FALTA DE SONO? COÑECE OS ALIMENTOS ALIADOS DO TEU DESCANSO
Sabemos que necesitamos darlle descanso ao noso corpo para poder afrontar os días con enerxía e facer todas as nosas tarefas sen ningún tipo de problema, pero como podemos mellorar a calidade do noso sono? A resposta é sinxela: cunha boa alimentación. Hoxe contámosche cales son os alimentos chave para isto.
En primeiro lugar, debemos de ter en conta que o noso descanso está relacionado coa melatonina, unha hormona que regula o ritmo circadiano e que se produce en maior cantidade durante a noite.
A melatonina sintetízase a partir do triptófano, un aminoácido esencial, polo que debemos consumir alimentos ricos neste elemento para solucionar os nosos problemas co sono. Ademais, é fundamental inxerir nutrientes como ácidos graxos, magnesio ou hidratos de carbono. Cales son algúns alimentos saudables e que conteñan estas substancias?
O plátano achéganos fibra e hidratos de carbono. A súa cantidade de magnesio e potasio favorece a relaxación dos músculos e o seu contido en triptófano induce ao sono e ao equilibrio nos distintos ciclos.
As améndoas son ricas en proteínas, calcio, vitamina B e, por suposto, melatonina. Ademais da súa axuda para mellorar a calidade do noso descanso, a súa capacidade para saciar o apetito permite ter unha alimentación saudable, deixando atrás os produtos procesados para comer entre horas.
As cereixas son unha das froitas con maior concentración de melatonina, principalmente na súa variedade ácida. Conteñen vitamina A, B, C e fibra, que axuda tamén ao tránsito intestinal.
O polo e o pavo, ademais de conter grandes cantidades de triptófano, son carnes moi fáciles de dixerir, polo que se poden tomar antes de ir durmir e non suporá ningún problema.
Un dos poucos xeitos de obter vitamina D de forma natural é mediante o consumo de ovos, pescados ou algún fungo e ten un impacto positivo e directo no noso descanso.
Por último, temos a avea, que baixa a presión arterial, relaxa os músculos e está relacionada coa inhibición da hipocretina para a regulación dos ciclos do sono.
Agora xa o sabes, coida da túa alimentación e deixarás de contar ovellas cada noite para conciliar o sono.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!