a recuperar o benestar na túa rutina diaria.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!